‘Nós’, elixida Palabra do Ano 2020

Nin pandemia nin ningún dos outros tres termos finalistas relacionados con ela. Nós foi proclamada Palabra do Ano 2020 polas persoas que participaron ata o pasado 25 de decembro na elección popular promovida polo Portal das Palabras, a páxina web para a divulgación do léxico galego da Real Academia Galega e a Fundación Barrié. A voz gañadora salienta algo bo dun ano ben complicado, a celebración do centenario da xeración Nós, e olla cara ao futuro con optimismo porque nos lembra tamén que saírmos da crise global provocada polo SARS-CoV-2 depende da primeira persoa do plural máis absoluta, xusto nun momento en que cobra forza outra das palabras finalistas cuxo éxito dependerá da implicación de todas e todos nós: vacina.

 

Seteiro, en referencia ao grupo de estrelas denominado tamén arqueiro (Sagittarius na forma latina), foi a segunda palabra máis votada tras resultar unha das seis finalistas pouco despois de que o Seminario de Terminoloxía da Real Academia Galega aprobase a listaxe normalizada dos nomes galegos das constelacións. A escolla pode verse como un xeito de reivindicar o coñecemento, e a valoración, do ceo e dos seus nomes; mais tamén ten algo, outra vez, de evasión colectiva nun ano en que a covid-19 disparou o emprego de certos termos e mesmo requiriu incorporar novas palabras e acepcións ao dicionario, entre elas o da propia enfermidade ou coronavirus. Os outros catro termos finalistas teñen, de feito, que ver con esta realidade e quedaron nas seguintes posicións: gromo, na acepción que incorporou o dicionario da RAG neste 2020, a referida á aparición súbita dunha enfermidade epidémica entre a poboación dun determinado lugar, acadou o terceiro posto; pandemia foi a cuarta palabra máis votada; máscara, a protección que deu o salto dos quirófanos á rúa, ocupa o quinto posto; e vacina, a grande esperanza que fixo máis levadío este annus horribilis e que comezou a subministrarse onte mesmo en Galicia, fica no sexto.

Os votos estiveron, iso si, máis repartidos ca noutras ocasións. Nós acadou case 3 de cada 10 votos emitidos; seteiro rozou o 20%; gromo fíxose con pouco máis do 17%; pandemia chegou ao 15%; e máscara e vacina sumaron, cada unha delas, pouco máis do 10% dos votos.

Tres letras que expresan moito
A palabra gañadora é moito máis có pronome persoal tónico da primeira persoa do plural. É tamén a voz que designa a publicación aparecida en outubro de 1920, que lle daría igualmente nome ao grupo galeguista organizado arredor dela. En palabras do profesor Ricardo Carvalho Calero, os integrantes da xeración Nós europeizaron a cultura galega e déronlle á nosa prosa “un pulo nunca visto nos tempos modernos”. O protagonista das Letras Galegas 2020 dedicoulles un capítulo enteiro aos seus principais membros na súa Historia da literatura galega, onde explica que a orixe desta denominación está no álbum Nós de Castelao, director artístico da publicación.

Castelao titulou con acerto os debuxos deste proxecto co pronome tónico da primeira persoa do plural porque as tres letras que o conforman abondan para retratármonos como pobo, como cultura. E hoxe tamén abondan, tanto dende a perspectiva local como dende a global sempre conxugadas pola xeración Nós, para albiscar a solución ao gran desafío da pandemia da covid-19.

No lingüístico o pronome nós, igual ca vós, procede do latín —con idéntico significado—. Esta forma, común para os dous xéneros, é a maioritaria en toda Galicia. O Dicionario tamén recolle nosoutros, -as, variante rexistrada no galego mindoniense e no do oriente da provincia de Lugo, fronteirizo con Asturias e León, que consiste nunha evolución da expresión nos + alteros e que comezou a empregarse no latín popular para marcar plurais excluíntes. De feito, aínda que na actualidade os usos dunha e outra forma non presenten distincións, había unha diferenza tradicional importante entre elas, que aínda se conserva nalgunhas zonas. Mentres que nosoutros delimita un grupo concreto e deixa fóra todas as persoas que non pertencen a el, nós non marca tal fronteira.

O Portal das Palabras é un proxecto da Real Academia Galega e a Fundación Barrié para a divulgación do léxico da nosa lingua. Cada semana, desde esta plataforma ambas as institucións ofrecen xogos, vídeos e outros contidos divulgativos que conectan o léxico galego coa realidade cotiá e a actualidade dun xeito ameno. A palabra do día é outra das seccións deste espazo aberto ao diálogo coas persoas usuarias. Desde 2014 convida, ademais, a todas as persoas que o desexen a participar na elección da Palabra do Ano. Nas edicións anteriores gañaron sentidiño (2019) deseucaliptización (2018), afouteza (2017), irmandade (2016) —cadrando con outro centenario senlleiro, o das Irmandades da Fala—, refuxiado/a (2015) e corrupción (2014).