Amado Carballo, xunto con Manuel Antonio, puxo en contacto a poesía galega coa vangarda do seu tempo.

1 de 3
"Proel" é a obra cimeira de Amado Carballo.

2 de 3
Dedicatoria manuscrita de Amado Carballo a Cabanillas. Biblioteca RAG.

3 de 3

Luís Amado Carballo

Biografía


Amado Carballo foi, xunto a Manuel Antonio, o poeta máis destacado do seu tempo, cuxa poesía, enmarcada na vangarda hilozoísta, se caracteriza por personificar os elementos da paisaxe.

Naceu en Pontevedra o 2 de maio de 1901. Criado no seo dunha familia ilustrada e conservadora, estudou bacharelato no Instituto de Pontevedra; despois trasladouse a Santiago de Compostela para cursar dous anos de Filosofía e Letras, e, posteriormente, regresou á cidade natal para estudar Maxisterio. Durante a súa curta vida, Amado Carballo exerceu como mestre de escola e como xornalista. Precisamente co obxectivo de traballar como xornalista, partiu cara a Madrid en 1920, onde colaborou no xornal La Tribuna, na revista España, e entrou en contacto co mundo literario e bohemio. Ao seu regreso a Pontevedra en 1922, fundou a revista Alborada, a carón de Xoán Vidal Martínez, e continuou colaborando noutras publicacións españolas e galegas, como Progreso, La Concordia, A Nosa Terra, El Pueblo Gallego ou Vida Gallega. Sería en Alborada onde o seu libro de poemas Proel (1927) vise a luz por vez primeira.

Tres anos máis tarde, Amado Carballo viuse obrigado a pasar unha tempada en Soutelo de Montes, por enfermar de tuberculose. Á súa volta a Pontevedra, escribiu a maioría dos poemas da súa obra póstuma O galo (1928). Malia falecer só con vinteseis anos, o día 3 de setembro de 1927, Amado Carballo influíu nos poetas das xeracións posteriores, ademais de ser, cabo de Manuel Antonio, un dos creadores máis destacados do momento, xa que a eles se lles atribúe a renovación poética do primeiro terzo do século XX.

Lembrado fundamentalmente polas súas creacións poéticas, cómpre non esquecer que iniciou a súa andaina literaria como narrador, coas novelas curtas Maliaxe (1922) e Os probes de Deus (1925), ademais do conto Un milagre do santo San Francisco.

Xoán Babarro sobre Amado Carballo.

Obra


Literatura

- Os probes de Deus: novela orixinal e inédita. A Coruña: Imp. Moret, 1925.
- Proel. Pontevedra: Alborada, 1927.
- O Galo. A Coruña: Nós, 1928.

Escolmas e estudos sobre o autor

- ÁLVAREZ BLÁZQUEZ, X.Mª.
Luís Amado Carballo: vida e obra. A Coruña: Real Academia Galega, 1982.
- CREADORES PLÁSTICOS COMPOSTELÁNS (ed.)
Día das Letras Galegas: Homaxe a Amado Carballo. Santiago de Compostela: Concello de Santiago de Compostela, 1982.
- GONZÁLEZ DORREGO, Mª.J.
A linguaxe figurada en Amado Carballo. Santiago de Compostela: Universidade, 1972.
- DEP. FILOLOXÍA GALEGA, USC (ed.)
Escolma de Amado Carballo. Santiago de Compostela: Universidade, 1982.
- MARCO, A.
Contribución á biografía de Amado Carballo: algún dados inétidos e un poema non recopilado. Vigo: Galaxia, 1982.
- PENA, X.R.
Luís Amado Carballo: poesía. A Coruña: Nós, 1982.
Prosa e contos. Vigo: Diario 16 de Galicia, 1992.
- ABILLEIRA SANMARTÍN, X.
Luís Amado Carballo. Vigo: A Nosa Terra, 2001.
- ALONSO GIRGADO, L.
Obra poética galega. Vigo: Edicións Xerais de Galicia, 2001.
- PONTE FAR, J.A. (coord.)
Luís Amado Carballo (1901-1927). A Coruña: La Voz de Galicia, 2010.