Víctor F. Freixanes participou na visita ao paseo das Palabras do Ano xunto ao responsable de Patrimonio e Cultura da Fundación Barrié, Diego Rodríguez; as propias Tanxugueiras; o tenente de alcalde de Lugo, Rubén Arroxo; e a concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro.
O presidente da RAG agradeceulles ás Tanxugueiras que lle puxesen “cara e ollos” a unha voz que, a través do que elas representan, transmite alento e demostra a capacidade do galego de chegar ás novas xeracións. “As Tanxugueiras teñen unha forza especial e unha gran capacidade de mobilización, sobre todo entre a xente nova. A RAG está moi comprometida con conectar coas creacións que lles transmiten ás novas xeracións a riqueza dun patrimonio, dun tesouro tan poderoso como é dispoñer da nosa propia lingua. A lingua está viva, non é un museo. É algo no que nos recoñecemos e co que socializamos, comunicamos a tradición e as nosas preocupacións pensando no futuro”, engadiu.
O paseo das Palabras do Ano é unha aposta dobre do Concello de Lugo coa mellora da imaxe da cidade e “a posta en valor dun símbolo tan importante como a lingua galega”, salientou o tenente de alcalde de Lugo, Rubén Arroxo. “O futuro da nosa lingua está vivo e as palabras de cada ano pasan a formar parte do idioma xa que sintetizan parte da realidade de cada época”, concluíu.
Da toponimia aos escenarios
O topónimo Tanxugueira popularizado pola banda musical designa unhas terras da parroquia de Fumaces, no concello do Riós (Ourense), situadas nun alto e abeiradas. No territorio galego hai outro lugares co mesmo nome nos concellos de Catoira (Pontevedra), Dodro (A Coruña) e, de volta na provincia de Ourense, en Viana do Bolo, como se pode comprobar na aplicación Galicia Nomeada, a plataforma para a recolleita colaborativa da microtoponimia creada pola Real Academia Galega e a Xunta de Galicia. O vocábulo é unha alteración da forma etimolóxica Teixugueira, un zootopónimo común no país que sinala os sitios onde hai presenza ou abundancia de teixugos.
A Real Academia Galega e a Fundación Barrié promoven dende 2014 a elección da Palabra do Ano a través do Portal das Palabras, o proxecto que comparten para a modernización do traballo lexicográfico e a divulgación da lingua galega. Cada semana ofrece xogos, vídeos nos que os membros da Academia resolven dúbidas frecuentes e outros contidos divulgativos que conectan o léxico galego coa realidade cotiá e a actualidade dun xeito ameno. A palabra do día é outra das seccións deste espazo aberto ao diálogo coas persoas usuarias.
Nas edicións anteriores foron elixidas Palabra do Ano nós (2020), sentidiño (2019) deseucaliptización (2018), afouteza (2017), irmandade (2016) —coincidindo co centenario das Irmandades da Fala—, refuxiado, -a (2015) e corrupción (2014).