Ourense recorda o papel de Casares nas institucións

O Liceo de Ourense acolleu onte un acto de homenaxe a Carlos Casares e o seu papel nas institucións das que formou parte. O encontro, organizado polo Parlamento de Galicia, recordou así a súa traxectoria como deputado, membro de número da Real Academia Galega ou presidente do Consello da Cultura Galega. O presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, salientou a aposta pola renovación que supuxo no seu momento o ingreso do escritor ourensán na rúa Tabernas e a súa participación no proceso de determinación da normativa da lingua do ano 1982 e a redacción da Lei de normalización lingüística.
A homenaxe a Carlos Casares organizada polo Parlamento de Galicia xuntou a representantes de distintas institucións das que formou parte. Fonte: Parlamento de Galicia


Cando Carlos Casares se converteu en académico de número no ano 1978, só tiña 36 anos. Foi, polo tanto, unha das tres persoas que ingresaron con menos idade na institución en toda a súa historia, pois era só un pouco maior do que o foi no seu día Xosé Filgueira Valverde (35) e Manuel Banet Fontenla (34), lembrou Víctor F. Freixanes. A entrada do autor ourensán, que acababa de publicar Xoguetes para un tempo prohibido -obra distinguida por Galaxia co premio convocado co gallo dos 25 anos da editorial- e xa gozaba de recoñecemento, supuxo "unha aposta pola renovación da institución", pola entrada de xente nova capaz de darlle un novo alento, explicou o presidente da RAG, que recordou tamén o seu discurso de ingreso, O desastre de 1898 e os escritores galegos

Víctor F. Freixanes repasou o papel de Casares no proceso de elaboración da normativa do galego no ano 1982, aprobada conxuntamente pola RAG e o Instituto da Lingua Galega. O escritor representou entón a Academia xunto a Ramón Piñeiro e Andrés Torres Queiruga e foi tamén naqueles tempos unha das persoas que participou activamente na elaboración da Lei de normalización lingüística desde a súa dobre condición de deputado na primeira lexislatura do Parlamento de Galicia  -como independente nas filas do PSdeG- e académico, engadiu.

O presidente da RAG interveu  en representación da institución no acto, clausurado polo presidente do Parlamento, Miguel Santalices, e no que tamén tomaron a palabra o presidente da Fundación Carlos Casares, Xavier Casares Mouriño; o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares Paz; o presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar; o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez; o alcalde de Ourense, Xesús Vázquez Abad; e o fillo do escritor Håkan Casares, en nome da familia.

Miguel Santalices indicou que, se ben ao longo do ano 2017 foron moitos os actos celebrados para recordar a figura e a obra de Carlos Casares, "restaba unha convocatoria como esta, orientada a reivindicar outra das súas facianas, o seu compromiso coas institucións". "Casares foi un patriota galego, convencido de que para asegurar o seu futuro Galicia precisaba dunha estrutura institucional sólida, moderna e homologable coas dos países máis avanzados en termos democráticos", concluíu o presidente do Parlamento de Galicia. 

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Mércores 20 de decembro de 2017 / 19:30 h
Acto literario e musical co gallo do 110 aniversario da estrea do Himno

Novas da Academia

Subscríbete

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

Descargar

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

Consultar

Hemeroteca Virtual Galicia nas páxinas dos seus xornais.

IR

Cuberta do Boletín 376

Boletín da Real Academia Galega
nº 376

Descargar

Cadernos de Lingua
nº 35

Descargar