Biblioteca

A biblioteca da RAG: referente cultural na sociedade actual

A Biblioteca da Real Academia Galega constitúe un dos conxuntos bibliográficos máis importantes da nosa Comunidade Autónoma e do noso país. Os seus fondos superan os 60.000 volumes de monografías e os 3.000 títulos de publicacións periódicas.

Nesta extensa bibliografía, que abrangue dende o século XVI ata os nosos días, podemos atopar as máis variadas temáticas, especialmente na área das humanidades, sobre todo nos ámbitos da lingüística, literatura, arte, historia e cultura popular de Galicia. Pola cantidade de fondos dedicados ao estudo da cultura galega, configúrase, pois, como unha biblioteca de referencia e de consulta imprescindible para os investigadores de todo o mundo.

Dende os seus inicios en decembro de 1905, a biblioteca foise nutrindo coas doazóns feitas tanto por membros da institución como polos numerosos intelectuais que foron remitindo as súas obras.

Co tempo os fondos foron incrementándose non só cos exemplares ingresados por compra ou troco con diversas institucións nacionais e estranxeiras, senón tamén cos procedentes da doazón de bibliotecas particulares ou institucionais.

Algunhas destas bibliotecas son únicas na súa especialidade, como a de Marcial del Adalid, que contén edicións dos grandes compositores europeos como Liszt, Beethoven, Mozart, Haydn ou Chopin, entre outros.

Tamén é única a biblioteca de Luís Seoane, así mesmo de carácter internacional polos lugares de publicación das obras e os idiomas empregados, especializada na pintura do século XX, na que destacan as obras relacionadas con pintores como Klee, Miró, Matisse, Grosz e, moi especialmente, Picasso.

Ademais, a biblioteca da RAG conta con exemplares procedentes do Convento de Santa Catarina de Montefaro, valiosos pola súa antigüidade, como a obra de Antonio de Guevara Epístolas familiares (Madrid, 1668) ou a de Juan Baños de Velasco El Ayo y maestro de príncipes Séneca en su vida (Madrid, 1674).

Exposición do fondo Seoane na Biblioteca Pública da Coruña

Así mesmo, conta coas coleccións reunidas por importantes intelectuais galegos ao longo da súa vida, como Fontenla Leal, excepcional bibliófilo que loitou pola creación da Academia dende a Habana e cuxos exemplares reflicten o seu amor por Galicia, ao igual que os libros procedentes da colección particular do químico especializado en xeoloxía Isidro Parga Pondal (1900-1986).

De excepcional importancia é tamén a biblioteca do historiador e primeiro presidente da RAG Manuel Murguía, con exemplares como Leabar Gabala (París, 1884), por primeira vez traducida do irlandés ao francés.

Está a de Emilia Pardo Bazán, centrada na súa maior parte na literatura do século XIX, tanto española como europea, en especial a francesa; ou a de Antón Villar Ponte, que contén edicións de obras literarias galegas da primeira metade do XX, de gran valor, maioritariamente primeiras edicións que ademais están dedicadas ao viveirense polos seus autores.

A biblioteca da Real Academia Galega conta tamén cunha importante colección de folletos, moitos deles editados pola comunidade galega en América e polo tecido asociativo co que se contaba en Galicia a comezos do século XX. Entre estes folletos podemos atopar regulamentos, estatutos e outras moitas obras das que quedan moi escasos exemplares.

Valiosísima, así mesmo, é a sección da Hemeroteca, que conserva nos seus fondos máis de 3.000 cabeceiras, con títulos tan significativos como El Catón compostelano, O Vello do Pico-Sagro, A Nosa Terra, Vida gallega ou Nós.

A Biblioteca da RAG é hoxe en día, por tanto, un importante referente cultural para toda a sociedade. Investigadores de todo o mundo achéganse ás súas instalacións, ademais de realizaren as súas consultas mediante os recursos ofrecidos na web, tanto a través do catálogo como dos numerosos fondos dixitalizados á disposición do público.

Así mesmo, os exemplares propiamente ditos participan en múltiples exposicións organizadas durante o ano por institucións tanto galegas como do resto do Estado.

Por outra banda, o servizo de reprodución de fondos permite espallar a información tanto para fins particulares como para a súa difusión en distintos traballos, catálogos de exposicións, teses de doutoramento, edicións facsimilares, carteis, material de apoio en conferencias, artigos en revistas e prensa diaria, páxinas web de todo tipo, así como programas de televisión.