Nas novelas de López Ferreiro abundan os relatos históricos ambientados na Galicia rural.

1 de 4
As súas novelas caracterízanse polo uso dunha linguaxe moi rica na que sobrancean as formas arcaicas e populares.

2 de 4
López Ferreiro foi un grande investigador e coñecedor da historia da Arquidiocese de Santiago.

3 de 4
Detalle da capa de "O Castelo de Pambre", editado en 1895 en Santiago de Compostela. Biblioteca da RAG.

4 de 4

Antonio López Ferreiro

Biografía


Antonio López Ferreiro foi un erudito galeguista do século XIX, cuxa produción narrativa, aínda continuadora do romanticismo, constitúe unha das achegas fundamentais das nosas letras.

Naceu en Santiago de Compostela o 9 de novembro de 1837, no seo dunha familia burguesa. Cursou estudos de Filosofía e Letras e de Dereito na Universidade Literaria, e fixo carreira eclesiástica. En 1863 realizou o doutoramento en Teoloxía na Universidade Central, para matricularse posteriormente na Escola Diplomática de Madrid. Esta formación serviulle para obter o título de arquiveiro municipal. Consagrou, entón, o seu tempo á transcrición de documentos galegos do Arquivo Histórico Nacional. Ademais, estudou Paleografía, Latín Medieval, Numismática, Epigrafía, Xeografía, Historia Medieval, Bibliografía e Historia das Belas Artes. Xa en 1866 foi nomeado sancristán maior da igrexa madrileña de San Antonio de los Alemanes, mais regresou a Galicia ese mesmo ano ao conseguir o posto de párroco de Santa Olalla de Vedra. Un polémico estudo onde refutaba o discurso pronunciado nas Cortes por Montero Ríos en defensa da lei do casamento civil de 1870 -El matrimonio civil en sus relaciones con la religión, la moral y la libertad- valeulle o nomeamento de cóengo da Catedral de Santiago.

Moi interesado polo pasado de Galicia, exerceu durante anos como catedrático de Arqueoloxía Sagrada no seminario de Compostela e desenvolveu un destacado labor no achado das reliquias do Apóstolo. Neste campo publicou a obra Lecciones de arqueología sagrada (1889). O seu interese no coñecemento da historia levouno, ademais, a compoñer máis de cincuenta obras sobre o priscilianismo ou os foros galegos. Así, desenvolveu un importante papel en revistas como El Porvenir, El Libredón, El Pensamiento Gallego ou Galicia histórica, unha recoñecida publicación fundada por el mesmo, que saíu á luz de 1901 a 1903. Esta paixón quedou tamén reflectida na súa obra literaria, ateigada de descricións de monumentos, comentarios históricos, citas de documentos non publicados... Así o constatamos nas novelas A tecedeira de Bonaval (1894), O castelo de Pambre (1895) ou O niño de pombas (1905), ambientadas nos séculos XIV, XIX e XII, respectivamente.

López Ferreiro foi membro fundador da Real Academia Galega e correspondente da Real Academia da Historia. Faleceu en Vedra o 20 de marzo de 1910.

Pegerto Saavedra sobre López Ferreiro.

Obra


Literatura

Novela

- A tecedeira de Bonaval: episodio da hestorea de Compostela no siglo XVI. A Coruña: Martínez Salazar, 1894. 2ª ed.
- O castelo de Pambre. Santiago de Compostela: Alende, 1895.
- O niño de pombas. Santiago: Galaica, 1905.

Ensaio

- El matrimonio civil en sus relaciones con la religión, la moral y la libertad. Refutación del discurso pronunciado por el Sr. Montero y Ríos en las Cortes en defensa de la Ley de Matrimonio Civil en 29 de abril de 1870. Santiago de Compostela: Tip. de Manuel Mirás y Álvarez, 1871.
- El altar de Santiago, sus vicisitudes y transformaciones desde los tiempos primitivos hasta nuestros días. Santiago de Compostela: Imp. de El Boletín Eclesiástico, 1877.
- Estudios históricos-críticos sobre el Priscilianismo. Santiago: José María Paredes, 1878.
- Monumentos atiguos de la Iglesia Compostelana. Madrid: Imp. Moreto, 1882.
- Galicia en el último tercio del siglo XV. Santiago de Compostela: La Gaceta, 1883.
- D.Rodrigo de Luna: estudio histórico. Santiago: Imp. José M. Paredes, 1884.
- Don Alfonso VII, Rey de Galicia y su Ayo el Conde de Traba. Santiago de Compostela: Seminario Conciliar Central, 1885.
- Lecciones de arqueología sagrada. Santiago de Compostela: Seminario Conciliar Central, 1889.
- El Pórtico de la Gloria. Santiago: Imp. do Seminario Conciliar Central, 1893. 2ª ed.
- Fueros municipales de Santiago y de su tierra. Santiago de Compostela: Imp. do Seminario Conciliar Central, 1896.
- Historia de la Santa A. M. Iglesia de Santiago de Compostela. Santiago: Imp. do Seminario Conciliar Central, 1898-1909.
- Biografía de San Rosendo. Mondoñedo: Librería de H. Mancebo, 1907.