A cita da Arnoia contará coa presenza do alcalde Rodrigo Aparicio Santamaría e será presentada pola técnica da Axencia de Emprego e Desenvolvemento Local Bárbara Carballeira. Da presentación da sesión da Illa de Arousa encargaranse a concelleira de Educación e Mar, Elena Otero Otero, e a profesora Helena Domínguez.
Vicente Feijoo, coordinador técnico de Galicia Nomeada e da unidade técnica de toponimia do Seminario de Onomástica, impartirá ambos os relatorios, nos que o público aprenderá tamén a orixe e o significado dos nomes dos seus concellos e parroquias, unha información elaborada coa colaboración do académico de número e profesor da Universidade de Vigo Gonzalo Navaza.
Dáse a casualidade de que os nomes dos concellos que visitará Toponomízate a semana que vén, A Arnoia e A Illa de Arousa, poden compartir orixe etimolóxica: segundo o lingüista Edelmiro Bascuas, os dous son hidrónimos derivados da raíz indoeuropea *er ‘moverse’, a través dun tema Arn- no caso de Arnoia, tamén presente noutros topónimos como Navia de Suarna; e a través do tema Arau- no de Arousa.