"Murguía foi a clave de bóveda da cultura galega do século XIX, pero tamén o profeta que anunciou as liñas mestras do futuro"

« O noso idioma! [...]; o que, fillo maior da patria galega, nola conservou e conserva coma un don da providencia  [...]. O galego, en fin, que é o que nos dá dereito á enteira posesión da terra en que fomos nados, que nos di que pois somos un pobo distinto debemos selo; que nos promete o porvir que procuramos e nos dá a certeza de que ha de ser fecundo en bens para nós todos». O canto á lingua e á nacionalidade galegas que Manuel Murguía presentou na apertura dos Xogos Florais de Tui (1891) volveu oírse este mediodía no cemiterio coruñés de Santo Amaro na voz de Margarita Ledo. A académica deu lectura a unha versión adaptada para a ocasión de fragmentos da histórica alocución ao pé da tumba do patriarca na véspera do centenario do seu pasamento, nun acto organizado pola Real Academia Galega e o Concello da Coruña no que se descubriu unha placa cunha síntese daquel discurso gravada: «O primeiro é o noso idioma. El prométenos o porvir que procuramos».

1/13

Tras a descuberta da placa -deseñada por Pepe Barro-, a ofrenda con coroa de loureiro e a interpretación do himno galego por parte da Banda Municipal de Música da Coruña, a homenaxe continuou no pazo municipal de María Pita, onde o académico de número e director da Sección de Historia da RAG, Ramón Villares, repasou a vida e o legado do patriarca. «Murguía foi a clave de bóveda da cultura galega do século XIX, pero tamén o profeta que anunciou as liñas mestras do futuro. Murguía foi clave para a construción dunha historia xeral de Galicia, pero tamén foi esencial no campo doutrinal e político do rexionalismo e, desde logo, na capacidade para construír un repertorio simbólico que dotase a Galicia de instrumentos análogos aos que tiveron outras culturas europeas que, con Estado ou sen Estado, moito se afanaron no proceso que hoxe denominamos de “invención da tradición” e da construción simbólica das nacións», salientou o catedrático.

O vínculo coa cidade onde naceu a RAG
Manuel Murguía foi despedido por unha multitude o 4 de febreiro de 1923. O historiador falecera dous días antes, o 2 de febreiro, na Coruña, a cidade na que viviu os últimos anos da súa vida e desde onde exercería a primeira presidencia da RAG, que foi fundada no ano 1906. A Coruña acolleu hoxe tamén o inicio das celebracións institucionais do centenario do pasamento de quen foi, a xuízo de Vicente Risco, un dos mellores intérpretes da cultura galega, «unha síntese do esforzo dos Precursores», lembrou Ramón Villares nun acto no que tamén interviñeron o presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes; a alcaldesa da Coruña, Inés Rey; e mais o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, ante os membros das corporacións organizadoras e doutras institucións que tamén participaron na homenaxe previa no camposanto municipal.

«A Real Academia Galega honra a memoria do seu primeiro presidente, esteo fundacional da institución, figura decisiva na construción dunha Galicia con pensamento propio e esperanza de futuro», dixo Víctor F. Freixanes. «Honrar a memoria de Manuel Murguía é honrar a todos os que en distintas etapas foron construíndo e seguen construíndo o país. Galicia existe porque eles a soñaron antes. Somos unha cadea que continúa. Cada elo fai máis forte o elo anterior e reafirma os pasos que aínda virán. Sabémonos fillos do exemplo dos que nos precederon. Tal é o sentido das celebracións deste centenario», reflexionou.

A alcaldesa Inés Rey fixo fincapé no vínculo de Manuel Murguía e da RAG coa cidade e referiuse igualmente a outras figuras senlleiras da cultura galega relacionadas con ela. «A Coruña sempre foi berce do máis fondo e verdadeiro galeguismo, pero é ademais o lugar onde xacen almas como as de Eduardo Pondal, Curros Enríquez, Luis Seoane ou o propio Manuel Murguía. Santo Amaro será o seu refuxio eterno e, desde el, esta cidade lembrará sempre o seu labor e a súa pegada», expresou. «É por iso que a celebración do centenario de Murguía non podía ter o seu xerme noutro lugar diferente que na Coruña, sede da Real Academia Galega desde o 1906, templo da consagración das nosas letras e tamén o mellor exemplo da contribución de Murguía como auténtico cerebro do Rexurdimento», engadiu a rexedora.

As conmemoracións do centenario do intelectual proseguirán tras este comezo mañá xoves 2 de febreiro na Fundación Luis Seoane coa inauguración das Xornadas Manuel Murguía (17:00 horas), que continuarán os días 9 e 16 de febreiro no paraninfo da Universidade de Santiago de Compostela e na Fundación Rosalía de Castro, na Casa da Matanza de Padrón. A entrada é libre e todas as sesións poderán seguirse en directo desde academia.gal.

Historiador, político e construtor de símbolos
«Manuel Murguía foi un autor que se ocupou, con rigor intelectual na análise e con elegancia na escrita, dos máis variados campos do saber sobre Galicia, desde a literatura e a historia ara o folclore, a arte, o dereito e, desde logo, a política», enumera Ramón Villares. «Entre estudos históricos e polémicas presentes, foi quen de construír un relato coherente do pasado de Galicia e de dar forma a unha institución cultural como a propia Real Academia Galega, o que fixo del o “símbolo da renacencia galega”, ao tempo, un “profeta” da Galicia futura, tal como acertou a velo a xeración Nós», sintetiza.

Ramón Villares debullou a traxectoria do escritor, historiador e político. Manuel Murguía fíxose primeiro un nome como xornalista e crítico literario, primeiro en Madrid -onde casou con Rosalía de Castro- e despois en Galicia. Aínda que máis adiante centraría os seus esforzos na investigación histórica, nunca abandonaría a presenza nos medios, onde deixou constancia da súa condición de «polígrafo destemido». «E quizais por iso, foi un celebrado e temido polemista na defensa da lingua e da literatura galegas, nomeadamente a de Rosalía de Castro, figura que logrou elevar, con gran precocidade, á categoría de escritora nacional e, por tanto, de auténtico mito», analiza.

Como historiador, a súa achega sobresae por modificar radicalmente, fronte aos cultivadores que o precederon, a forma de entender o pasado de Galicia, compara o catedrático emérito. «Da necesidade de se ocupar dos estudos históricos comeza a falar en 1856, e a partir de aquí asumiu a responsabilidade de escribir unha historia xeral de Galicia comezada a publicar en 1865, que está precedida dun Discurso Preliminar que lle abondaría para ser considerado como un historiador comparable con Modesto Lafuente ou os seus admirados Alexandre Herculano ou Jules Michelet. Aínda que aquel proxecto non se chegou a concluír, foi a base de toda a súa obra de historiador, que desenvolvería logo en libros máis singulares», valora.

Murguía foi quen de interpretar o pasado desde o seu presente para ofrecer unha lectura política dos tempos pretéritos, e fíxoo dirixindo moitas das súas proclamas ao campesiñado, nunha obra que forma parte do clima intelectual da Europa occidental do momento, marcado polo liberalismo romántico que postulou como unha tarefa esencial a construción das historias nacionais. Non foi alleo, nesa liña, á procura obsesiva dos devanceiros heroicos, que atopou nos celtas. «O paradigma do celtismo foi algo máis ca un resultado historiográfico. Foi o pedestal no que Murguía colocou a idea de Galicia como unha nacionalidade, idea que proclama a finais dos 80 do s. XIX pero que estaba agochada no período provincialista e progresista», detalla Ramón Villares.

A condición de historiador viraría co tempo cara ao «político rexionalista e construtor dun arsenal simbólico que dotase de forza emotiva a patria galega». «Os principais símbolos de Galicia, desde o monumento aos mártires de Carral ata a fixación do himno e a bandeira galega, son obra dos núcleos rexionalistas que actuaban baixo o liderado de Murguía e, de forma acompasada, con outros rexionalismos peninsulares, nomeadamente o catalán», indica.

A fundación da Real Academia Galega
O broche de ouro que o biógrafo de Murguía e tamén presidente da RAG Xosé Ramón Barreiro (1936-2021) cualificou como «a grande obra» do intelectual foi a Real Academia Galega, constituída como tal en 1905 a instancia da Asociación Iniciadora y Protectora de la Academia Gallega, fundada en Cuba por impulso de Curros Enríquez e Fontenla Leal. «El foi o seu presidente ata a morte e o inspirador da súa composición e das liñas de traballo, coa colaboración moi estreita dos membros da Cova Céltica. Malia as limitacións en que tivo que traballar, aquela iniciativa prosperou e hoxe goza dunha idade máis que centenaria». O soño de Murguía foi realizado un ano antes de que baixo a dirección política de Prat de la Riba se constituíse en Barcelona o Institut d’Estudis Catalans, unha mestura de Academia e do que en Galicia sería o Seminario de Estudos Galegos. «A diferenza que hai entre ambas as iniciativas é que o promotor e líder da Lliga Regionalista catalá presidía a Deputación de Barcelona, que asumiu un xeneroso orzamento para o centro de alta cultura, mentres que a institución galega só contou, et pour cause, cos óbolos dos emigrantes en Cuba», lembra Ramón Villares.

Xornadas na Coruña, Santiago e Padrón
O director da Sección de Historia da RAG e a directora da Sección de Literatura, Marilar Aleixandre, coordinan as Xornadas Manuel Murguía, que serán inauguradas mañá xoves, ás 17:00 horas, na Fundación Luis Seoane (rúa San Francisco, 27 – A Coruña). Os encontros, que contan co apoio económico da Xunta de Galicia e a colaboración da Fundación Rosalía, a Universidade de Santiago de Compostela e o Concello da Coruña e a propia Fundación Luis Seoane, reunirán especialistas de distintos campos para actualizar as olladas arredor das contribucións do intelectual ás institucións, á idea de Galicia e á relación entre literatura e nación.

A xornada do 2 de febreiro xuntará nunha mesa redonda o académico de número Xosé Luís Axeitos, a académica correspondente Ana Romero Masiá, o deseñador Pepe Barro e o investigador Emilio Xosé Ínsua. Xosé Luís Axeitos -coeditor xunto a Xosé Ramón Barreiro, do epistolario do intelectual custodiado na Academia-, afondará na súa relación coa cidade da Coruña e a propia RAG; Ana Romero Masiá centrarase nas orixes da RAG e a Sociedad de Folklore Gallego; Emilio Xosé Ínsua centrarase nos conflitos, logros e limitacións dos primeiros anos da RAG e Pepe Barro falará da bandeira galega de Manuel Murguía e Rosalía de Castro.

A sesión do 9 de febreiro na Universidade de Santiago contará coas achegas dos historiadores Justo Beramendi e Ramón Villares e do politólogo Ramón Máiz, e rematará cunha actuación musical do trío de corda da Orquestra da USC formado por Gonzalo Muíño e Esther X. Pérez-Pallaré nos violíns e Antón Mazaira na viola. As xornadas concluirán na Fundación Rosalía de Castro o 16 de febreiro. O presidente da Fundación Rosalía, Anxo Angueira, moderará a mesa sobre literatura e nación que contará coa biógrafa de Rosalía María Xesús Lama e os tamén investigadores Xurxo Martínez e Ana Acuña. A música do barítono Eliseu Mera e do pianista Cándido Cabaleiro poralle o ramo aos encontros.