A Biblioteca da RAG amosa co gallo do Día do Libro as primeiras olladas ao Pergamiño Vindel

O Pergamiño Vindel xa está de volta ao outro lado do Atlántico, na Morgan Library de Nova York, despois de permanecer durante seis meses en Vigo, á beira do mar na que Martín Codax seguramente escribiu as sete cantigas de amigo reproducidas neste manuscrito do s. XIII. Co gallo do Día do Libro, a Real Academia Galega volve deterse nesta obra central da nosa literatura medieval cunha mostra das pezas máis significativas arredor dela que custodia a biblioteca da institución. Entre elas poderán verse, do 23 de abril ao 4 de maio, o artigo na revista Arte Español do libreiro que lle deu nome, Pedro Vindel, no que anunciaba, en febreiro de 1914, a súa descuberta e un dos escasísimos exemplares do libriño que publicou un ano despois de atopalo por casualidade, que inclúe unha edición facsimilar deste tesouro. Esta copia foi a que empregou o académico Eladio Oviedo y Arce para o seu estudo sobre o pergamiño, outra publicación singular que tamén forma parte da mostra.

Detalle da reprodución facsimilar do Pergamiño Vindel incluída no libriño de 1915 que o libreiro lle dedicou ao documento pouco despois de descubrilo por casualidade. Fonte: Biblioteca da RAG


"Un feliz descubrimiento acaba de hacerse, que aporta nuevos datos, y que es de importancia suma para la historia de la música y los cantos y bailes populares en España (...). Se trata de un pergamino del siglo XIII que contiene siete Canciones o Cantigas de Amor. Esta vitela, que es una maravillosa joya musical, la hemos hallado sirviendo de forro a un Códice del siglo XIV", escribía Pedro Vindel na introdución do libriño que acompañou de nove fotogravados do pergamiño que pasaría á historia co seu apelido. Desta primeira edición do documento, realizada en Madrid, tiráronse moi poucos exemplares para distribución privada e só dez se puxeron á venda ao prezo de 25 pesetas, indícase na propia obra.

A Academia conserva unha das poucas copias impresas do volume, a que pertenceu a un dos académico fundadores da RAG, Eladio Oviedo y Arce, primeiro galego, coa colaboración do académico correspondente Santiago Tafall Abad, que estudou seriamente o pergamiño. A interpretación e crítica do texto literario do primeiro, acompañada do texto musical, a cargo do segundo, foi publicada no Boletín da Real Academia Galega entre 1916 e 1917, e posteriormente nunha separata que tamén se pode ver na exposición.


Cuberta da separata co estudo sobre o Pergamiño Vindel dos académicos Eladio Oviedo y Arce e Santiago Tafall Abad. Fonte: Biblioteca da RAG


Un ano despois, en 1918, morría Oviedo y Arce e, tras varios intentos de venda sen éxito a unha institución española por parte de Pedro Vindel, o pergamiño era mercado por Rafael Mitjana, diplomático e musicólogo residente en Suecia. As cantigas de amigo máis antigas que se conservan con notación musical en calquera lingua da literatura europea xa non volverían a España ata o pasado mes de outubro, cando o Museo do Mar de Galicia lles abriu as portas nunha exposición coorganizada pola Universidade de Vigo e a Consellería de Cultura.

O estudo de Carolina Michaëlis de Vasconcellos e o facsímile de Moleiro
A Real Academia Galega participou na programación arredor deste acontecemento cultural coa celebración dunha xornada académica, da man da Universidade de Vigo, e volve agora lembrar a importancia do Pergamiño Vindel coa mostra que poderá verse desde o propio Día do Libro, o luns 23 de abril, ata o 4 de maio na biblioteca da institución, no terceiro andar da rúa Tabernas, 11 da Coruña.

Ademais dos títulos xa mencionados, exporase o primeiro traballo cualificado sobre o Pergamiño Vindel, A propósito de Martim Codax e das suas cantigas de amor, asinado en 1915 pola reputada filóloga Carolina Michaëlis de Vasconcellos, unha edición facsimilar do Pergamiño editada por Moleiro e outras obras actuais sobre o manuscrito.