'Toponimízate' busca este venres en Paradela colaboradores na recolla dos nomes da terra

Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra fará unha nova parada en terras luguesas este venres, 4 de setembro. A campaña da Real Academia Galega e a Secretaría Xeral da Lingua para concienciar a sociedade da importancia de conservar a toponimia tradicional ofrecerá unha charla no Centro Sociocultural Manuel Oreste de Paradela (19:30 horas) na que o público aprenderá a rexistrar nomes de leiras, veigas, camiños, fragas, fontes e outros microtopónimos empregando a aplicación colaborativa Galicia Nomeada. O coordinador técnico deste espazo, o filólogo da RAG Vicente Feijoo Ares, explicará ademais a orixe e o significado dos nomes das parroquias do municipio.

A alcaldesa de Paradela, Montserrat Mulet Sar, e a concelleira de Promoción de Emprego, Formación, Cultura e Novas Tecnoloxías, Ana Belén López Álvarez, presentarán este acto que pretende animar a veciñanza a colaborar nunha recolla que urxe moito, e para a que resulta esencial a participación das persoas que aínda coñecen os nomes tradicionais transmitidos xeración tras xeración. Alén de vivir nas últimas décadas unha notable perda de habitantes, este municipio do interior da provincia de Lugo non foi obxecto dunha recollida toponímica exhaustiva durante os anos en que estivo activo o Proxecto Toponimia de Galicia. Só están rexistrados, de forma incompleta, os microtopónimos daquelas parroquias polas que transcorre o Camiño Francés. 

Vicente Feijoo explicará de xeito práctico e ameno as principais funcionalidades de Galicia Nomeada. As persoas asistentes aprenderán a manexar tanto a súa versión para navegadores web coma a de dispositivos móbiles e coñecerán as súas principais funcionalidades: como solicitar unha conta de usuario, como engadir un novo topónimo, como enviar suxestións e completar a información da toponimia existente...

Na parte final do relatorio, o especialista en toponimia exporá as mudanzas que implicou en Paradela a aprobación da actualización do Nomenclátor de Galicia en marzo deste ano. A freguesía de San Facundo de Ribas de Miño pasou a denominarse San Fagundo de Ribas de Miño e o lugar de Moutras adaptou a forma oral da veciñanza, Moutrás. Tamén afondará na orixe e no significado dos nomes das parroquias de Paradela, unha información elaborada a partir da investigación etimolóxica do académico e profesor da Universidade de Vigo Gonzalo Navaza. Proxectarase así mesmo o episodio da serie O Seminario de Onomástica responde dedicado a Paradela, a cargo do coordinador do Seminario de Onomástica da RAG, o académico Antón Santamarina.

Os maiores do Pereiro de Aguiar serán os protagonistas da vindeira charla 'Toponimízate'
Toponimízate mudará de provincia a vindeira semana para se desprazar ao concello ourensán do Pereiro de Aguiar. Desta volta, os maiores do Centro dos Gozos serán os protagonistas, o vindeiro venres 11 de setembro a partir das 19:30 horas, dun encontro en que compartirán todo o seu amplo coñecemento sobre os nomes da terra.