"As columnas de 'Á marxe' son unha novela aberta na que viaxamos pola vida"

A capacidade que tiña o protagonista do Día das Letras Galegas 2017 de levar a súa sedución como narrador oral á escrita, salientada ao longo do Simposio Carlos Casares, volveu emerxer este xoves no peche do programa de tres días organizado pola Real Academia Galega. Para o presidente da institución, onde mellor se manifesta esa calidade que lle permitiu achegarse tanto ao seu público é na súa columna "Á marxe". Víctor F. Freixanes impartiu a conferencia de clausura tras unha mesa na que os xornalistas Xosé Manuel Pereiro e Ramón Loureiro tamén falaron do Casares articulista. Inma López Silva releu estes textos desde a perspectiva de xénero e Álex Alonso analizou a responsabilidade do intelectual a través de Deus sentado nun sillón azul.
Víctor F. Freixanes, acompañado de Henrique Monteagudo, durante a conferencia de clausura. Fonte: RAG


"Carlos Casares tiña unha gran capacidade de comunicación, e mesmo de creación, nas distancias curtas. Esa oralidade seguramente onde máis intensamente se expresa é nas columnas que escribía no xornal, nelas dá a sensación de que está falando contigo", salientou o presidente da RAG nun relatorio titulado "Carlos Casares, a sedución da palabra". "A columna é o máis próximo que temos á oralidade, ás distancias curtas co lector, por iso é tan atractiva para o escritor e tamén tan difícil", recoñeceu.

Casares demostrou durante dez anos, día a día desde as páxinas de La Voz de Galicia, un dominio absoluto deste xénero. A economía e eficacia dos recursos lingüísticos e estilísticos, o control da estrutura, a xestión da anécdota e do humor intelixente e a capacidade de observar a realidade, deténdose nas cousas pequenas, son elementos que o escritor manexou con mestría, apuntou Víctor F. Freixanes. "Casares ponse á marxe para contarnos a vida doutra maneira. Esas pequenas cousas son moito máis transcendentes do que pensamos e converten ‘Á marxe' nunha novela aberta. Se lemos cada columna como un capítulo, veremos que estamos viaxando pola vida a través dos ollos, da mirada, do escritor", indicou o presidente da Academia, que pechou a intervención coa lectura dun destes artigos, "Pecados confesados" (2000), onde o autor lle contaba ao público a experiencia da lectura nun daquela novo trebello, o libro eléctrónico.

Un momento da mesa redonda. Pola esquerda, Ramón Loureiro, Xosé Manuel Pereiro,  Álex Alonso e Inma López Silva. Fonte: RAG


Do Casares articulista tamén falaron os xornalistas Ramón Loureiro e Xosé Manuel Pereiro. O primeiro coincidiu con Víctor F. Freixanes ao sinalar o retrato da vida que son os artigos en prensa do escritor, ao seu xuízo o seu mellor legado literario. "O auténtico cumio da literatura de Carlos está na súa columna no periódico, esa columna na que ía convertendo a literatura en vida e a vida en literatura, facendo que todos os días houbese algo fermoso nas nosas vidas", expresou. Pero non "non hai obra menor" en Casares, a quen definiu como "unha figura non só central da cultura galega, senón fundamental na historia do país, ademais dunha verdadeira ponte con todas as grandes culturas deste tempo de ferro que nos tocou vivir".

Tres "oitomiles" da prensa
Xosé Manuel Pereiro asegurou que o escritor conseguiu coroar "polo menos tres oitomiles na prensa": escribir unha columna diaria desde 1992 ata o seu pasamento dez anos despois, que esta fose interesante e demostrar que unha sección en galego pode ser a máis lida dun xornal.

O codirector de Luzes de Galicia detívose tamén nas lembranzas persoais arredor de Casares, a quen lle fixo a entrevista máis longa da súa vida. "Empezamos ás catro da tarde e rematamos ás catro da mañá. Debeu ser ademais a única entrevista feita nun 124 A Coruña - A Ramallosa", dixo con humor Xosé Manuel Pereiro, que explicou tamén que o seu nome en Internet, Sihomesi, está inspirando nunha das columnas de Casares. "Cando me pediron que escribira opinión, acordeime dun artigo del no que contaba que fora cun amigo a unha conferencia dun filólogo moi pedante que asegurou que non había ningunha lingua no mundo en que dúas afirmacións equivallan a unha negación, e o amigo dixo: ‘si, home, si'. Co Sihomesi eu podo construír unha columna na que se vexa xa de entrada que eu son escéptico mesmo co que escribo".

A muller nos textos non ficcionais de Casares
Inma López Silva analizou a muller como tema nos textos non ficcionais de Carlos Casares deténdose tamén no columnismo. "Non esquezamos que escribe na prensa apegado á actualidade e que, en última instancia, non realiza ficción, resulta atribuíbel ao seu criterio e persoa aquilo que di, non hai voz narrativa interposta, non hai personaxe, hai opinión. É por isto polo que me parecen textos idóneos para indagar na súa relación co feminismo, coa igualdade entre homes e mulleres, a súa visión da posición das mulleres intelectuais etc", explicou.

"Casares amosa nos seus artigos unha visión da muller que adoita estar entre a valoración dos seus roles tradicionais, impostos polo patriarcado, e unha valoración aparentemente máis moderna, liberadora e igualadora. É o que eu chamo o ‘feminismo masculinizado da Transición'. É habitual que a definición das mulleres protagonistas dos seus artigos se dea en virtude da súa relación cos homes e a beleza (ou non), aínda que Casares sempre deixa un lugar para indagar sobre a intelixencia como mecanismo independizador e -seguramente- empoderador", expresou a investigadora, escritora e profesora da Escola Superior de Arte Dramática.

Pola súa banda, o investigador e profesor do Brooklyn College Álex Alonso achegouse ao debate sobre a responsabilidade do intelectual a partir dunha análise contextualizada de Deus sentado nun sillón azul. Situando a ficción do autor no contexto da historia intelectual de finais dos 90, a súa proposta é un intento de lectura, apoiado en certas reflexións de Hannah Arendt, na que Casares se volve "un pouco o contra Casares e abre certos debates intelectuais claves para entender os cambios da ficción e da historia a principios dos anos 90, tanto en Galicia como en Europa".

Segundo o investigador, Deus sentado nun sillón azul (1996) aparece como unha biografía dun intelectual innominado, "aquel que está implícito na posición que ocupou Vicente Risco". "Unha biografía dende dentro, que en lugar de cancelar as súas contradicións nun relato lineal vai explicitando os seus dilemas, paradoxos e aporías, o contraste entre o ton asertivo que adopta no xuízo e as reviravoltas que dá antes de mandar un artigo a La Región".

O Simposio Carlos Casares -apoiado pola Consellería de Cultura- e o últimos dunha serie de encontros arredor do autor ourensán que permitiron profundar durante novembro, desde visións plurais, nun persoeiro polifacético, cun legado destacado non só no literario, senón tamén no eido institucional e das estratexias culturais, recordou Víctor F. Freixanes. O mes arrincou coas xornadas da Fundación Carlos Casares celebradas en Ourense e Vigo e continuou hai uns días co programa deseñado polo Consello da Cultura Galega, institución da que Casares foi presidente.

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Mércores 20 de decembro de 2017 / 19:30 h
Acto literario e musical co gallo do 110 aniversario da estrea do Himno

Novas da Academia

Subscríbete

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

Descargar

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

Consultar

Hemeroteca Virtual Galicia nas páxinas dos seus xornais.

IR

Cuberta do Boletín 376

Boletín da Real Academia Galega
nº 376

Descargar

Cadernos de Lingua
nº 35

Descargar