O presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero, conversa coa presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, no encontro mantido no pazo provincial o pasado luns
Carmela Silva recibiu por primeira vez de forma oficial no pazo provincial ao presidente Xesús Alonso Montero; o secretario da RAG, Henrique Monteagudo; e a tesoureira, Rosario Álvarez. A presidenta da Deputación subliñou que a Academia é unha institución "da que todos os galegos e galegas temos que nos sentir orgullosas e orgulllosos" . "Desde as administracións estamos obrigados a colaborar coa Academia para que a nosa cultura siga tendo aquelas mil primaveras máis das que sempre falamos, para que volva ocupar na sociedade o lugar prioritario que lle corresponde", engadiu. Nesta liña, Silva expresou un compromiso claro de colaboración da Deputación coa RAG que se materializará nun convenio que permita desenvolver un proxecto concreto de promoción da lingua e da cultura galegas.
Xesús Alonso Montero salientou, pola súa banda, que nunca antes oíra un presidente provincial falar con tanta precisión sobre "o significado que teñen a lingua e a cultura en Galicia e do importante que é para elas unha institución como a Academia" , e mostrouse convencido de que a presidenta estará "á altura" das palabras que lle dedicou ao papel da cultura en Galicia.