O presidente Xesús Alonso Montero foi o encargado de manifestar por escrito, en representación da RAG, a "adhesión entusiasta" a esta iniciativa para que o aeroporto compostelán se denomine "canto antes" Aeroporto Rosalía de Castro, "nome que debería figurar en letras supermaiúsculas e luminosas, como luminosa é a vida e a obra literaria de Rosalía de Castro". "Permítaseme que, como cidadán da cultura galega, e non só como académico, me solidarice con esa proposta e me solidarice co máximo fervor", engade Xesús Alonso Montero no texto de adhesión.
"Cando no futuro cheguen a este aeroporto viaxeiros estranxeiros, a nova denominación convidaraos a interesarse pola vida e a obra da grande escritora, e cando os que cheguen sexan galegos, estou seguro de que todos eles experimentarán unha emoción especial ante o nome de quen foi a nosa defensora e a voz da Literatura galega moderna", conclúe.