Como é fácil imaxinar, os argumentos favorables ao galego foron máis habituais en periódicos como O Tio Marcos d'A Portela, O Galiciano, A Fuliada ou A Monteira. Porén, a defensa e reivindicación da nosa lingua non só se materializou a través das páxinas da prensa escrita en galego, senón que tamén se fixo escoitar noutras publicacións en castelán, por exemplo en La Ilustracion gallega y asturiana, El Heraldo gallego, Galicia: revista regional ou na Revista gallega. Persoeiros ben coñecidos como Juan Manuel Pintos, Antonio e Francisco M.ª de la Iglesia, Manuel Murguía, Juan Antonio Saco Arce e Valentín Lamas Carvajal, uníronse a outras voces anónimas ou menos recoñecidas para pregoaren conxuntamente a dignidade do idioma galego e o valor da creación literaria feita nunha lingua falada entón pola gran maioría da poboación. Todos eles foron conscientes da situación desfavorable na que se encontraba a lingua e dos prexuízos tan enraizados que cumpría desbotar. Por iso non dubidaron en defender o idioma propio de Galicia, chegando incluso a polemizaren publicamente a través da prensa contra aqueles que rexeitaban o uso do galego.
Grazas ao excelente ensaio de Carme Hermida, Os precursores da normalización (Xerais, 1992), podemos sintetizar brevemente cales foron as estratexias seguidas polos valedores da lingua. En primeiro lugar era preciso prestixiar o idioma, e para iso empregaron diversos argumentos históricos e lingüísticos: por exemplo, lembraron o uso do galego en calidade de lingua de cultura por parte de reis e nobres durante a Idade Media; destacaron o seu parentesco co latín; e mesmo converteron o galego en suposto "pai" do portugués e do castelán. Tamén insistiron en identificalo como a lingua propia de Galicia. E, xa que logo, fixeron del o elemento fundamental na configuración dunha identidade colectiva, equiparando o amor polo idioma propio co amor por Galicia. Ademais quixeron demostrar que era o galego un idioma útil, de necesario coñecemento nun país onde o falaba a gran maioría da poboación. Por ese motivo reclamaron que se ensinase nas escolas e que tivese unha maior presenza na prensa.
Por último os defensores do galego mantiveron que este posuía todas as características esenciais que permitían convertelo, após séculos de marxinación, nunha lingua literaria apta para ser utilizada por escrito en niveis cultos. Emporiso, para acadar o arelado Rexurdimento cumpría ao mesmo tempo realizar o urxente labor de fixar e perfeccionar o idioma, dotándoo dunha gramática e dun dicionario, para o cal era imprescindible a existencia dunha institución que se ocupase desas angueiras. Esta sería a tarefa reservada a unha futura Academia da lingua galega, de aí que dende finais do século XIX se viñese reclamando a súa creación.
Para completar esta breve exposición presentamos unha pequena escolma de artigos publicados na prensa da época onde se recollen algúns dos argumentos mencionados nas liñas precedentes:
- Anónimo, "Os gallegos renegados" en A Fuliada (1888, N. 13)
- Laureano Rodríguez, "El idioma gallego" en El Heraldo gallego (1878, Ns. 286, 287, 289)
- Manuel Murguía, "¿Desaparecerán los dialectos?" en La Ilustracion gallega y asturiana (1879, N. 21)
- Manuel Pardo Becerra, "D'a fala gallega" en A Monteira (1889, Ns. 1, 4, 10)