'Modo galego, actívao!' participa nas IX Xornadas "Educación e linguas en Galicia"

O encontro celébrase os xoves 5 e 12 de novembro na Facultade de Ciencias da Educación (Campus Vida) da Universidade de Santiago de Compostela

O programa de investigación e acción Modo galego, actívao!, impulsado pola RAG e o Concello de Ames, forma parte do programa da IX Xornadas "Educación e linguas en Galicia" da Universidade de Santiago de Compostela. A experiencia impulsada pola Real Academia Galega e o Concello de Ames presentarase na sesión do xoves 12 de novembro, que terá lugar na Facultade de Ciencias da Educación (Edificio do Campus Vida). O programa, de entrada libre, empeza este xoves, 5 de novembro coa presentación do proxecto Aquí tamén se fala (ATSF) do IES Rafael Dieste da Coruña, que recibiu o pasado mes de setembro o I Premio Na lingua que eu falo da RAG. 

Os tres profesores promoveron ATSF, Alberto Pombo, Mónica Reixía e Arcadio González, compartirán co alumnado e demais público asistente como funciona esta modélica experiencia que promove a normalización do idioma entre os mozos e mozas dun instituto no que sete de cada dez estudantes son de orixe migrante. A partir das 18:30 horas, Emilio Ínsua traerá a perspectiva histórica a este foro cunha charla sobre as Escolas de Ensiño Galego das Irmandades da Fala.

A quenda de Modo galego, actívao! chegará o xoves que vén (16:00 horas), nunha intervención a cargo do técnico do Seminario de Sociolingüística da Real Academia Galega Gabino Vázquez Grandío e a técnica de normalización lingüística do Concello de Ames, Rosa Moreiras Cuñarro. A tarde continuará cunha contribución do investigador Antón Costa que irá do Plan Pedagóxico de Vicente Risco (1921) ás Memorias dun neno labrego de Neira Vilas (1961) e O rastro que deixamos de Agustín Fernández Paz (2012); e mais a ollada do escritor Daniel Asorey na súa condición de profesor de Lingua Galega e Literatura na educación secundaria.