Fotogalería Academia Gallega
A necesidade dunha norma ortográfica común, un dicionario e unha gramática que unificasen a lingua é un vello propósito desde o tempo dos Precursores. Xoán Manoel Pintos foi dos primeiros en deixalo por escrito na súa A gaita gallega (1853):
Ah de Dios, dicen alguns,
Que gramatica non temos
Nin dicionario tampouco
De sinificados cheo!
A fórmula escollida para executar este proxecto foi constituír unha Academia dotada dunha indiscutible lexitimidade cultural e prestixio social. Porén, o camiño foi longo e contou con precedentes frustrados, como foron a sociedade Folk-lore Gallego e a Academia Gallega.
Fonte: Xoán Manuel Pintos, A gaita gallega: tocada polo gaiteiro, ou sea carta de Cristus para ir deprendendo a ler, escribir e falar ben a lengua gallega e ainda mais. A Coruña: Real Academia Galega, 1981, p. 43.
En 1884 e baixo a presidencia de Emilia Pardo Bazán, inaugurábase na Coruña a sociedade do Folk-Lore Gallego, á imaxe da inglesa Folk-lore Society e co obxectivo de recoller e conservar as tradicións e saberes populares. Dez anos despois, ante a súa ineficacia, os seus membros decidiron disolvela e refundarse co nome de Academia Gallega.
Carta da directiva da Academia Gallega a Curros Enríquez comunicando a disolución da Sociedad El Folk-lore Gallego e convidándoo a formar parte da súa sucesora, a Academia Gallega.
Fonte: Real Academia Galega. Arquivo
A xuntanza de constitución tivo lugar os días 17 e 18 de febreiro de 1895 no salón de sesións da Deputación da Coruña, onde se aprobou o regulamento. Porén, as discrepancias internas e diferentes concepcións sobre o futuro desta sociedade provocaron a súa disolución ese mesmo ano.
Listaxe de socios da Academia Gallega
Fonte: Real Academia Gallega. Arquivo
A vida efémera da Academia Gallega non desanimou os intelectuais do Rexionalismo galego, que seguiron reclamando a necesidade dunha institución que dotase dunha norma culta oficial o galego.
Nun artigo publicado no semanario La Tierra Gallega da Habana o 19 de maio de 1895, o seu director, Manuel Curros Enríquez, fai a crónica das desavinzas políticas que fanaron o desenvolvemento da Academia Gallega, nomeadamente, do papel de Eugenio Montero Ríos, figura clave da política galega daquel tempo.
Houbo que agardar aínda once anos máis, ata 1906, para que esta antiga arela do galeguismo se convertese en realidade, grazas ao impulso moral e apoio económico da comunidade galega na diáspora cubana.
“La Academia Gallega”, Manuel Curros Enríquez. La Tierra Gallega. 70 (19/V/1895), p. 1


