Fotogalería Outras latitudes
A relación da Academia coa comunidade galega do Uruguai comeza en 1928, cando o Centro Galego de Montevideo convocou un certame literario e solicitou a axuda da Academia para xulgar os traballos presentados. Nese mesmo ano fundouse na capital uruguaia unha Asociación Protectora de la Cultura Gallega que ata 1935 envioulles algún diñeiro á Academia e ao Seminario de Estudos Galegos, e que a cambio recibía exemplares do Boletín e do dicionario. Posteriormente, xa na década de 1960, o Banco de Galicia de Montevideo e o Centro Galego desa cidade entregáronlle á Academia varias doazóns económicas para axudar ao seu mantemento.
Edificio do Centro Galego de Montevideo. Real Academia Galega. Arquivo
Relación dos afiliados á Asociación Protectora de la Cultura Gallega. Arazua. 2 (X/1930). Real Academia Galega. Hemeroteca
En Venezuela varias entidades da emigración —Centro Galego de Caracas, Lar Gallego, Casa de Galicia, Hermandad Gallega— mantiveron relacións coa Academia a partir da década de 1950 e tamén lle entregaron importantes cantidades de diñeiro. Nese país existiu ademais a asociación Amigos de la Academia Gallega, creada pola Hermandad Gallega de Caracas, que durante os anos 60 fixo donativos á Academia e financiou algunhas das súas publicacións. Durante a década de 1970, dúas sociedades venezolanas, a Hermandad Gallega e o Padroado da Cultura Galega, destacaron polo seu apoio económico á Academia en tempos de gran necesidade motivada polas obras no edificio da rúa Tabernas.
Visita á Academia do presidente da Hermandad Gallega de Caracas, Antonio Castro Rodríguez (11/V/1973). Real Academia Galega. Arquivo
Durante os anos 60 e 70, a Academia recibiu partidas de diñeiro dende os Estados Unidos grazas aos envíos realizados pola sociedade neoiorquina Casa Galicia de Unidad Gallega, da cal era membro o académico correspondente Emilio González López.
Ao igual que outras asociacións galegas de América, a Casa Galicia neoiorquina respondeu con xenerosos envíos ás peticións de axuda para financiar as obras da nova sede na rúa Tabernas. Como contrapartida, os directivos de Unidad Gallega expresaron o seu desexo de que a Biblioteca académica contase cunha Sala de América, onde se reunisen os libros de temática americanista e os escritos por autores galegos residentes nese continente, e organizaron actos para obter os fondos necesarios.
Emilio González López (sentado, cuarto pola dereita) e outros integrantes de Casa Galicia de Unidad Gallega nun acto destinado a reunir fondos para a Academia (1963). Real Academia Galega. Arquivo
Na cidade de México viña funcionando dende 1953 un Padroado da Cultura Galega que desenvolvía múltiples actividades. Do seu labor sabía a Academia por medio de contactos con integrantes dese organismo cultural, pois constan na documentación interna varias visitas de representantes do Padroado á sede académica. Nunha desas visitas, a Xunta de Goberno pediu a colaboración económica do Padroado para compensar a diminución das achegas doutras colectividades galegas. Ademais, tamén se acordou solicitarlles aos seus representantes que creasen na capital mexicana unha asociación protectora que recadase fondos para a Academia. Porén, a pesar deses contactos, non consta que os galegos residentes en México chegasen a enviar axuda económica.
Propaganda do Padroado da Cultura Galega de México. Real Academia Galega. Arquivo
Entre as axudas procedentes de fóra de Galicia cómpre mencionar as subvencións concedidas por distintos organismos estatais, pois a Academia obtivera en 1906 o título de “Real” e era unha institución oficialmente recoñecida polo Estado español. A pesar diso, non foi ata 1923 que comezou a recibir unha contribución anual de distintos gobernos.
Tras o comezo da guerra civil en 1936 a subvención interrompeuse e só se reanudou outra vez en 1940. Nas décadas posteriores, a medida que se reducían as axudas enviadas de América, as subvencións procedentes de Madrid foron esenciais para a subsistencia da Academia ata a instauración da Autonomía de Galicia. Mais para lograr a concesión de axudas estatais foi necesaria moitas veces a intervención favorable de políticos galegos ben posicionados nos círculos gobernamentais.
Noticia dunha subvención concedida polo Estado. BRAG 152 (1/VI/1923). Real Academia Galega


