Fotogalería Publicacións
As Normas Ortográficas e Morfolóxicas do Idioma Galego, publicadas en 1982, constituiron o acordo da Real Academia Galega e do Instituto da Lingua Galega en materia de unificación ortográfica e morfolóxica.
A comisión que elaborou o relatorio, guiada polos principios expostos na introdución, tivo en conta as normas achegadas por cada unha das institucións, pero considerou oportuno revisalas e amplialas en puntos insuficientemente tratados nas respectivas normativas, así como incorporar outros que non foran nunca obxecto de normativización.
Cadernos de lingua é unha revista de investigación lingüística, que sen renunciar a tratar temas de investigación teórica, pretende centrarse fundamentalmente no estudo de problemas prácticos e de interese xeral.
Creouse en 1990 e despois de corenta dous números continua mantendo a finalidade de informar e orientar os traballadores da lingua e o público en xeral sobre problemas sincrónicos e diacrónicos da lingua galega dunha maneira facilmente comprensible.
O Diccionario da lingua galega (1990) foi o primeiro dicionario completo publicado pola Real Academia Galega. O resultado foi un corpus dunhas 12.000 entradas que dan conta do léxico fundamental do galego común, isto é, das palabras máis importantes para a comunicación, incluíndo tamén os termos fundamentais dos diversos léxicos específicos (técnicos, científicos etc.), aqueles termos máis achegados ou integrados no núcleo léxico de uso. As dúas principais características que configuran e moldean esta pequena obra son a súa atención ao uso das palabras na lingua polos falantes e a limitación, intencionada, no número das entradas así coma no das súas acepcións.
O Pequeno diccionario da lingua galega foi unha publicación do ano 1993 que deu a coñecer o significado das palabras máis frecuentes do léxico galego . Tiña un tamaño reducido, aproximadamente 8.000 entradas nas que se incluíron as palabras consideradas fundamentais dentro do léxico patrimonial, así como outras pertencentes a vocabularios técnicos ou científicos bastante usuais na comunicación. Co desexo de contribuír ó proceso de normativización da lingua, presentáronse formas que, sendo moi correntes, non se consideran correctas e aconséllanse entón as formas máis en consonancia co léxico que posúe o noso idioma. En definitiva, pretendeuse ofertar ó público unha obra sinxela, pero útil para aquelas persoas que dan os seus primeiros pasos no coñecemento do léxico da nosa lingua.
Lingua inicial e competencia lingüística en Galicia: Compendio do I volume do Mapa Sociolingüístico de Galicia foi un compendio do primeiro volume do Mapa Sociolingüístico de Galicia. Con ela pretendeuse difundir os resultados máis significativos do citado volume sen afán de substituílo, senón de facilitar o acceso aos datos alí recollidos.
O traballo de investigación foi realizado polo Seminario de Sociolingüística da Real Academia Galega en colaboración coa Dirección Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia entre 1992 e 1996.
Para a súa elaboración realizáronse un total de 38.897 entrevistas entre a poboación galega, o estudo amosou que os galegos tiñan unhas actitudes positivas cara ao galego, especialmente os máis novos e os galegofalantes. O galego, a diferencia da actualidade era a lingua maioritaria do país, malia observarse unha liña de descenso constante no seu uso conforme descende a idade dos informantes. Existen ademais diferencias importantes segundo o hábitat, falándose máis no rural e no interior ca nas cidades e na costa. Por último, o estudo mostraba que os galegos tiñan , en xeral, unha competencia elevada en galego, excepto as persoas de maior idade nas destrezas escritas.
Ten a súa continuación no volume II, Usos lingüísticos en Galicia, e no volume III, Actitudes lingüísticas en Galicia.
Léxico administrativo castelán-galego
A altura dos primeiros anos da década dos 90 o galego estaba a incorporarse a ámbitos que anteriormente lle estaban vedados. É por isto que se fixo necesario dispoñer de ferramentas que permitisen resolver as dúbidas terminolóxicas que xurdían. Neste contexto, foi importante establecer un léxico estándar propio do ámbito da administración, o que xustifica a elaboración deste volume.
A función principal deste léxico foi ofrecer un instrumento práctico e útil, por este motivo, incluíronse non só termos específicos da linguaxe administrativa, senón tamén palabras e expresións que aparecen habitualmente en informes, diarios oficiais, respostas a instancias e outros documentos administrativos.
O usuario deste Léxico atopou varios apéndices con información complementaria que resultou de grande utilidade tanto na redacción como na comprensión dos textos administrativos. Entre eles inclúense unha listaxe dos concellos galegos cos seus respectivos xentilicios, o que o converte a súa vez nun pequeno traballo de toponimia, disciplina moito máis estudada pola institución en anos posteriores.


