Ano Castelao

1908-1915: o debuxante e o médico

En 1908, cando empeza a estar presente na prensa, Castelao ten vinte e dous anos e estuda Medicina na Universidade de Santiago de Compostela. Xa daquela, o mozo rianxeiro era ben coñecido pola súa habelencia para debuxar caricaturas. A pesar de que logrou finalizar a carreira de Medicina, a súa verdadeira paixón foi sempre o debuxo.

Dende 1908 participa en exposicións artísticas e colabora na prensa, publicando debuxos, ilustrando cubertas ou deseñando cabeceiras para revistas galegas e de fóra de Galicia.

Durante cinco anos exerce como médico na súa vila natal. Ao mesmo tempo colabora na revista local El Barbero Municipal e participa na política rianxeira militando co seu pai no Partido Conservador. Tamén se achegará ao movemento agrarista que dirixía Basilio Álvarez. En 1915 aproba as oposicións para o Corpo de Estatística e o ano seguinte instálase en Pontevedra coa súa muller Virginia, iniciando así unha longa estadía na cidade do Lérez.

Ao rematar esta etapa, Castelao é un artista con grande experiencia como caricaturista, pintor e ilustrador de libros e revistas. Coñecido polo público e gabado pola crítica, en 1915 a súa vocación artística xa está plenamente consolidada.

Na Hemeroteca da Real Academia Galega consérvanse numerosos materiais que dan testemuño deste período da súa vida.

1/11