A biblioteca Mirambell-Malibrán

O 22 de novembro de 1927, o empresario catalán afincado en Vigo e membro correspondente desta institución, Tomás Mirambell, fixo doazón á Academia dunha importante colección bibliográfica.
Sinatura de J. Malibran
Sinatura de J. A. Malibran no libro Système de la Nature, de Gilibert.  


A doazón, composta por máis de catrocentas obras, é descrita no Boletín da Real Academia Galega Nº 200 de xaneiro de 1928 nos seguintes termos: "A outra (doazón) foi enviada polo correspondente D. Tomás Mirambell, e ten, ademais, a particularidade de estar formada exclusivamente por obras dos primeiros escritores de Francia do século XVIII e comezos do XIX,e impresas en francés; e tamén dalgunhas de autores doutros países pero traducidas a este idioma. […] Parte desta biblioteca debeu pertencer antes, -pois levan moitas obras estampadas a súa sinatura, a un J. A. Malibrán, que tal vez sexa o célebre compositor e violinista francés Alejandro Malibrán". O artigo completo pódese ler aquí.

Descoñecemos como puido chegar a mans de Mirambell esta verdadeira xoia bibliográfica do Século das Luces francés, na que asinan obras de botánica, historia, filosofía moral ou tratados militares, autores como Florian, Necker, Mirabeau, Linneo, Condorcet, Bossuet ou Massillon. O seu anterior propietario, o músico francés Alexandre Malibran (1823-1867), foi tamén autor dunha biografía do compositor alemán Louis Spohr e, sobre todo, dunhas Mémoires sur les guerres de Napoléon, 1806-1813 que ben poderían dar conta do elevado número de obras de temática militar e histórica presentes nesta colección.

De quen si dispoñemos abondosa información é do empresario catalán afincado en Vigo Tomás Mirambell y Maristany, impulsor de numerosas iniciativas empresariais no sector marítimo e bancario, foi tamén presidente da Cámara de Comercio viguesa e membro correspondente da Academia desde a súa fundación. Activista destacado da causa rexionalista e federalista, neste artigo, "Salvemos a Galicia", publicado na Revista Gallega o 16 de xuño de 1899, atopamos un resumo do seu ideario político.

A relación das obras da Biblioteca Mirambell na Academia, con entrada do 1 de xuño de 1928, pódese descargar aquí.