A poesía e a narrativa pechan o ciclo 'No tempo das Irmandades'

Vigo acollerá o vindeiro martes, 13 de novembro, un novo encontro do ciclo No tempo das Irmandades: fala, escrita e prelos, unha das iniciativas organizadas pola Real Academia Galega co gallo do centenario da fundación das Irmandades da Fala. O encontro contará coas achegas de Xosé Ramón Pena, Chus Nogueira e Miro Villar, que compartirán unha mesa de debate centrada na poesía das Irmandades, baixo o título Unha poética anovadora, moderada polo académico Xosé Luís Axeitos. O ciclo rematará o 20 de decembro na sede da RAG na Coruña, desta volta coa sesión Novos vieiros para a narrativa, na que participarán Ramón Nicolás, Camiño Noia e Dolores Vilavedra e, como moderadora, a académica Fina Casalderrey. Ambos os dous encontros son de entrada libre.

De esquerda a dereita e desde arriba, Chus Nogueira, Xosé Luís Axeitos, Xosé Ramón Pena, Miro Villar, Camiño Noia, Fina Casalderrey, Dolores Vilavedra e Ramón Nicolás (por Anxo Cabada)


A mesa de debate do día 13, que se celebrará na Casa Galega da Cultura (praza da Princesa, 2 – Vigo) a partir das 19.30 horas, abordará diferentes aspectos sobre as Irmandades da Fala na historia da poesía e a súa contribución á conformación da lírica galega do século XX. O escritor e especialista en historia da literatura Xosé Ramón Pena participará cun relatorio titulado Na procura dunha estética nacional, a profesora da Universidade de Santiago de Compostela Chus Nogueira achegará A poesía do tempo das Irmandades na historiografía literaria galega e o escritor e crítico literario Miro Villar, Gonzalo López Abente, o "poeta do mar", no que afondará na figura do escritor muxián homenaxeado no Día das Letras Galegas de 1971, participante nas Irmandades da Fala desde o inicio deste movemento.

No encontro do día 20, o crítico literario Ramón Nicolás exporá Liñas de sentido da narrativa curta das Irmandades. Algunhas calas, a catedrática da Universidade de Vigo Camiño Noia falará da narrativa oral e costumista na época das Irmandades e a profesora da Universidade de Santiago de Compostela Dolores Vilavedra profundará nas coleccións de narrativa breve, deténdose no caso de Lar. A mesa de debate celebrarase na sede da RAG (rúa Tabernas, 11 – A Coruña) a partir das 19.30 horas.

O ciclo No tempo das Irmandades: fala, escrita e prelos profunda nas producións literaria, xornalística e editorial galegas desenvolvidas polas Irmandades da Fala, que experimentaron grazas a elas un importante avance, e tamén nas biografías e obras de varios persoeiros que tiveron un papel destacado neste proxecto. O programa, que conta coa colaboración de máis dunha trintena de especialistas, foi inaugurado na Coruña o pasado mes de xuño. Tras pasar por Santiago de Compostela, Pontevedra, Viveiro, Ourense, Ferrol, Lugo e Vigo, será clausurado o 20 de decembro tamén na Coruña, a cidade onde se fundou, o 18 de maio de 1916, a primeira agrupación irmandiña.

Dicionario

Novas da Academia

Subscríbete

Cursos de Verán


Toda a información
nesta páxina

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

Descargar

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

Consultar

Hemeroteca Virtual Galicia nas páxinas dos seus xornais.

IR

Cuberta do Boletín 376

Boletín da Real Academia Galega
nº 376

Descargar

Cadernos de Lingua
nº 35

Descargar