O Simposio Carlos Casares arrinca cunha volta aos anos de mocidade e a procura de novos lectores

Ás portas da Facultade de Filosofía e Letras, na praza de Mazarelos, un día de choiva. Así foi como se coñeceron nos primeiros anos 60 Carlos Casares e Arcadio López-Casanova, compartindo paraugas polas rúas de Compostela. Medio século despois, o escritor, investigador e académico de honra retratou no Simposio Carlos Casares o compañeiro e amigo, protagonista do Día das Letras Galegas 2017, naquela Compostela na que foron estudantes, onde se confirmou a súa "identificación co país, a lingua e a cultura galegas" e se empezou a manifestar como escritor. Fíxoo primeiro, curiosamente, definíndose como poeta, mais traendo xa consigo algúns contos que deixaban ver trazos "moi vivos da axilidade narrativa, o acerto á hora de debuxar tipos e a liricidade no seu xeito de contar" que marcarían toda a súa obra, salientou Arcadio López-Casanova.

Foto de grupo de organizadores e participantes na xornada inaugural do Simposio Carlos Casares. Pola esquerda, Marilar Aleixandre, Håkan Casares, Arcadio López-Casanova, Fina Casalderrey, Víctor F. Freixanes, Valentín García e Henrique Monteagudo. Fonte: RAG


O académico de honra impartiu este martes a conferencia inaugural do encontro organizado pola Real Academia Galega que se desenvolverá -con apoio da Consellería de Cultura- ata o xoves 23 na sede da institución. A xornada continuou cunha mesa redonda que analizou desde a atención que Carlos Casares lle prestou á literatura infantil e xuvenil ata o proceso de simplificación da linguaxe narrativa a través da análise das correccións introducidas nas galeradas das súas obras da man de Fina Casalderrey, Manuel Forcadela, Montse Pena e Gonzalo Navaza.

O presidente da institución, Víctor F. Freixanes, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e Håkan Casares, fillo do homenaxeado e membro da Fundación Carlos Casares, foron os encargados de inaugurar o simposio, unha nova "oportunidade para profundar na obra dunha das figuras máis significativas da literatura galega contemporánea", destacou Víctor F. Freixanes. Con este programa culmina un mes de xornadas dedicadas ao autor que arrincou coas organizadas pola Fundación Carlos Casares en Ourense e Vigo e continuou cos encontros celebrados a semana pasada no Consello da Cultura Galega, recordou. O presidente da RAG tivo tamén palabras especiais para Arcadio López-Casanova, con quen Casares compartiu moito, "sobre todo na época de formación para os dous, arredor da figura de Ramón Piñeiro, dos movementos estudantís dos anos 60 e do galeguismo daquela xeración". "Cónstame que a admiración entre eles era mutua e estou seguro de que Carlos Casares se sentiría moi orgulloso de que Arcadio López-Casanova abra estas xornadas", concluíu.

Tamén estaría contento Casares co desenvolvemento do ano arredor da súa figura, expresou o seu fillo Håkan: "O 17 de maio cada vez gaña máis importancia pero eu teño a sensación, obviamente moi subxectiva por ser unha persoa directamente implicada, de que este está sendo un ano moi especial e moi intenso, algo que é bo para o meu pai e a súa memoria pero creo que é moi bo tamén para a cultura e para o Día das Letras Galegas, e por extensión para o galego, que é o que a el lle gustaría que fose". Pola súa banda, o secretario xeral de Política Lingüística valorou o simposio como un "magnífico colofón" a un ano "no que lembramos un auténtico intelectual que viviu con interese os cambios que se produciron ao seu redor, que opinou sobre eles e que, por ter o don da palabra, o fixo cunha amenidade e cunha graza memorables".


Un momento da conferencia de Arcadio López-Casanova. Fonte: RAG


Da formación e o compromiso á manifestación como escritor
Arcadio López-Casanova lembrou na súa conferencia o seu primeiro encontro con Casares, un episodio que o escritor ao que a RAG lle dedicou este ano o 17 de maio repetiría despois moitas veces "con moita fábula", fiel ao seu espírito de narrador oral. "Eu fun o primeiro galeguista que el coñeceu ao chegar a Santiago. Atopámonos á porta da facultade e empezamos a conversar. A el faláralle con moita xenerosidade de min Uxío Novoneyra, do libro Hombre último que me retirara a censura. Ese día acabamos tomando xuntos o vermú no Derby e desde entón conxeniamos", recorda.

A "formación, o compromiso e a manifestación" como escritor de Carlos Casares na súa primeira estadía universitaria en Santiago foron os tres eixes da conferencia, un percorrido por unha etapa que, segundo el mesmo confesou, foi decisiva para a orientación da súa vida, malia estudar nunha facultade daquela moi pouco atractiva, ata o punto de chegar a afirmar que lle debía moi pouco á universidade. O seu refuxio era a lectura, onde atopou unha vía de formación tanto persoal coma literaria, sempre pendente das novidades editoriais. Tamén tivo "gran relevancia" na súa formación o cine, unha afección que cultivaban xuntos no Cineclub Universitario e á que rendería máis adiante homenaxe na novela Ilustrísima.

Nos dous primeiros anos en Compostela tamén se consolidaría a "identificación co país, a lingua e a cultura galegas" de Carlos Casares, moi vencellada á figura de Ramón Piñeiro, veciño da mesma rúa, a Xelmírez, dos dous mozos cando compartían pensión só uns números máis arriba. "Carlos foi asiduo da mesa de braseiro de Piñeiro, frecuentaba os faladoiros na súa casa. E nese compromiso co país tamén se integrou na asociación cultural O Galo, na que estabamos, cando empezou, apenas unha ducia de universitarios. Organizabamos exposicións, faladoiros, conferencias… E tamén un acto de especial relevo: a celebración do primeiro Día das Letras Galegas", recorda o académico de honra. Aquel 17 de maio de 1963, no salón artesoado de Fonseca, tras unha conferencia do profesor e académico Ricardo Carballo Calero sobre Rosalía de Castro, Xohana Torres -falecida o pasado mes de setembro-, Carlos Casares, Arcadio López-Casanova e Salvador García-Bodaño (co tempo todos eles tamén membros da RAG) recitaron versos da súa propia autoría dedicados á poeta homenaxeada. Ao rematar, a celebración continuou cun paseo cara ao monumento de Rosalía na Alameda.

E que hai do Casares escritor daqueles primeiros anos universitarios? Xa traía consigo contos que deixaban ver trazos "moi vivos da axilidade narrativa, o acerto á hora de debuxar tipos e a liricidade no seu xeito de contar" que marcaría toda a súa obra, salienta Arcadio López-Casanova. Pero deuse a coñecer, curiosamente, con versos como os lidos aquel 17 de maio, e fíxoo colleitando éxitos. Ese mesmo ano 63 recibiu o terceiro premio do concurso poético das Festas Minervais, nun podio compartido co propio Arcadio e Salvador García-Bodaño. Afín ás liñas do realismo existencial e social que marcaron a época, os seus versos tamén foron recollidos na antoloxía Poetas gallegos de postguerra (1969) de Basilio Losada, proseguiu o conferenciante. Pero para daquela Casares xa abandonara a poesía e publicara o seu primeiro libro, os relatos de Vento ferido (1967), un auténtico anticipo da prosa sinxela e efectiva, e do gusto polas historias próximas, galegas e ao tempo universais, que foron sinais de identidade do gran narrador que foi Carlos Casares.

Do crítico literario ao impulsor da literatura infantil e xuvenil
Fina Casalderrey moderou deseguido a mesa redonda na que Manuel Forcadela, Montse Pena e Gonzalo Navaza expuxeron distintas formas de manifestación dunha teima constante de Carlos Casares: a procura de novos lectores para as letras galegas. A académica referiuse tamén a unha delas, a faceta de crítico literario que cultivou nos anos 70 desde a prensa "dando a coñecer unha literatura afeita a camiñar durante moitos anos pola escuridade". "A eficacia estaba en que o facía coma un amigo que che recomenda un libro", valorou.


Pola esquerda, Manuel Forcadela, Montse Pena, Fina Casalderrey e Gonzalo Navaza durante a mesa redonda. Fonte: RAG


A profesora da USC Montse Pena centrouse na importancia que lles deu na etapa na que exerceu como editor aos libros para o público máis novo, anos despois de escribir A galiña azul (1968) ou As laranxas máis laranxas de todas as laranxas (1973). "Aínda que se adoita dicir que Casares lle prestou pouca atención á literatura infantil e xuvenil (LIX), non é exacto. Decatouse de que a LIX en galego non só era un instrumento para a normalización lingüística, senón a ferramenta por excelencia para que o libro galego chegase ao gran público", explica. Como editor -prosegue- exerceu no eido da LIX como "mediador cultural", participando en charlas e outras actividades en feiras do libro, e puxo en marcha a colección infantil e a xuvenil Costa Oeste de Galaxia. Neste marco naceu da súa pluma en 1991 Toribio, a primeira serie de literatura infantil galega, que para Montse Pena é un exemplo do seu empeño en exportar para as nosas letras modelos que estaban triunfando noutros sistemas literarios. "A miña teoría é que Casares escribiu esta serie non tanto polo seu interese como autor como para responder a unha necesidade que detectou como editor", expón.

A busca da sinxeleza a través das probas de imprenta e a mentira do narrador para achegarse á verdade
O académico correspondente e profesor da Universidade de Vigo Gonzalo Navaza presentou un estudo do tratamento do estilo de Casares baseado nas correccións incorporadas ás probas de imprenta de parte da súa narrativa. "Todos os cambios que introducía nas galeradas eran para acadar unha prosa máis transparente e unha linguaxe máis clara, nunca para adornar. Isto ten que ver coa cortesía co lector da que el falaba", resume. Entre outras, analizou distintas versións conservadas de novelas como Deus sentado nun sillón azul e tamén da súa obra ensaística.

O tamén profesor da Universidade de Vigo e escritor Manuel Forcadela falou de "dous importantes dilemas literarios" que rexen a narrativa de Casares. Un deles é oposición entre feito e acontecemento, entendido o primeiro como un acto levado a cabo polos personaxes como resultado da súa vontade e o acontecemento, como algo que ten lugar de maneira inesperada. "Creo que o saber do relato de Casares está intimamente ligado ao conflito entre o feito e o acontecemento", dixo. O segundo dilema que sinalou é a oposición entre a realidade e a súa representación na linguaxe, "de onde provén o problema teórico do realismo, o paradoxo do narrador de que canto máis mente máis se achega á realidade".


O Simposio Carlos Casares xuntou na xornada inaugural a persoeiros do mundo da cultura, profesorado e público xeral interesado na figura do escritor. Fonte: RAG
Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Mércores 20 de decembro de 2017 / 19:30 h
Acto literario e musical co gallo do 110 aniversario da estrea do Himno

Novas da Academia

Subscríbete

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

Descargar

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

Consultar

Hemeroteca Virtual Galicia nas páxinas dos seus xornais.

IR

Cuberta do Boletín 376

Boletín da Real Academia Galega
nº 376

Descargar

Cadernos de Lingua
nº 35

Descargar