O enterro de Curros segundo Galo Salinas

O 5 de abril de 1908, Galo Salinas Rodríguez envíalle a Octavia Ogea, filla de José Ogea, unha carta na que describe o enterro de Curros na Coruña.
Cortexo fúnebre de Curros Enríquez
Cortexo fúnebre de Curros Enríquez


O percorrido vital de Galo Salinas Rodríguez (A Coruña, 1852-1926) ofrece moitas semellanzas coa de moitos outros dos seus compañeiros de militancia rexionalista: tras unha estancia na emigración americana (Uruguai), ao seu regreso intégrase no círculo rexionalista coruñés organizado na libraría Regional arredor da figura de Murguía, a Cova Céltica, e pasa a desenvolver logo unha activa militancia galeguista, quer no eido cultural, publicando pezas dramáticas e estudos sobre o teatro galego como as súa Memoria acerca de la dramática gallega, accesible nesta ligazón; quer no xornalístico, dirixindo o semanario Revista Gallega; quer no ensaio político, con obras como Regionalismo gallego que se pode consultar aquí.

Sobre da carta de Galo Salinas
Sobre da carta de Galo Salinas


Membro correspondente da Academia desde a súa fundación, o seu traslado a Madrid en 1907 para se facer cargo da chancelería do consulado de Uruguai impídelle formar parte da relación de membros de número que integraron o primeiro Plenario desta institución.

Na súa misiva, Galo Salinas, que asiste á cerimonia en calidade de representante do Centro Galego de Madrid, describe o enterro de Curros nos seguintes termos: "la velada y el entierro fueron soberbios, magníficos, incomparables y sin precedentes ni continuación, porque no puede hacerse más". En efecto, segundo as crónicas da época, unhas corenta mil persoas ateigaron as rúas da Coruña o 31 de marzo de 1908 para acompañaren o cortexo fúnebre de Curros, nunha expresión multitudinaria de afecto popular sen antecedentes na nosa historia.

Alén da crónica do enterro de Curros, Galo Salinas tamén informa na súa misiva das tensións e rivalidades internas existentes no grupo dos rexionalistas galegos: "En cuanto a mis otros muy queridos correligionarios los regionalistas, unos me saludaron efusivos, otros ceremoniosos y alguno, como mi compadre Carré, ni siquiera me saludó".

Unha copia da carta orixinal. de Galo Salinas pódese descagar aquí, mentres que unha transcrición da mesma está dispoñible nesta ligazón.