-
A Lingua
Real Academia Galega
- A institución
- Letras galegas
-
Comunicación
-
Dicionarios
Fotogalería Estatutos
Logo de case un século de vixencia, os estatutos fundacionais da RAG ficaran completamente obsoletos. Cumpría, pois, acometer unha fonda actualización normativa da Academia, que delimitase con maior claridade os seus obxectivos así como os medios para acadalos.Os novos Estatutos, aprobados no ano 2000 e desenvolvidos polo Regulamento de Réxime Interno de 2001, supuxeron un salto cualitativo tanto na adaptación da Academia ás novas demandas sociais coma na súa organización interna.
Estatutos, reglamento interior, reglamento de la Sociedad Gallega de Excursiones, lista de académicos (1912). Real Academia Galega
Segundo os novos estatutos, a Academia pasa de ser unha institución cultural a outra máis centrada no ámbito lingüístico, en que exerce a autoridade normativa que lle foi outorgada pola Lei de normalización lingüística de 1983. A elaboración das normas ortográficas, do dicionario e da gramática, así como a restauración da onomástica, a defensa e promoción do galego ou a escolla da persoa protagonista do Día das Letras Galegas constitúen agora o cerne das súas funcións.
Nos novos estatutos establécese expresamente que o galego é a lingua propia da Real Academia Galega, que pasou a empregalo de xeito exclusivo na súa actividade interna así como nas súas comunicacións públicas. Ademais, faise referencia explícita á autoridade da Real Academia Galega sobre as variedades estremeiras do galego, faladas en Asturias, León e Zamora.
Mapa das áreas lingüísticas do galego. No terceiro bloque, áreas do galego estremeiro. Susana Freixeiro, a través da Wikipedia
Co fin de mellorar o seu funcionamento, o traballo estruturouse en tres seccións permanentes: Lingua, que xa existía, Literatura e Historia, creadas en 1998. A primeira foi dirixida por Xosé Ramón Barreiro, a segunda estivo ao cargo de Xesús Alonso Montero. A sección de Lingua constaba inicialmente de tres seminarios: os de Gramática, Lexicografía e Sociolingüística, aos que posteriormente se sumaron os de Onomástica e Terminoloxía.
Presentación de Parlamentarios de Galicia: biografías de deputados e senadores (1810-2001) (2001), un dos primeiros froitos da Sección de Historia. Real Academia Galega. Arquivo
Estableceuse tamén a reducion do número de académicos numerarios, que pasaron de corenta a trinta. O número máximo de académicos correspondentes quedou limitado a sesenta. Así mesmo, a Academia creou dous novos cargos —o de arquiveiro-bibliotecario e o de vicesecretario— que se suman aos de presidente, secretario e tesoureiro, previamente existentes. Estes cinco cargos conforman a Comisión Executiva.
Antonio Gil Merino e Luz Pozo Garza, primeiro arquiveiro-bibliotecario e primeira vicesecretaria respectivamente, segundo os Estatutos da Real Academia Galega de 2000. Coa incorporación de Luz Pozo Garza á comisión executiva, por vez primeira unha muller asumía un cargo directivo na Real Academia Galega.
Tamén se eliminou o carácter vitalicio dos cargos establecido nos antigos estatutos. Conforme os novos estatutos, os cargos directivos poden ser ocupados unicamente durante mandatos de catro anos, renovables unha soa vez de maneira consecutiva.
Cuberta da edición de uso interno de Estatutos, regulamentos e outras normas da Real Academia Galega


