Fotogalería Miscelánea
O 30 de xullo de 1980, Maruxa Fernández, viúva do artista e escritor Luís Seoane (1910-1979), fixo entrega a Real Academia Galega a biblioteca do seu home, composta por 2.704 volumes, procedente de Buenos Aires, cidade onde naceu o intelectual e á que tivo que regresar dende Galicia anos despois, debido a súa condición de exiliado por mor da súa ideoloxía política.
Este fondo constitúe un conxunto de extraordinario valor, considerado único no noso país pola súa singularidade, xa que aborda unha temática moi especializada, centrada na pintura do século XX, e ten un carácter internacional polos lugares de publicación das obras e as linguas empregadas, ademais de estar formado por primeiras edicións e exemplares belamente ilustrados, con características físicas individualizadoras que lle engaden aínda máis valor.
Na fotografía podemos ver a Maruxa portando a medalla de membro de honra da institución que a RAG tiña previsto concederlle ao seu home.
Maruxa Fernández ao mesmo tempo que fixo entrega da biblioteca de arte do seu home á Real Academia Galega tamén doou unha pintura realizada por Luis Seoane. A peza que custodia a Academia leva por título Sol negro e campesiñas e pertence á derradeira etapa artística de Seoane. Neste período a súa obra caracterízase pola eliminación de todo accesorio superfluo. Estamos perante unha obra tremendamente sintética protagonizada por catro figuras femininas. A muller estivo sempre presente ao longo de toda a pintura do artista, pois a muller labrega era para Seoane a personificación da “matria galega”.
Díaz de Herrera, Gabino, 1906-1983
Poeta nacido no Barco de Valdeorras en 1906, estudou o bacharelato na Coruña, e máis tarde Filosofía e Letras na Universidade de Santiago de Compostela, marchou a Madrid en 1925, onde rematou a carreira. Publicou poemas en Galicia Gráfica, Vida Gallega, Almanaque Gallego e Cristal. En 1927 publicou o poemario Abril e ao ano seguinte apareceu a súa tradución ao castelán de El Teniente azul de Colette-Willy. En 1933 obtivo o premio de poesía no concurso da Asociación da Prensa de León e o premio do certame de poesía do Concello de Lugo. Tras a guerra civil traballou como arquiveiro na Biblioteca Nacional de Madrid. Ao morrer a súa muller trasladouse ao Arquivo do Reino de Galicia da Coruña onde faleceu en 1983, legando a Real Academia unha importante colección de pintura contemporánea composta de 24 obras entre óleos, acuarelas e debuxos de autores galegos como Cebreiro ou Compostela e españois como Francisco Mateos, Juan Barjola ou o catalá Shum. O retrato de Díaz de Herrera que podemos apreciar na fotografía tamén pertence a colección doada, foi realizado polo pintor coruñes Ricardo Camino en 1927.
En 1988 tivo lugar a primeira edición do curso Galego sen fronteiras. Este proxecto naceu cunha función definida: crear un espazo de promoción da nosa lingua e cultura por todo o mundo, un labor que foi recoñecido polos Premios da Cultura Galega 2023 coa concesión do galardón da modalidade de proxección exterior. Polas súas aulas pasaron máis de dous milleiros de estudantes de múltiples orixes que hoxe exercen de embaixadores culturais de Galicia como docentes universitarios, tradutores ou mesmo creadores, como por exemplo o académico correspondente Johannes Kabatek, catedrático de Lingüística Románica da Universidade de Zürich, ou o tamén Takekazu Asaka, tradutor ao xaponés de diversos clásicos galegos e académico de honra, quen tamén asistiu á apertura da nova edición. Podémolo observar no centro da fotografía acompañado do alumnado do XXXVI Cursos de lingua e cultura galegas “Galego sen fronteiras” do presente ano 2026, acompáñano o presidente da RAG Henrique Monteagudo, a directora dos cursos, a académica María López-Sández, a directora do Instituto da Lingua Galega, Elisa Fernández Rei, a vicerreitora de Estudantes, Igualdade, Diversidade e Benestar da USC, Lorena Añón Loureiro, e o Secretario Xeral da Lingua, Valentín García.
A aprobación da Lei de normalización lingüística (LNL) polo Parlamento de Galicia, na fotografía pode verse a súa segunda sede no compostelano Pazo de Fonseca, en 1983 constituíu un fito histórico para a lingua galega. A Lei, aprobada por unanimidade no Parlamento Galego, foi un lóxico desenvolvemento do artigo 5 do Estatuto, que marcaba como obxectivo a normalización da lingua galega. Esta Lei declarou o galego como lingua propia de Galicia, consolidou a súa oficialidade, proclamou o dereito da cidadanía a coñecelo e usalo e estableceu un mandato normalizador para que os poderes públicos promovesen o seu emprego en todos os niveis da vida pública, cultural e informativa. A partir da súa aprobación, o Goberno galego centrou a súa política lingüística en fomentar o prestixio social e cultural do idioma, impulsar o seu uso nas administracións públicas, no ensino, nos medios de comunicación e na produción cultural, así como en mellorar as competencias e as actitudes lingüísticas da poboación. En 1986, o Tribunal Constitucional sentenciou a subordinación do galego con aparencia de cooficialidade, onde o prefixo "co" remarca que a verdadeira oficialidade só corresponde á lingua do Estado.
A alegación do recurso do goberno central, e do seu representante en Galicia, o presidente da Real Academia Galega, apoiábase na incompatibilidade da obrigatoriedade de coñecer o galego, como sinalaba o artigo primeiro, e a obrigatoriedade do castelán. A decisión do Tribunal Constitucional sancionou que os estatutos de autonomía non se lles recoñece competencia específica en materia lingüística, polo que os cidadáns das comunidades autónomas só teñen o deber de coñecer o castelán, pero, non a obriga de coñecer ningunha das outras linguas oficiais do Estado.
Logo da sentencia do Constitucional un grupo de catorce escritores, todos eles membros da Asociación de Escritores en Lingua Galega (Antón Avilés de Taramancos, presidente da asociación, Xosé Luís Méndez Ferrín, Uxío Novoneyra, Manuel María, Miguel Anxo Fernán Vello, Xosé Mª Álvarez Cáccamo, Lois Diéguez, Xoan lgnácio Taibo, Pilar Pallarés, Xavier Rodríguez Barrio, Paco Martín, Manuel Lourenzo, Antón Reixa e Manuel Lueiro Rey), permaneceu durante dúas horas e media nas instalacións da Real Academia Galega, ata entregar unha carta ao seu presidente, Domingo García Sabell, así mesmo delegado do Goberno, onde se solicita a súa dimisión "por un mínimo de lealdade con Galicia e coa súa propia historia privada".
Centro de documentación da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega.
Máis aló das polémicas, a Lei de Normalización Lingüística permitiu importantes avances. O galego incorporouse ao sistema educativo, ampliou os seus ámbitos de uso e experimentou un notable desenvolvemento cultural. A maior parte da poboación adquiriu competencias de lectura e escritura na lingua propia, e formáronse novas xeracións de galegofalantes cunha sólida conciencia lingüística, educadas en galego e capaces de empregalo en todos os ámbitos da súa vida. Porén, estes logros conviviron con importantes dificultades. O galego continuou perdendo falantes habituais e nativos, cada vez incorporou menos neofalantes, mantivo unha presenza moi limitada nos principais medios de comunicación e seguiu atopando escaso apoio entre determinados sectores das elites económicas, da burguesía urbana e dos grandes grupos mediáticos. Ao mesmo tempo, rexurdiron vellos prexuízos lingüísticos e apareceron outros novos, que dificultaron o proceso de normalización. Na fotografía vemos un cartel da primeira campaña de promoción do galego da Xunta de Galicia que se desenvolveu ao longo de 1984.
Paralelamente á normalización social, fíxose imprescindible avanzar na normalización da propia lingua. Cara a 1980, a configuración dun galego común estaba practicamente completada, pero seguía faltando unha norma lingüística que permitise construír un estándar capaz de responder ás novas necesidades derivadas da oficialidade e da expansión do seu uso social. Sen unha normativa resultaba imposible consolidar o ensino, a Administración e os restantes ámbitos institucionais en galego. Para dar resposta a esta necesidade, o Instituto da Lingua Galega, co asesoramento dos académicos Carlos Casares e Ramón Piñeiro, en colaboración coa Real Academia Galega, elaborou as primeiras Normas Ortográficas e Morfolóxicas do Idioma Galego (NOMIG), aprobadas en 1982. A definición deste modelo normativo provocou un intenso debate, con numerosas discusións de carácter técnico, pero tamén con polémicas marcadas polos personalismos.
Neste contexto, a Real Academia Galega tamén tivo que redefinir o seu papel institucional. A Lei de normalización lingüística recoñeceulle a potestade normativa sobre o idioma, asumindo a responsabilidade de fixar, actualizar e orientar a norma oficial nun momento decisivo para o proceso de normalización lingüística de Galicia.
La Voz de Galicia 20/11/2022


