A Academia manifesta o seu pesar polo pasamento de Xosé Neira Vilas

A Real Academia Galega manifesta o seu profundo pesar polo falecemento de don Xosé Neira Vilas, membro de número desta institución.

O escritor natural de Gres (Vila de Cruces) deixa un importante legado ás nosas letras, do que forma parte Memorias dun neno labrego, a novela galega máis lida e traducida. Na década dos anos 60, os galegos con inquedanzas lectoras comprometéronse coa lingua, coa lectura e coa mensaxe desta obra. "Foi unha escola de concienciación idiomática e un encontro solidario coas clases subalternas da aldea galega", salienta o presidente da Academia, Xesús Alonso Montero. "Miles de lectores namorámonos de Eladia e outros miles percibiron que Balbino tiña razón cando dicía que no mundo non debía haber pobres. Memorias dun neno labrego é a novela dunha xente que devece por comer pantrigo", prosegue con afecto.

Pero Neira Vilas, engade Alonso Montero, é moito máis có creador de Balbino. Como escritor é autor doutras obras destacadas que van da narrativa e a poesía ao ensaio, como as novelas Xente no rodicio ou Aqueles anos de Moncho, os libros infantís Cartas a Lelo ou O cabaliño de buxo, e os poemarios Dende lonxe e Poesía recadada, entre outros. Primeiro desde Arxentina, a onde chegara en 1949, e a partir de 1961 en Cuba, Neiras Vilas foi ademais un traballador incansable a prol da memoria na emigración. En 1969 fundou na Illa a Sección Galega do Instituto de Literatura e Lingüística, desde a que proxectou a cultura galega nas universidades e centros de investigación de América e Europa e creou o fondo bibliográfico máis importante de Latinoamérica sobre Galicia.

De volta á súa terra, no ano 1992, Xosé Neira Vilas mantivo unha intensa actividade cultural a través da fundación que leva o seu nome, un referente cultural ao servizo da veciñanza do Val do Ulla. Mantivo tamén ata o último momento as súas colaboracións en prensa, outra parte do amplo herdo que deixa o noso Balbino, o fillo de labregos que nos ensinou que a rebeldía sempre pode ser a chave dun futuro mellor.

A capela ardente instalarase esta tarde en San Domingos de Bonaval. O enterro será mañá sábado en Gres ás 17.30 horas.