Fotogalería Cuba
Un artigo de Manuel Murguía acerca da necesidade de confeccionar un dicionario do idioma galego estivo na orixe da fundación na Habana da Asociación iniciadora y protectora de la Academia Gallega en xuño de 1905. Nese artigo, que se publicara en 1904 nas páxinas de La Temporada en Mondariz e despois na revista Galicia da Habana, o futuro presidente da Academia afirmaba que o dicionario debía ser unha obra colectiva subvencionada polas catro deputacións galegas. Inspirado por esas ideas, José Fontenla Leal —acompañado de Manuel Curros Enríquez e doutros membros da comunidade galega— tomou a iniciativa de constituír unha asociación para impulsar a creación da Academia que realizaría a obra do dicionario.
Artigo de Murguía sobre a necesidade dun dicionario galego. Galicia (A Habana) 14 (2/IV/1905). Real Academia Galega. Hemeroteca
Debido á inexistencia de axudas oficiais durante os seus primeiros anos de vida, a Asociación iniciadora foi a entidade que achegou diñeiro á institución presidida por Murguía. Aínda que o envío da axuda dende A Habana non sempre foi regular nin suficiente, durante moitos anos permitiu que a Academia contase cun local e puidese desenvolver a súas actividades. Tamén o Centro Galego da Habana contribuíu en ocasións ao seu mantemento.
Os fondos da Iniciadora procedían fundamentalmente das cotas que pagaban os socios protectores, quen en troco recibían os números do Boletín académico e os fascículos do dicionario. Ademais, a Asociación era consultada sobre as actividades da Academia e propoñíalle a esta os candidatos a académicos correspondentes en Cuba.
Retratos de Manuel Curros Enríquez e de Ángel Barros Freire, presidente e vicepresidente da Iniciadora. Galicia (A Habana) 35 (25/VII/1905). Real Academia Galega. Hemeroteca
Ademais das cotas dos socios, a Asociación obtiña fondos mediante a celebración de “veladas” musicais e literarias nas cales se recadaba diñeiro para enviar a Galicia. Estes actos organizábanse para conmemorar os aniversarios da Iniciadora e da Academia, ou ben dedicábanse a honrar a memoria de escritores como Curros e Pondal.
O Boletín académico, alén de informar dos envíos de diñeiro da Asociación e dos cambios na súa directiva, tamén daba noticias sobre as “veladas” realizadas polos socios protectores a beneficio da Academia. En 1920 e 1922 publicou dous números especiais que estiveron dedicados por enteiro a dar conta das actividades desenvolvidas pola Iniciadora.
Acto organizado pola Iniciadora para celebrar o segundo aniversario da Academia. Follas Novas (A Habana). 537 (15/IX/1907). Real Academia Galega. Hemeroteca
A Iniciadora estaba dirixida e administrada por unha directiva da que formaban parte un presidente, un secretario e un tesoureiro, aos que acompañaban os seus respectivos substitutos e varios vogais. Posteriormente tamén se creou o cargo de arquiveiro-bibliotecario e varias comisións que desempeñaban tarefas diferentes, entre elas unha Sección de Propaganda e unha Comisión de Festejos. Aínda que a Asociación tiña o seu centro na cidade da Habana tamén contaba con delegacións noutras localidades da illa e incluso fóra dela.
Grazas ás noticias ofrecidas na prensa galega de Cuba e no Boletín académico podemos coñecer os nomes das persoas que foron ocupando os cargos na directiva e nas distintas comisións.
Retratos dos integrantes da Sección de Propaganda da Iniciadora en 1908. Real Academia Galega. Arquivo
Co paso dos anos os envíos de diñeiro da Iniciadora fixéronse cada vez máis irregulares e reducidos debido á diminución do número de socios e á mala situación económica de Cuba, de tal maneira que en 1932 tivo lugar a súa última contribución antes do comezo da guerra civil.
Despois de moitos anos inactiva, a Asociación rexurdiu en 1947 grazas aos esforzos de José Rubinos e de Antonio do Campo. En 1954 nomeouse a Rubinos académico de honra en agradecemento ao seu labor a prol da Academia. Durante os anos 50 a Iniciadora continuou mandando diñeiro e propoñendo novos académicos correspondentes. Porén, tras o triunfo da revolución cubana en 1959, a Asociación entrou de novo nun período de inactividade ata a súa disolución a finais dos anos 60.
José Rubinos (no centro) acompañado doutros membros da Asociación Iniciadora y Protectora de la Academia Gallega (29/IV/1950). Real Academia Galega. Arquivo
Tras a disolución da Asociación Iniciadora y Protectora de la Academia Gallega, a súa documentación incorporouse á sección galega do Instituto de Literatura y Lingüística de Cuba que estaba dirixida por Xosé Neira Vilas. El foi precisamente quen se encargou —coa autorización da Academia— de integrar os fondos da Iniciadora dentro da institución cultural cubana. A Neira Vilas tamén se lle debe a doazón ao noso Arquivo de varios documentos relacionados cos primeiros anos da actividade da Asociación Iniciadora e as súas relacións coa Academia.
Doazón de Xosé Neira Vilar á Academia de documentación da Asociación Iniciadora y Protectora de la Academia Gallega na Habana (14/IX/1984). Real Academia Galega. Arquivo
Dende a súa fundación en 1905 ata que deixou de existir nos anos 60, a Asociación Iniciadora tivo moitos presidentes, pois os seus Estatutos establecían que todos os cargos da directiva debían ter unha duración de só dous anos. Ademais de Manuel Curros Enríquez, debemos mencionar entre aqueles que ocuparon a súa presidencia a Secundino Baños, Ángel Barros Freire, Ramón García Mon, Juan José Roberes, Vicente Ruíz Castaneda, Juan Beltrán Muíños, José Rubinos e Antonio do Campo.
A Academia mantivo sempre unha fraternal relación coa Iniciadora da Habana, pois é a ela que lle debe a súa creación e porque durante moito tempo ela foi un apoio fundamental que permitiu a súa supervivencia.
Directiva da Asociación Iniciadora en 1919 presidida polo sacerdote Juan José Roberes. Eco de Galicia (A Habana). 87 (9/III/1919). Real Academia Galega. Hemeroteca


