Fotogalería Académicas
En consonancia con outras institucións galegas, A Real Academia Galega non se caracterizou por unha especial acollida ás mulleres. Certo que é Rosalía de Castro ten unha presenza considerable ao longo de toda a súa historia, mais no artigo 6 dos seus primeiros Estatutos, aprobados por R. D., en agosto de 1906, sinalábase que:
Las mujeres que se distingan en cualquier ramo de los en que se ocupa la Academia podrán ser nombradas Académicas correspondientes.
Xa que logo, quedaba excluída a posibilidade de que as mulleres puidésemos ser nomeadas académicas de número, e polo tanto ter capacidade de voto nas deliberacións da Academia. Así e todo, durante as presidencias de Manuel Murguía e Andrés Martínez Salazar contamos con 23 académicas correspondentes. Delas daremos conta nesta fotogalería.
Fonte: “Lista de los señores académicos de número, correspondientes, adjuntos y de honor” [1905- 198?]. Real Academia Galega. Arquivo
Entre os antecedentes da Academia, ten especial relevancia a constitución dunha comisión xestora a partir da sociedade Folk-lore Gallego presidida por Pardo Bazán, que non lograría os seus obxectivos fundacionais pero axudaría a crear o clima necesario para a fundación da Academia. Na acta de constitución da Academia Galega, o 4 de setembro de 1905, noméase Emilia Pardo Bazán presidenta de honra “por sus indiscutibles méritos que la hacen acreedora de esta distinción”.
Fonte: Retrato de Emilia Pardo Bazán. Compañía fotográfica. Real Academia Galega. Arquivo
Emilia Calé (1837- 1908).
Prolífica autora e colaboradora na prensa galega do século XIX e máis tarde na española e latinoamericana. Participou en todos os xéneros literarios, conseguiu maior sona como autora de poesía e gustáballe cultivar os ambientes literarios. Na súa casa en Madrid reuníase a sociedade Galicia Literaria, fundada o 20 de setembro de 1875, á que acudían galegos residentes naquela cidade. É membro correspondente da Academia dende 1906.
Fanny Garrido (1846-1917)
Escritora e tradutora, foi unha adiantada da intelectualidade feminina no derradeiro terzo do século XIX. É autora de tres novelas e colaboradora habitual da prensa, na que tratou temas de educación social e mesmo de economía agraria, como «La situación agrícola de Galicia», en que mostra o seu coñecemento sobre esta materia. Formou parte da Sociedad del Folk-lore Gallego, e colaborou co seu home Marcial del Adalid na actividade de recuperación do folclore musical galego, que se materializou co inicio da publicación de Cantares viejos y nuevos de Galicia (1877), volume para o que compuxo fermosas poesías (de inspiración popular, intimistas, cancións de berce), musicadas por el. No campo da tradución, foi a primeira en verter ao castelán a Viaje a Italia do escritor alemán Goethe, autor do que tamén traduciu o Teatro selecto, editado en 1893.
Foi correspondente dende 1906.
Fonte: Retrato de Emilia Calé. Dicionario de mulleres galegas (Aurora Marco, 2007). Retrato de Fanny Garrido. Real Academia Galega. Arquivo
Clara Corral Aller (1847-1908), Rita Corral Aller (1853-1886)
Nacidas en Ourense no seo dunha familia acomodada, con inquietudes culturais e literarias, cultivaron a poesía, deixando mostras espalladas por publicacións periódicas. A obra poética de Clara foi reproducida en diferentes publicacións do derradeiro terzo do século XIX e no século XX.
Rita faleceu arredor de 1886. Ambas as irmás ingresan na Academia en 1906, no caso de Rita a título póstumo.
Filomena Dato Muruais (1856-1926)
Poeta, escritora e oradora, participou en numerosos movementos e iniciativas feministas e de reivindicación da cultura galega. Autora de cinco obras, a máis destacada é Follatos, que xunto á Cantares gallegos e Follas novas de Rosalía de Castro foron os únicos libros en galego publicados por mulleres no século XIX, os tres de poesía.
Poeta laureada, merecedora de premios en certames de Ourense, A Coruña, Tui, Vigo, Salamanca, Sevilla ou Granada, e colaboradora habitual en prensa e revistas galegas, de alén mar e de fóra de Galicia, é correspondente da Academia dende 1906.
Fonte: Retrato de Clara Corral (Wikipedia). Retrato de Filomena Dato. Vida Gallega ilustración regional: Ano V Volume IV Número 44 - 1913 setembro 10, páx. 23. Real Academia Galega. Hemeroteca
Hipólita Muíño Lago (188?-1917).
Narradora e publicista que empregou o pseudónimo Valentina Lago Valladares. Sábese que foi mestra de instrución primaria en Ferrol. A súa obra prosística, de excelente factura, convértea nunha das pioneiras deste xénero. Escritora en castelán e galego, textos son relatos realistas con protagonismo feminino, escritos con moita habilidade, outros son crónicas sobre feitos noticiábeis, como a inauguración da Real Academia Galega en setembro de 1906, á que foi convidada por ser nomeada ese mesmo ano académica correspondente, e outros relatos de ficción.
Carmen Beceiro (1887-1927)
Autora das novelas El marino (1887), La Bella aldeana (1889) e La sortija del negro (1890), e do poemario Zarzamoras (1890), é colaboradora de xornais e suplementos literarios. Figura como membro correspondente nos rexistros dende o 15 de setembro de 1905.
Fonte: Portada de El marino (1887), de Carmen Beceiro. Biblioteca franciscana Provincia de Santiago.
Sofía Casanova (1861-1958)
A escritora expatriada galega Sofía Casanova era poeta, novelista, xornalista, dramaturga, defensora social, tradutora, historiadora e intelectual, e unha das primeiras mulleres españolas a sosterse como escritora profesional. Traduciu diversas obras do polonés e ruso ao castelán e foi candidata ao Premio Nobel de Literatura en 1926. Destacou polas súas crónicas e escritos xornalísticos. Membro correspondente da Academia dende 1905, en 1952 nomeárona membro de honra.
Elisa Lestache (1840 -1919)
Poeta e narradora nacida en Cuba e finada na Coruña en 1919, aparece no Álbum dos primeiros xogos florais, de 1861. Correspondente dende 1906.
Fonte: Retrato de Sofía Casanova. Polska Akademia Umiejętności. “Al Sr. D. Manuel Curros Enríquez”, de Elisa Lestache. En “Homenaje a Curros Enríquez. Trabajos dedicados en su honor, en la velada que se celebró en el Teatro Principal de la Coruña, el día 21 de Octubre de 1904”. Galicia: revista semanal ilustrada. 49 (4/XII/1904), p. 4. Real Academia Galega. Hemeroteca
Ramona de la Peña y Salvador (s.XIX-s.XX).
Poeta, narradora de orixe lucense. En compañía do seu home, Manuel Castro López, emigrada na Arxentina arredor de 1892. Coñécense tres colaboracións súas na prensa anteriores a esta data. É académica correspondente dende 1906.
Francisca Herrera Garrido (1869-1950).
Escritora autodidacta, escribe poesía, novelas, ensaio e colabora en diferentes publicacións periódicas. Dá ao prelo tres libros de poesías que seguen unha liña romántico-idealista, tres novelas en galego, de temática rural e de corte sentimental e tres novelas en castelán, mais de asunto galego.
Correspondente da Academia dende 1916, en 1945 noméana membro de número, sendo así a primeira muller con esta distinción. Elabora o seu discurso de ingreso Rosalía de Castro nun mes, mais o presidente da RAG, Manuel Casás, demora dous anos en enviarllo a Couceiro Freijomil para que elabore a resposta, e este demora outro tanto, polo que Herrera fina antes de poder dar lectura. En 1987 dedicóuselle o Día das Letras Galegas.
Fonte: “Pregoeiro”, de Morana (Ramona de la Peña). En: Uxío Carré Aldao, La literatura gallega en el siglo XIX : [seguida de una antología y apéndices]. Coruña: librería regional de Carré, 1903, p. 79. Real Academia Galega. Biblioteca. Retrato de Francisco Herrera Garrido. Boletín de la Real Academia Gallega. 289-293 (1946-1950). Real Academia Galega
María Vinyals y Ferrés (1875–1940)
Naceu no castelo de Soutomaior, na provincia de Pontevedra. Muller de gran cultura, cun bo dominio de linguas (francés, inglés, alemán e portugués), axiña comezou a destacar nos ambientes culturais. Interesada pola arte, pola historia, pola literatura e polos traballos de tradución, mantivo relacións de amizade con Emilia Pardo Bazán e con María Barbeito Cerviño, coas que compartiu a defensa dos dereitos das mulleres. Foi membro da Agrupación Femenina Socialista e vicepresidenta da Unión de Mujeres Españolas. Comezou a escribir sendo moi nova, mais o primeiro traballo do que temos constancia é o libro Castillo del Marqués de Mos en Soutomayor. Apuntes históricos (1904), xa que queimou gran parte dos seus traballos.
A Academia nomeouna membro correspondente en 1906.
Mercedes Vieito Bouza (1887-1960)
Nacida na Habana de pais galegos, Mercedes Vieito Bouza despregou unha intensa actividade na revista Galicia, onde formou parte oficial dos redactores. Na revista Eco de Galicia aparece como directora desde 1934 até o seu peche en 1936. Impulsou a creación de escolas e bibliotecas nas aldeas natais polas sociedades comarcais existentes e creou a súa escola La Aurora no barrio de Luyanó para o ensino primario. Tamén participou no movemento agrarista da década de 1910, contra a oligarquía e o caciquismo. Foi unha fervente difusora do pensamento do apóstolo de Cuba, José Martí.
É académica correspondente dende 1906.
Fonte: Retrato de María Vinyals. En: Un sueño llamado Soutomaior: María Vinyals 1910-1917. Alvarellos. Retrato de Mercedes Vieito Bouza. Real Academia Galega. Arquivo
Mercedes Tella Comas (1868-1934)
Mestra e directora da Escola Normal de Mestras. Pronunciou conferencias e escribiu artigos científicos, literarios e pedagóxicos en periódicos e revistas. Colaborou asiduamente nas distintas institucións culturais da Coruña. Correspondente dende 1906.
Concepción Rocafull Priante (1874-1945)
Pedagoga, directora da Escola Nacional de Nenas do Pavillón Escolar de Ourense, e colaboradora de publicacións da época, entre elas Labor Gallega (A Habana), na que escribía sobre Ourense. Foi nomeada académica correspondente en 1917.
Fonte: Retrato de Mercedes Tella. A Coruña das Mulleres. Retrato de Concepción Rocafull. Labor gallega: ilustración mensual: órgano de las Sociedades Gallegas de Instrucción. 7 (10/IX/1915), p. 9. Real Academia Galega. Hemeroteca
Sarah Lorenzana Couto (1878-1960)
Pedagoga, mestra, poeta, novelista, publicista, redactora. Aínda que sexa lembrada máis ben polos libros destinados ao público infantil e, sobre todo, pola longa serie Las aventuras de Hugo —14 volumes aparecidos entre 1908 e 1922—, Sarah Lorenzana tivo unha extensa carreira profesional, activa e heteroxénea. Escritora amplamente coñecida en Galicia e máis alá das fronteiras galegas, recibiu múltiples honores e gañou diferentes premios en certames literarios.
María Barbeito Cerviño (1880-1970)
Mestra, pedagoga, escritora, tradutora, lingüista, socióloga e educadora.
Con destino na Escola Graduada Pública de Párvulos Da Guarda, centro que vai dirixir entre 1915 e 1936, puxo en marcha unha novidosa pedagoxía educativa que a converte en referencia e é a introdutora en Galiza dos principios de Maria Montessori. Ingresou na Academia como correspondente en 1912.
Fonte: Retrato de Sarah Lorenzana. Acuarelas: Cuentos y poesías, 1905. Retrato de María Barbeiro. A Coruña das mulleres.
Eugenia Osterberger (1852-1932)
Nacida en Santiago de Compostela, foi unha compositora galega do romanticismo que contribuíu de maneira importante á creación dunha música galega culta de raíz popular. Profesora de francés e piano e compositora, publicou a súa obra inicialmente pola editorial de Canuto Berea na Coruña, máis tarde tamén en París e Madrid. Na Coruña participa activamente na vida cultural e social da cidade, entra en contacto co grupo rexionalista da Cova Céltica e co círculo artístico e musical coruñés da época. Integrouse tamén na sociedade El Folk- lore Gallego. A Academia nomeouna correspondente en 1907.
Fonte: Retrato de Eugenia Orterberger. A Coruña das Mulleres.
Pura González Varela (1874-1958).
Mestra e recoñecida pianista, gañou a cátedra de Música e Canto na Escola Normal da Coruña, onde desenvolveu a súa traxectoria profesional durante catro décadas, adquirindo, desde este posto de traballo, un gran recoñecemento e a ponderación unánime do seu labor tanto docente coma persoal e de estudo da música galega e divulgación da mesma. Correspondente dende 1907, tivo grande implicación na vida da Academia en compañía do seu home, Manuel Lugrís Freire.
Pilar Castillo Sánchez (1890-1952)
Pianista galega de recoñecemento internacional, formada pola súa nai, Salvadora, por Eugenia Osterberger e mais por Canuto Berea Rodrigo. Autora de “Maruxiña”, muiñeira para piano sobre un poema de Eduardo Pondal. Foi profesora no Conservatorio da Coruña e correspondente da Academia dende 1912.
Fonte: Retrato de Pura González Varela. A Coruña das Mulleres. Retrato de Pilar Castillo Sánchez. A Coruña das Mulleres.
Marie Schlikau (1866 -?)
Marie Henriette Björkman Schlikau, nacida en Hamburgo, profesora titulada e traballou como tradutora e escritora. Coñecémola como tradutora dun poema de Eduardo Pondal ao alemán, “Pol-a patria”. Tradutora ao alemán de Rubén Darío e tamén de “El Pi de Formentor” de Miquel Costa y Llobera (1915). Casou co hispanista sueco Viktor Björkman, membro tamén da RAG, ambos ingresaron en 1914.
Carolina Michaëlis (1851-1925)
Crítica literaria, escritora, lexicógrafa e investigadora portuguesa de orixe prusiana. Está considerada unha das grandes personalidades da filoloxía portuguesa, e foi a primeira muller que impartiu clase nunha universidade portuguesa, e unha das primeiras en entrar na Academia das Ciencias de Lisboa. Editora do Cancioneiro da Ajuda, obra monumental na que traballou 27 anos, e estudosa da literatura portuguesa medieval e clásica, tamén realizou estudos etnográficos. Carolina Michaëlis foi nomeada correspondente da Academia en 1906.
Fonte: "Fürs Vaterland", tradución de “Pol-a patria” de Pondal por Marie Schlikan. Real Academia Galega. Arquivo. Retrato de Carolina Michaëlis. Porto, 1912. Wikipedia.



