Fotogalería Curros
Desde o multitudinario enterro na Coruña de Curros Enríquez, diversas entidades entre as que se atopaba a Real Academia Galega apreciaban a necesidade de honrar a súa memoria e mesmo tiñan posto en marcha colectas coa idea de dedicarlle unha homenaxe.
A partir de 1921, e por mediación do futuro académico Julio Dávila, aquelas organizacións da emigración galega en América que iniciaran estas colectas confluíron na idea común de erixir na Coruña un monumento á memoria do poeta.
En xaneiro de 1923 A Nosa Terra informaba: "Ao fin vai a ser un feito a ereición do moimento ao gran Curros na Cruña. A Academia Galega recibiu xá os cartos que se xuntaron en Cuba e na Arxentina. Xá se vai anunciar o concurso para a exposición de proieitos".
Vida Gallega 30 de setembro de 1910.
Real Academia Galega. Biblioteca
Unha vez autorizado polo Concello da Coruña o emprazamento, o 22 de xullo de 1923 procedíase a poñer nos xardíns herculinos de Méndez Núñez a primeira pedra do monumento. Era o momento de tomar decisións sobre o proxecto. E aquí xorden as polémicas tanto sobre a forma de elixir o proxecto coma sobre o xurado que había de ditaminar ao respecto.
Se un grupo de intelectuais e artistas galegos, entre os que figuraban Castelao e Antón Vilar Ponte, solicitou á Academia a adxudicación directa do proxecto definitivo a Francisco Asorei, o “escultor da Raza”, a corporación académica decidiu convocar un certame e designar como xurado a Academia de Bellas Artes de San Fernando, de Madrid.
Plano de emprazamento do monumento a Curros. BRAG.
Procesión cívica con motivo da colocación da primeira pedra do monumento a Curros Enríquez e da inauguración da biblioteca Concepción Arenal nos xardíns de Méndez Núñez. Arquivo municipal da Coruña.
Malia a concesión dunha farturenta subvención por parte da corporación municipal da Habana, os pasamentos de Murguía e de Martínez Salazar paralizaron o proxecto.
En 1925, con Francisco Ponte Blanco á fronte da Academia, a presidencia cubana veta a decisión da corporación habaneira de conceder a subvención. Ademais, un núcleo de galegos da Arxentina solicitan a convocatoria dun concurso internacional de ideas para resolver a adxudicación do proxecto.
Se as circunstancias obrigan a Academia á reformulación do proxecto, o falecemento do presidente Ponte Blanco en xullo de 1926 volve deixar o propósito en punto morto. En marzo de 1927, con Eladio Rodríguez á fronte da entidade, convócase o certame solicitado dende Buenos Aires.
Monumento a Curros Enríquez: bases para el concurso de proyectos (1927).
Real Academia Galega.
A finais de agosto de 1927, organizouse nunha sala da planta baixa do Instituto de Secundaria da Coruña unha Exposición coa ducia de bosquexos do monumento que se presentaron finalmente á convocatoria.
Sexa como for, este primeiro concurso foi declarado deserto por considerar que ningún dos proxectos presentados se axustaba ás bases nin interpretaba debidamente a obra do poeta.
Pola súa banda, escultores como Francisco Asorei ou Santiago Bonome non se presentaron perante o perigo de seren acusados de “favoritismo” no caso de resultar gañadores.
Maquetas presentadas no primeiro concurso de proxectos de monumento a Curros.
Real Academia Galega. Arquivo
En marzo de 1928 convócase o segundo certame, que se resolverá en agosto do mesmo ano. O proxecto gañador está asinado por Asorei. O veredicto recibe tanto críticas de favoritismo e manipulación coma os vítores daqueles que propuxeran o escultor cambadés dende o primeiro momento. En outubro de 1929 a Academia fixa co escultor as condicións para a erección do monumento.
No entanto, a finalización da obra demorou unha e outra vez, de maneira que non é ata 1934 que se procede á súa inauguración.
Francisco Asorei coa figura representativa da apoteose de Galicia, parte do monumento a Curros Enríquez.
Real Academia Galega. Arquivo
O 11 de agosto de 1934, unhas semanas despois do ingreso na Academia de Vilar Ponte e Castelao, baixo a presidencia de Manuel Lugrís e en presenza do Presidente da República Niceto Alcalá-Zamora, a Academia Galega inauguraba solemnemente o monumento en honra ao autor de Aires da miña terra.
Inauguración do monumento a Curros Enríquez.
Real Academia Galega. Arquivo
Trátase dun conxunto escultórico en granito coa forma da quilla dun barco, no que Asorei representa a Curros en pé cunha lira nas mans, acompañado de relevos que simbolizan o campo e o mar galegos. Na parte superior, unha muller espida cos brazos ergueitos representa a apoteose de Galicia. Inclúe tamén figuras de monstros que representan o caciquismo, a usura e a inxustiza, males que o poeta combateu toda a súa vida no xornalismo e na literatura.
Monumento a Curros Enríquez (1934).
Real Academia Galega. Arquivo


