"Canteirán, canteirá" entra no Dicionario da Real Academia Galega

Canteirán, canteirá acaba de incorporarse ao Dicionario da Real Academia Galega. A voz pasa a formar parte do corpus da ferramenta en liña de referencia para a aprendizaxe e o estudo do galego da man de dúas novas acepcións na entrada de canteira, que xa poden consultarse tamén tanto na web da RAG como na aplicación do DRAG, dispoñible para dispositivos de  iOS e Android. 

A Academia estudou a incorporación de canteirán, -á ao Dicionario a pedimento do Celta. “O Seminario de Lexicografía da RAG atende as consultas e comentarios que lle chegan en relación co seu Dicionario, que está ao servizo da sociedade galega. En ocasións, as consultas e suxestións proceden de particulares; outras veces, de colectivos e institucións. Neste caso, recibiuse a proposta de inclusión da voz canteirán por parte do Real Club Celta de Vigo, o que comportou o estudo previo dos significados da palabra canteira aos que aquela estaría asociada”, detalla a coordinadora deste Seminario, María Dolores Sánchez Palomino.

 “Tras este estudo relativo ás voces canteira e canteirán -á, acordouse a incorporación ao DRAG de dous novos significados de canteira (‘lugar ou institución de procedencia de persoas talentosas para unha actividade especializada, particularmente no ámbito deportivo’ e ‘conxunto de deportistas que se forman nun mesmo club’, esta última coa marca diatécnica de Deporte) e do lema canteirán –á”, concreta a a académica. “Respecto a canteirán, canteirá, entra no DRAG coa súa dobre condición de adxectivo ([Deportista] ‘Que se formou na canteira do seu club’) e substantivo (‘Deportista que se formou na canteira do seu club’)”, engade Sánchez Palomino. 

A escolla dos exemplos de canteirán –á inclúe, na acepción como nome común, unha referencia ao club que propuxo a entrada (Vinte e dous canteiráns debutaron co Celta nos últimos dez anos); mentres que o significado do adxectivo se ilustra con outro exemplo que visualiza a súa forma en feminino (As baixas obrigaron a recorrer a varias xogadoras canteirás).

Os exemplos de canteira fan mención tamén tanto ao contexto deportivo, galego e estatal, coma ao emprego deste termo noutros eidos coma o universitario. Todos eles dan conta da evolución semántica desta palabra cuxo significado primixenio é o de ‘lugar de onde se extrae a pedra’, e que se forma a partir de canto, na acepción de ‘pedra pequena, particularmente a que a erosión tornou lisa e arredondada’, e mais o sufixo -eira, moi produtivo en galego para formar substantivos co sentido de ‘sitio onde abunda algo’. 

O uso metafórico de canteira relacionado con persoas talentosas formadas nun mesmo lugar documéntase na prensa galega de hai máis dun século. É o caso d’A Nosa Terra, a publicación periódica das Irmandades da Fala, que nunha das súas páxinas de 1917 a aplicaba para reivindicar deste xeito a aposta pola formación da mocidade do país con talento musical: “[...] Os coros enxebres veñen esprotando a canteira lírica do pobo: desenterrando unha riqueza de cántigas. O día que haxa compositores axeitados pra recollé-las e levá-las á sinfonía e ó poema sinfónico, impoñeránse ó mundo”.