Fologalería Académicas
Na entrevista que concedeu Sebastián Martínez Risco a Emilio Quesada publicada en Vida Gallega, unha das preguntas formuladas polo xornalista tratou sobre a posibilidade de que as mulleres accedesen á categoría de numerarias. O novo presidente confirmaba a apertura das portas da Academia para os ingresos femininos, e citaba a presidencia de Emilia Pardo Bazán e a elección de Francisca Herrera.
Real Academia Galega. Hemeroteca
A cuestión andaba no aire; en 1963 o oftalmólogo Antón Beiras García escribe a Sebastián Martínez-Risco: “Si vivira Rosalía daríalle a Academia unha cadeira? E vailla entón negar a tantas poetas, científicas ou escritoras”. Descoñecemos a resposta da Academia.
Real Academia Galega. Arquivo
O caso é que durante os anos 1960 e 1977, dos 63 académicos correspondentes, 4 de honra e 21 numerarios que se incorporaron á Academia, só atopamos unha muller: María de los Reyes Laffitte Pérez del Pulgar, condesa de Campo de Alange (1902-1986).
A aristócrata, escritora, ensaísta e crítica de arte destacou pola súa defensa dos dereitos das mulleres e fundou e dirixiu até a súa morte o Seminario de Estudios Sociológicos de la Mujer.
A súa proposta, que asinaron Sebastián Martínez-Risco, Xosé Filgueira Valverde e Francisco Vales Villamarín, veu motivada pola publicación da obra Concepción Arenal (1820-1893). Estudio biográfico documental (1973). No informe da candidatura, asinado por Antonio Fraguas, o académico destaca a súa valía como investigadora.
Real Academia Galega. Arquivo


