A campaña ‘Toponimízate’ divulga a riqueza dos nomes da terra e anima a participar na recuperación da microtoponimia

A segunda edición do programa Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra divulgará a riqueza da toponimia galega nos vindeiros meses nun total de 15 concellos. Será a través de charlas dirixidas ao público xeral nas que, ademais de coñecer a orixe e o significado dos nomes de cada concello e das súas parroquias e aldeas, poderá aprenderse a usar a futura aplicación colaborativa que pretende contribuír á preservación e difusión da microtoponimia galega a través da xeolocalización. A Real Academia Galega coordinará esta iniciativa coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística. A acción enmárcase dentro dos proxectos Toponimia de Galicia e GeoArpad que coordina a Xunta de Galicia.

O presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, intervén na rolda de prensa, acompañado do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, o técnico do Seminario de Onomástica, Vicente Feijoo, e María Luísa Pena Babío, da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE da Xunta de Galicia. Fonte: RAG


O presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, o técnico do Seminario de Onomástica da Academia, Vicente Feijoo, e María Luísa Pena Babío, en representación da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE da Xunta de Galicia, presentaron hoxe en rolda de prensa na sede da Academia a segunda edición deste programa, que terá lugar entre os meses de outubro e decembro en quince concellos da Rede de Dinamización Lingüística: Arzúa, Brión, Cariño, Miño, Muros, Castro de Rei, Cospeito, Foz, O Páramo, Celanova, Parada de Sil, Xinzo de Limia, A Lama, Moaña e Ribadumia. Vicente Feijoo visitará todos estes concellos cunha serie de charlas que contan coa colaboración, na elaboración das etimoloxías, do profesor da Universidade de Vigo e académico correspondente Gonzalo Navaza.

O presidente da RAG recordou a excepcional riqueza toponímica de Galicia e salientou que preservala é un compromiso colectivo como o foi a súa creación. "Poucos países contan cunha xeografía tan humanizada como Galicia. Cada rueiro, cada camiño, cada regato, cada cancela, ata os máis pequenos currunchos, non digamos as cidades e os núcleos de poboación, teñen nome. Os nomes de lugar son a alma da Terra, a crónica profunda da historia dos avós, dos devanceiros todos, dende a noite dos tempos, que deixaron pegada neste país. Detrás de cada nome de lugar está a memoria dos que habitaron mundo antes ca nós, para que saibamos deles, para que llelo transmitamos aos nosos fillos. Este tesouro construímolo entre todos e gardalo, consérvalo, estudalo, é un labor tamén colectivo, algo no que debemos sensibilizar o conxunto da poboación", expresou. Víctor F. Freixanes lembrou nese sentido que a Real Academia Galega, a través do Seminario de Onomástica, traballa moi activamente neste eido.

O secretario xeral de Política Lingüística subliñou, na mesma liña, que a toponimia e a microtoponimia "forman parte do patrimonio inmaterial dos e das galegas, unha gran riqueza e obra colectiva que non podemos deixar esmorecer". "A súa recuperación e fixación é un compromiso do Goberno galego en estreita colaboración coa Real Academia Galega, no marco do proxecto Toponimia de Galicia", engadiu.

Contido práctico
O técnico do Seminario de Onomástica da RAG, Vicente Feijoo, salientou a boa acollida da primeira edición de Toponimízate e agardou que o éxito se repita e contribúa a salvagardar a riqueza toponímica de Galicia. Este é o obxectivo, explicou, da aplicación Galicia Nomeada, que estará proximamente dispoñible para dispositivos móbiles. "Servirá para involucrar o voluntariado cultural de Galicia, principalmente a nosa mocidade, na creación da maior obra cultural colectiva do pobo galego. Con ela abriremos unha ventá ao mundo para dar a coñecer parte da historia de cada concello, unha intrahistoria que se agocha detrás de cada nome de lugar", expresou.

Os asistentes ás charlas aprenderán tamén a consultar a microtoponimia xa xeorreferenciada no "Buscador de topónimos" e as utilidades desta ferramenta para as actuacións sobre o territorio dos técnicos municipais ou a promoción turística de elementos de interese cultural e rutas de sendeirismo.

Alén do interese onomástico do programa, Toponimízate concíbese como unha actividade que contribúe á modernización da lingua galega. "Con ela fomentamos o seu uso na xente nova e xeramos dinámicas de traballo que promoven a participación de toda a sociedade nun proxecto cultural común e integrador", concluíu Vicente Feijoo.