A colección Terra Nomeada é unha iniciativa do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega que se desenvolve en colaboración coa Asociación Galega de Onomástica e que conta, no caso deste número e doutros centrados noutros concellos coruñeses, co apoio económico da Deputación da Coruña.
Toponimia de Tordoia é unha adaptación do traballo fin de grao de Lidia Gómez Martínez, dirixido pola académica de número Ana Boullón Agrelo e presentado no ano 2018 na Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela. A publicación en Terra Nomeada contou tamén coas achegas da académica correspondente Luz Méndez, autora na mesma colección do volume Toponimia de Agolada.
A colección Terra Nomeada ten como obxectivo recompilar e estudar os nomes de lugares dos concellos de Galicia xunto cos principais accidentes xeográficos da zona. Saber cal é a motivación e o significado dos nomes dos sitios é un xeito de gañarmos consciencia da relación co noso pasado, de como se conformou a nosa sociedade e de como é a natureza que habitamos.
Entre outros, Toponimia de Tordoia afonda en topónimos únicos como Andoio ou Bouzamerelle. O primeiro dá nome a unha das parroquias de Tordoia, San Mamede de Andoio. A súa orixe e significado son descoñecidos. “Podería estar relacionado con outros nomes de lugar como Bormoio, en Coristanco, Leiloio, en Malpica de Bergantiños ou mesmo Baldaio, lugar da parroquia homónima, que conteñen todos o sufixo prerromano -io”, suxiren as autoras.
En canto a Bouzamerelle, lugar da parroquia de Castenda da Torre, seguramente sexa un topónimo composto da voz bouza, de orixe prerromana e definida no Dicionario da RAG como un terreo inculto poboado de mato como toxos, xestas ou uces, e mais un segundo elemento merelle, derivado do nome de persoa de orixe xermánica Mirellus. Tamén é único na toponimia galega Bouzarán, lugar da parroquia de Andoio composto, de novo, por bouza e mais por un segundo elemento que pode ser o nome prerromano referido a un accidente do relevo arán.