Pola esquerda, Víctor F. Freixanes, Marilar Aleixandre, Inés Rey, Fina Casalderrey, Henrique Monteagudo e Jesús Celemín. Fonte: RAG
Víctor F. Freixanes agradeceu a presenza na Academia da rexedora do Concello da Coruña, a institución municipal que acolleu durante décadas a Academia no pazo de María Pita, antes do seu traslado á rúa Tabernas 11, recordou. Ás portas da súa sede dende 1978, Inés Rey foi recibida polo propio presidente e o secretario da RAG, Henrique Monteagudo; a tesoureira, Marilar Aleixandre; e a arquiveira-bibliotecaria, Fina Casalderrey.
A rexedora, acompañada polo concelleiro de Cultura, Jesús Celemín, deixou constancia no libro de honra da institución da vontade do Concello da Coruña de seguir a colaborar "na defensa da nosa lingua e da nosa cultura", unha intención que concretou tamén na reunión mantida tras coñecer a biblioteca, o arquivo e demais instalacións da Academia. Inés Rey detívose tamén na Casa-Museo Emilia Pardo Bazán, situada na primeira planta do edificio que pertenceu á escritora coruñesa.