Fotogalería Protectoras
En abril de 1905, por iniciativa de José Fontenla Leal, reuníase por vez primeira no Centro Gallego da Habana a Comisión xestora da Asociación Iniciadora y Protectora de la Academia Gallega, precedente histórico da Real Academia Galega. Curros Enríquez asumiu a presidencia e Nan de Allariz a secretaría. Fontenla, o dinamizador principal desta asociación, figuraba como vocal.
Circular publicada no número 26 da revista Galicia na que se recolle a constitución da Asociación Iniciadora y Protectora de la Academia Gallega, publícase o seu regulamento e promóvese a subscrición.
Fonte: Real Academia Galega. Hemeroteca.
Fundada en xuño de 1905, o seu fin era crear unha Academia Galega para “dar unidad al idioma gallego por medio de la publicación de una Gramática y un Diccionario; estudiar nuestras ciencias; cultivar la literatura y las artes, inclusas las industriales; recoger nuestros cantos populares y nuestros monumentos arqueológicos, y realizando cuanto tienda á enaltecer u glorificar el buen nombre de Galicia”.
Oficio no que Manuel Curros Enríquez, presidente da AIP da Habana, lle comunica a Manuel Murguía o acordo da Comisión de Reglamento desta institución da súa designación para que proceda á constitución da Academia Galega.
Fonte: Real Academia Galega. Arquivo.
Unha vez conseguido o obxectivo de crear a Academia en Galicia, o seguinte paso era proporcionarlle medios económicos para o desenvolvemento das súas actividades. De feito, estímase que, ata 1914, a Asociación Iniciadora y Protectora foi case a única fonte de ingresos, á que se sumaría a partir de 1916 o Centro Galego da Habana.
Carné de socio da AIP da Academia Galega na Habana.
Fonte: Real Academia Galega. Arquivo
En novembro de 1905, baixo a presidencia xa de Secundino Baños, constituíuse a sección de Propaganda da Protectora. Na mesma xuntanza da súa constitución acordouse a publicación dun número extraordinario do Boletín que reunise traballos dos académicos como un medio máis de acadar fondos que axudasen ao desenvolvemento das actividades da Academia en Galicia ou, para salvar débedas contraídas co mesmo fin. En 1907 e despois de múltiples angueiras, o froito deste acordo estaba preparado para entrar no prelo, mais isto non chegou a producirse.
En 2001 publicouse o volume, coordinado por Xosé María Dobarro e en cooedición da Academia e a Universidade da Coruña.
A Real Academia Galega nutriuse nos primeiros anos da súa andaina dos fondos que recibiu das principais asociacións de emigrantes galegos. De 1918 data a constitución da Asociación Protectora de la Real Academia Gallega de Buenos Aires. De 1928 é a Asociación Protectora de la Cultura Gallega de Montevideo. Remesa de cartos destinados á Real Academia Galega procedentes de Buenos Aires.
Fonte: Real Academia Galega. Arquivo


