A antoloxía máis valdeorresa de Florencio Delgado Gurriarán

Vilamartín de Valdeorras acolleu a presentación dunha nova antoloxía poética do seu veciño Florencio Delgado Gurriarán, a cargo de Margarida Pizcueta Barreiro e Débora Álvarez Moldes, directora das Letras de Florencio. A publicación, promovida por esta iniciativa valdeorresa nada en 2016 para divulgar a figura e a obra do poeta valdeorrés, é unha mostra da implicación das persoas e entidades que a conforman na celebración do Día das Letras Galega que a Real Academia Galega lle dedica ao autor, salientou na presentación o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes.

Débora Álvarez Moldes e Margarida Pizcueta Barreiro cualificaron Florencio Delgado Gurriarán. Antoloxía poética como a escolma “máis valdeorresa das que se poden atopar nas librarías”. 

O volume, editado por Galaxia, inclúe un limiar do presidente da Real Academia Galega e tamén reproduce o perfil biográfico sobre o protagonista das Letras Galegas 2022 asinado polo seu colega José Gayoso nos anos 80 do século pasado, cando o poeta aínda era un gran descoñecido fóra da súa comarca. Este ano, destacou Víctor F. Freixanes, contribuirá definitivamente a proxectar entre todo o público a figura de Delgado Gurriarán e converterá Valdeorras “na capital cultural do mundo”.

O presidente da RAG participou na presentación da antoloxía no concello natal de Florencio Delgado Gurriarán xunto a Débora Álvarez Moldes, Margarida Pizcueta, o presidente do Instituto de Estudos de Valdeorreses, Aurelio Blanco Trincado, e o director xeral de Galaxia, Francisco Castro.