Biblioteca

A biblioteca de Santa Catarina de Montefaro

En 1918 o Ministerio de Hacienda doou á Real Academia Galega parte dos fondos procedentes do convento de Santa Catarina de Montefaro, obtidos como consecuencia dun dos procesos de desamortización dos bens eclesiásticos levados a cabo no século XIX, entre os que se inclúe un volume da denominada Biblia políglota complutense, de 1517. Na actualidade, forman parte do fondo máis antigo da biblioteca da RAG.

O convento de Montefaro, fundado en 1393, exercía no século XVIII de centro de estudos de teoloxía moral e, polo tanto, posuía unha rica biblioteca de máis de 2.500 volumes que versaban sobre as máis diversas disciplinas, con predominio da teoloxía, a historia sagrada e o dereito, pero tamén contaba con libros de filosofía, historia antiga, matemáticas ou medicina, así como libros de viaxes, dicionarios e publicacións periódicas.

Nos seus estantes era frecuente atopar autores como Virgilio, Séneca, Horacio, Luis Vives, Sarmiento ou Feijoo.

Coa desamortización de Mendizábal de 1836, decrétase a incautación dos bens eclesiásticos das comunidades relixiosas extinguidas o ano anterior. As bibliotecas monacais ficarán espalladas por diferentes dependencias e o seu contido será vendido ou conservado en centros culturais, no caso de ter un valor histórico. Tal acontece cos libros do convento de Montefaro, que serán depositados na delegación do Ministerio de Hacienda na Coruña, onde permanecerán nos seus faiados durante anos, deteriorándose debido ás pésimas condicións de conservación.

É por isto que Manuel Murguía, primeiro presidente da Real Academia Galega, consciente da situación, decide, en 1908, solicitar ao estado os volumes que non desapareceran ou quedaran inservibles, con destino á institución.

Máis adiante, a Real Academia de la Historia, institución á que lle foran adxudicadas nun principio estas obras, ao saber do interese desta entidade e ao comprobar que moitas delas xa constaban na súa biblioteca, renunciou a elas en favor da RAG, grazas en parte á mediación de Ramón de Artaza, académico correspondente das dúas Academias.

Os exemplares de Montefaro foron, deste xeito, concedidos á Real Academia Galega en 1918, dez anos máis tarde da solicitude inicial, ingresando na súa biblioteca un ano despois.

O fondo que se conserva na RAG está composto por algo máis de 200 volumes de gran tamaño encadernados en pergameo.

Trátase de obras moi valiosas pola súa antigüidade, que oscila entre os séculos XVI e XVIII, aínda que algunhas chegaron incompletas e deterioradas e foron impresas en distintos lugares do noso país, como Madrid, Valencia ou Salamanca, e tamén do estranxeiro, como Lisboa, Lyon, Amberes, Venecia ou Basilea.

Canto ás disciplinas presentes nesta biblioteca, atopamos abondosos libros de temática relixiosa e histórica, como El gran diccionario histórico ó Miscelánea curiosa de la historia sagrada y profana, de Louis Moreri (París, 1753) ou biografías de santos como Historia de la vida maravillosa y admirable del segundo Pablo apóstol de Valencia, S. Vicente Ferrer, de Andrés Ferrer de Valdecebro (Madrid, 1682). Tamén hai libros de materia xurídica, médica ou farmacéutica como Palestra farmacéutica, chimico-galenica de Félix Palacios (Madrid, 1778) e algúns dicionarios como Dittionario italiano et francese (Genève, 1664).

Temos que salientar, ademais, unha verdadeira xoia de 1517 da colección de Montefaro titulada Quarta pars veteris testamenti hebraico grecoque idiom[ ], con texto en hebreo, grego, latín e arameo.

Trátase do cuarto volume, dun total de seis, da coñecida como Biblia políglota complutense ou Biblia del Cardenal Cisneros, a primeira edición políglota dunha biblia completa.