'As noites de Florencio' enchen o verán de Vilamartín de Valdeorras de propostas lúdicas e culturais
A asociación cultural As Letras de Florencio inaugura a primeira fin de semana de xullo o programa As noites de Florencio, que encherá o verán do concello natal do protagonista do Día das Letras Galegas 2022 de propostas lúdicas e culturais para todas as idades. O dramaturgo e actor Cándido Pazó porá en escena o domingo 3 de xullo o espectáculo Eu non digo nada, ao que seguirán nas vindeiras semanas outros como Florencio sen fronteiras de Arraianos, O tío Florencio de Fátima Delgado, Furia necesaria de Aldaolado ou a música de Sr. Jingles. O programa completo pode consultarse nesta ligazón.
As noites de Florencio desenvolveranse en Córgomo, a aldea natal de Delgado Gurriarán, e outras localidades do concello de Vilamartín de Valdeorras nas fins de semana de xullo e agosto. Parte do programa concibiuse especificamente para o público máis novo, a quen se dirixe a primeira actividade, o obradoiro de teatro infantil de Amparo R. de Dios que terá lugar o sábado 2 de xullo (11 horas) en Vilamartín. Volverá celebrarse os días 9, 13 e 26 de xullo.
Un serán poético a cargo do Colectivo Barullo, representacións teatrais e cine de verán son tamén parte das actividades anunciadas ao abeiro deste programa, que concluirá o sábado 27 de agosto cun xogo de pistas para a rapazada arredor da vida e da obra de Florencio Delgado Gurriarán.