Tras as intervencións da propia Fina Casalderrey, o presidente da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias, e o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, a celebración trasladouse ao Teatro Principal, onde a escritora recibiu a Letra E. A crítica literaria Montse Pena Presas foi a encargada da lectura da laudatio da homenaxeada, á que lle deu resposta Casalderrey pechando o acto.
Fina Casalderrey é unha das principais figuras da literatura infantil e xuvenil galega, cunha destacada proxección exterior. A autora natural de Xeve representará a España na vindeira edición do Premio Hans Christian Andersen, considerado o Nobel das letras dirixidas ao público máis novo.