Afonso Becerra responde ao Cuestionario Roberto Vidal Bolaño

O dramaturgo e director de escena Alfonso Becerra de Becerreá exerce actualmente a docencia na Escola Superior de Arte Dramática de Galicia. Coa súa achega proseguimos a serie de entrevistas sobre a figura de Roberto Vidal Bolaño.
Retrato de Afonso Becerra de Becerreá, dramaturgo e director de escena
O actor e director Afonso Becerra

Ao seu parecer, que características definen a obra de Vidal Bolaño?
Vidal Bolaño soubo inserir na cerna da súa obra teatral unha teoría política a favor dos desfavorecidos e dos perdedores, a favor da emancipación da cultura e da lingua galegas, e fíxoo sen necesidade de panfletos e sen crebar a voz obxectiva do drama (a independencia dos personaxes).

Que importancia tivo a súa figura –como autor, director e actor- na constitución do teatro galego moderno?
A figura de Roberto Vidal Bolaño tivo unha importancia capital na conformación do teatro profesional galego non só polo seu talento senón pola súa dedicación en exclusiva a unha arte da cal non se podía vivir daquela e se malvive hoxe. Esa dedicación exclusiva orientouse aos aspectos fundamentais das artes escénicas: a dramaturxia, a dirección escénica, a interpretación, a iluminación... Roberto desenvolveu esas facetas en compañías teatrais que facían un traballo profesional. De todas/os é coñecida a escena biográfica na que un empregado de banca abandona o seu traballo e soldo para facer teatro, esa actividade que, ata entón, en Galicia, se reducía a un lecer culto.

No seu xuízo, que vixencia conserva a súa obra no contexto actual?
A obra de Vidal Bolaño está hoxe máis vixente ca nunca polo momento histórico de crise do sistema capitalista que está acabando cun suposto estado do benestar e que deriva cara á miseria de valores éticos e económicos. Os problemas e os conflitos humanos e políticos sobre os que compuxo as súas obras Vidal Bolaño seguen vixentes. O coidado formal e o coñecemento fondo da lingua e dos códigos escénicos contribúen á permanencia deste clásico contemporáneo da dramaturxia galega.

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Martes 21 de novembro de 2017 / 17:00 h
Simposio Carlos Casares
Mércores 22 de novembro de 2017 / 17:00 h
Simposio Carlos Casares
Xoves 23 de novembro de 2017 / 17:00 h
Simposio Carlos Casares
Sábado 2 de decembro de 2017 / 12:00 h
Ingreso de Marina Mayoral como académica de honra da RAG

Novas da Academia

Subscríbete

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

Descargar

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

Consultar

Hemeroteca Virtual Galicia nas páxinas dos seus xornais.

IR

Cuberta do Boletín 376

Boletín da Real Academia Galega
nº 376

Descargar

Cadernos de Lingua
nº 35

Descargar