A Academia lamenta o pasamento do académico correspondente Víctor Campio Pereira

A Real Academia Galega expresa o seu fondo pesar polo pasamento de Víctor Campio Pereira González (Maside, 15 de xullo de 1928 - Ourense, 24 de xullo de 2018). Membro correspondente da institución desde o ano 2011, o escritor publicou poesía, novela e ensaio, e participou desde os últimos anos da ditadura franquista de maneira moi activa na vida cultural de Ourense, onde faleceu hoxe aos 90 nos de idade.

Víctor Campio Pereira nunha imaxe conservada no Arquivo da Real Academia Galega


Víctor Campio Pereira compaxinou a docencia coa produción literaria e un activismo cultural sempre vinculado a Ourense, onde se xubilou como profesor de secundaria no IES As Lagoas. A súa obra literaria abrangue varios libros de poesía -O ar que nos leva (1987), Perdida luz (2000), O aire, a luz e o canto. Poesía reunida 1987-2006 (2008) e Quince sonetos de amor e once poemas máis (2011)- a novela Baixo o sol do Magreb (1998) e o ensaio Escritos en do menor (2001). Tamén participou nas obras colectivas Sete poetas ourensáns (1992), Poesía dos aléns (2003) e Poetas e narradores nas súas voces. II (2006), e foi articulista en revistas e xornais, especialmente en La Región.

Foi distinguido como fillo predilecto de Maside, o seu concello natal, en 2010 e elixido membro correspondente da Real Academia Galega en 2011. Ese mesmo ano Víctor Campio Pereira tamén foi nomeado membro de honra da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega e en 2012 concedéuselle o premio Sete Carballas da Insua dos Poetas. O pasado mes de outubro o autor foi homenaxeado en Ourense en recoñecemento a toda a súa traxectoria, nun acto organizado polo Ateneo de Ourense e o PEN Galicia no que tamén participou a RAG.