Comezan as Xornadas Manuel Murguía: da orixe da RAG á bandeira galega

A Real Academia Galega abriu no día do centenario do pasamento de Manuel Murguía as xornadas que organiza co gallo desta conmemoración. A sesión na Fundación Luis Seoane consistiu nunha mesa redonda centrada na relación do escritor, historiador e político, primeiro presidente da RAG, coas institucións. O programa continuará os xoves 9 e 16 de febreiro no paraninfo da Universidade de Santiago de Compostela e na Fundación Rosalía, na Casa da Matanza de Padrón.

1/14

«As Xornadas Manuel Murguía comezan o día do centenario do seu pasamento, que aconteceu o 2 de xaneiro de 1923. A RAG conmemora con elas a figura do seu fundador, pero a Murguía tamén lle debemos os alicerces históricos do galeguismo, así como símbolos da identidade galega», expresa a directora da Sección de Literatura, Marilar Aleixandre. A académica foi a encargada de moderar a mesa redonda da sesión inaugural, que dedicou á memoria de Xosé Ramón Barreiro Fernández (1936-2021), gran biógrafo de Murguía, cuxas contribucións sobre o intelectual foron destacadas en distintos momentos da tarde.

«O programa trata de revelar a pluralidade e a complexidade da súa figura e obra. Murguía foi o pensador que construíu o paradigma do celtismo e do rexionalismo, foi unha personalidade clave na institucionalización da cultura galega e desempeñou tamén un papel importante nas relacións coa colectividade galega en América. A súa é unha vida moi completa que merece ser rescatada e lanzada cara ao futuro, cómpre traer ao primeiro plano un Murguía complexo, diverso e fundamental», engade o director da Sección de Historia, Ramón Villares.

Tras a inauguración, na que interviñeron o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e Marilar Aleixandre, a académica correspondente Ana Romero Masiá abordou os precedentes da RAG. Deseguido o investigador Emilio Xosé Ínsua centrouse nos primeiros anos da Academia, sinalando os conflitos que viviu naquel momento, as limitacións que sufriu e tamén os logros; o académico Xosé Luís Axeitos analizou o ambiente político e cultural da Coruña na que se fundou a RAG e o deseñador Pepe Barro ofreceu unha intervención sobre a bandeira galega.

Antecedentes, atrancos e logros dos primeiros pasos da RAG
Con anterioridade á definitiva constitución da Real Academia Galega, existiron varios intentos, entre os que destaca a Sociedad de Folklore Gallego, organizada na Coruña en 1883 por destacadas personalidades da cidade. Figura central e iniciadora da mesma foi Emilia Pardo Bazán, que foi elixida tamén como presidenta, lembra Ana Romero Masiá. «A nova sociedade iniciou a súa actividade a partir de 1884, pero aos poucos anos foi esmorecendo por diversas razóns, de modo que en 1894 a xunta directiva, encabezada polo vicepresidente, o médico republicano Ramón Pérez Costales, en ausencia de Pardo Bazán, decidiu que Folklore Gallego cambiase o seu nome polo de Academia Gallega e que pasasen tanto os membros de Folklore como parte dos seus fondos á nova Academia», repasa a historiadora. Pero diversos problemas políticos e persoais entre os dirixentes máis destacados imposibilitaron que esta Academia se consolidase, de modo que sería preciso reiniciar as xestión que callarían na inauguración da actual Real Academia Galega no ano 1906.

A RAG tamén coñecería importantes desavinzas entre os seus membros nos primeiros anos de vida que estudou Emilio Xosé Ínsua. «Murguía foi o principal obxectivo dunha parte da intelectualidade galega profundamente antirrexionalista e anticeltista que interpretou a fundación da Academia como un gromo separatista», recorda o investigador. Parte das voces que lideraron campañas contra a Academia e o seu presidente foran incluso nomeados membros da institución, como foi o caso de Celso García de la Riega, que renunciou ao seu escano, e José María Riguera Montero, quen liderou esta corrente e tamén fora nomeado académico correspondente. «Este sector intenta desprestixiar a Murguía e para iso acúsao de malgastar os cartos da institución, de meter colegas nela e de marxinar a xente que máis sabe».

Fartos de aturar as ofensas de Riguera Montero e dos seus seguidores, que se servían do soporte de distintos medios de comunicación, os académicos acordaron en 1907 retirarlle o nomeamento de membro correspondente e mesmo levalo ao xulgado por inxurias e calumnias, pero a denuncia non prosperou. A celebración dos 80 anos de Murguía anos despois, en 1913, serviría de ocasión para que moitos sectores da sociedade galega saísen en apoio do intelectual, deixando atrás o ruído daquelas voces, repasa Emilio Ínsua.

A RAG tamén coñeceu polémicas internas nos seus primeiros anos de vida a conta dos criterios ortográficos e metodolóxicos do primeiro dicionario (que só chegaría, no ano 1928, ata a palabra cativo) e fallou, considera o filólogo, na análise do problema da lingua galega, que si souberon realizar as Irmandades da Fala ao poñeren a énfase na cuestión social.

No apartado dos acertos e dos logros, Emilio Ínsua sinala a posta en marcha do Boletín da Real Academia Galega que, malia nacer «en castelán e mirando ao pasado», é un recurso fundamental aínda hoxe para a investigación histórica e cultural; e mais a constitución da biblioteca a base de doazóns, compras e intercambios que conformaron «un fondo que ten un valor hoxe impagable en moitas ocasións».

A emerxencia do nacionalismo lingüístico e a aposta polo traballo coral
Xosé Luís Axeitos abordou tamén a fundación da Real Academia Galega deténdose no contexto cultural e político da Coruña do momento e poñendo o foco na súa relación co liberalismo e co nacionalismo. Tanto a RAG coma a Academia da Lingua Vasca e o Institut d’Estudis Catalans aparecen «nun momento en que a nación empezaba a definirse en termos lingüísticos». O chamado nacionalismo lingüístico de Herder sostiña que o principal elemento diferenciador dunha nación é a lingua, e nel todas as nacións pequenas viron no idioma o seu sostén maior, resume o académico. Murguía abrazaría esta idea, consciente de que non era posible acadar determinadas cuestións polo camiño historiográfico que el viña recorrendo. «Se non entendemos esa loita, ese proxecto de Murguía, tampouco entenderemos o da Academia».

No seu propósito de facer visible a nación galega e defender os seus dereitos, non estivo só. «Unha das grandes virtudes de Murguía, inalcanzable para outras persoas, era que el traballaba coralmente. A Historia [de Galicia] é coral. Tiña manuscritos os enderezos de 190 persoas coa súa situación. Eran os seus interlocutores epistolares para o Diccionario, para isto, para o outro...», valora.

A bandeira galega de Manuel Murguía e Rosalía de Castro
Pepe Barro presentou no encontro unha contribución sobre a bandeira de Galicia. O deseñador sostén, a partir de distintos documentos, que Murguía foi o creador do símbolo que chegou á actualidade. «Ao longo do Rexurdimento sentiuse a necesidade dunha bandeira galega. No século XIX estaba estendida a vaga idea de que era branca, quizais coa cruz de Santiago no seu centro. Pero constituído o primeiro partido político galego, a Asociación Regionalista Gallega, no ano do seu máximo esplendor, 1891, Manuel Murguía crea a bandeira galega coa banda azul transversal sobre fondo branco. Iso é o que indica un documento que sinala a Murguía e á súa filla Alexandra como autores da bandeira, con ocasión da encomenda dun estandarte para o Centro Galego da Habana en 1891. E outro documento de 1892 explica como é a bandeira do dito estandarte», detalla.

Pepe Barro asegura ademais que existe unha imaxe desas bandeiras que desfilaron na Habana no IV Centenario do descubrimento de América e que informacións algo posteriores (1898) remiten ao traslado dos restos de Rosalía a Bonaval como o acontecemento no que por primeira vez loce a bandeira galega, en maio de 1891.

As xornadas do centenario de Manuel Murguía desenvólvense co apoio da Xunta de Galicia e a colaboración da Fundación Rosalía, a Universidade de Santiago de Compostela, a Fundación Rosalía, o Concello da Coruña e a Fundación Luis Seoane.