'Toponimízate' chega este outono a unha ducia de concellos

Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra chegará este outono a unha ducia de concellos das catro provincias con charlas nas que o público coñecerá a orixe e o significado dos topónimos que designan os seus municipios, parroquias, aldeas ou accidentes xeográficos e aprenderá ademais como empregar a aplicación Galicia Nomeada, que lle permite á cidadanía colaborar na recolla de nomes de leiras, fontes, camiños ou devesas que corren o risco de se perder. As paradas da sexta edición da campaña, coordinada pola Real Academia Galega co apoio económico da Secretaría Xeral de Política Lingüística, serán desta volta Padrón, Dumbría e Narón na provincia da Coruña; Friol, Becerreá e A Pobra do Brollón na de Lugo; Maceda, Amoeiro e Trasmiras na de Ourense e Vila de Cruces, Tui, Ponte Caldelas na de Pontevedra.

O presidente da RAG intervén na presentación en rolda de prensa da nova edición de Toponimízate xunto ao secretario xeral de Política Lingüística e o coordinador técnico de Galicia Nomeada. Fonte: RAG

O presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, presentaron este mediodía na Fundación Luis Seoane a xeira 2023 acompañados polo coordinador técnico de Galicia Nomeada, o filólogo da Real Academia Galega Vicente Feijoo, quen será o encargo das accións formativas. Coas novas charlas previstas, o mapa de concellos toponimizados sumará xa máis de oitenta.

Toponimízate ten dous obxectivos principais: divulgar a riqueza toponímica de Galicia, que fai do país un lugar único no mundo pola insólita abundancia de nomes tradicionais que nomean case palmo a palmo o territorio; e involucrar a poboación de todas as idades e de todos os concellos galegos na recollida e xeolocalización dos microtopónimos aínda non rexistrados empregando a aplicación Galicia Nomeada, lembrou o presidente da RAG. “Estamos a facer un grande esforzo pola recuperación, a defensa e a posta en valor dun dos patrimonios máis importantes do país: a toponimia. Cada nome de lugar leva detrás toda a historia das persoas que habitaron a terra. É un diálogo entre onte e hoxe, entre os devanceiros e os contemporáneos que debemos manter e transmitir”, afirmou. Esta campaña, proseguiu, “procura implicar todos os axentes sociais, desde a veciñanza aos centros de ensino, para entre todos recuperar o noso patrimonio e deixármolo de legado para os que veñan detrás. Para a Real Academia Galega é moi importante implicar a xente na afirmación e reivindicación da nosa cultura”, concluíu.

O secretario xeral de Política Lingüística quixo pór en relevo o apoio da Xunta de Galicia nun proxecto que mesmo está a traspasar fronteiras. “Diversas comunidades autónomas contactaron connosco para poder replicar Galicia Nomeada e implicar a súa poboación como o estamos a facer nós”, explicou. Valentín García repasou as cifras de Galicia Nomeada – unhas 3.200 persoas colaboradoras que achegaron máis de 67.000 microtopónimos dende finais de 2019– para salientar que a implicación dos galegos e galegas na recuperación da toponimia debe ser un motivo de orgullo. “Mais non debemos conformarmos, temos que seguir sumando máis voluntarios culturais, máis asociacións e máis centros de ensino. Aí radica a importancia da campaña Toponimízate”, insistiu.

A comunidade de voluntarios culturais engadiu nomes na práctica totalidade dos concellos, pois só quedan dez sen ningunha achegas pública. As contribucións resultaron de especial relevancia naqueles municipios en que non se realizou no pasado traballo de campo ningún no marco do Proxecto Toponimia de Galicia, como Marín, Vilaboa, Petín, O Irixo ou Silleda; e naqueloutros que comezaron a recoller a súa toponimia despois de que a campaña Toponimízate chegase ao seu territorio. Allariz foi unha das paradas da edición anterior e, desde o 23 de outubro de 2022 ata hoxe, foron máis de 1.500 topónimos os que se recuperaron neste concello ourensán.

Contido das charlas
Os doce concellos aos que chegará Toponimízate ata comezos de decembro comparten unha mesma característica: en ningún deles se completou o traballo do Proxecto Toponimia de Galicia, o que significa que aínda non se recolleu unha parte importante da microtoponimia do seu territorio. Dáse ademais a circunstancia de que Becerreá e Maceda son dous deses dez concellos dos que aínda non se incluíu ningún microtopónimo en Galicia Nomeada, ademais de sufriren un avanzado proceso de despoboamento, o que aumenta a urxencia de levar a cabo a recolleita dos topónimos menores antes de que as persoas informantes desaparezan.

Nas charlas Vicente Feijoo incidirá na riqueza toponímica que posúe todo o territorio galego e dará conta do significado dos nomes de parroquias e aldeas de cada concello, para o que conta coa colaboración na elaboración das etimoloxías do académico de número Gonzalo Navaza. Canto ao funcionamento de Galicia Nomeada, o público aprenderá como empregala tanto para incorporar os nomes de corredoiras, chousas ou penedos e as respectivas localizacións como para rexistrar a súa pronuncia ou lendas e outras manifestacións da tradición oral vinculados a eses lugares. Por último, coñecerá tamén as utilidades prácticas desta información, unha vez xeorreferenciada e validada polo Seminario de Onomástica da Real Academia Galega, para a Administración, o mundo da investigación e a sociedade en xeral.

Calendario
Friol acollerá a primeira charla de Toponimízate 2023 este mesmo mércores, 11 de outubro, a partir das 12:30 horas, no seu centro sociocultural. A sesión, aberta ao público xeral contará ademais coa presenza do alumnado da ESO do CPI Doutor López Suárez. Após o concello lucense, a campaña visitará os seguintes concellos:

  • Becerreá, o xoves 19 de outubro no IES de Becerreá (11:30 horas).
  • Vila de Cruces, o venres 20 de outubro no Auditorio Municipal Xosé Casal (19:30 horas).
  • Tui, o xoves 26 de outubro no Centro Cultural de Randufe (20:00 horas).
  • Trasmiras, o venres 27 de outubro na Casa da Cultura (20:00 horas).
  • Padrón, o xoves 2 de novembro na Casa dos Capeláns de Iria (20:00 horas).
  • Amoeiro, o xoves 9 de novembro na Casa da Cultura (19:00 horas).
  • A Pobra do Brollón, o venres 10 de novembro na Casa da Cultura (19:30 horas).
  • Dumbría, o venres 17 de novembro no CEIP Plurilingüe Santa Eulalia de Dumbría (12:00 horas).
  • Maceda, o martes 21 de novembro no IES San Mamede (12:30 horas).
  • Ponte Caldelas, o venres 24 de novembro no Centro Cultural (20:00 horas).
  • Narón, o venres 1 de decembro no Centro Cívico Cultural do Alto do Castiñeiro (19:00 horas).