Luís Pimentel publicou un único libro de poemas en vida: "Triscos", que veu a luz na colección Benito Soto de Pontevedra, en 1950.

1 de 3
O poema, inédito ata 1981, "Cunetas", expresa a conciencia das crueldades levadas a cabo durante a Guerra Civil.

2 de 3
Pimentel mantivo unha longa amizade con algúns membros da Xeración do 27 como Dámaso Alonso e Aleixandre.

3 de 3

Luís Pimentel

Biografía


Luís Benigno Vázquez Fernández naceu en Lugo o 18 de decembro de 1895 e morreu na mesma cidade o 13 de febreiro de 1958. A súa obra, encadrada nas vangardas e marcada por un clima de intimidade, sintetiza diversas correntes, especialmente o impresionismo e o simbolismo.

Desde cedo, en Lugo, onde viviu case toda a súa vida, entrou en contacto con artistas, músicos e escritores. En 1914 desprazouse a Compostela, onde asinou os seus primeiros versos en español, para estudar Medicina. En 1922 trasladouse a Madrid para realizar o doutoramento e alí participou do ambiente cultural da cidade, sobre todo na Residencia de Estudiantes, onde coincidiu con figuras da Xeración do 27 da literatura española: Lorca, Buñuel, Dalí ou Baroja compartiron tempo e espazo co noso homenaxeado. Xa en 1927, de regreso a Lugo, entrou a formar parte da directiva do Círculo das Artes da cidade e creou a sección "De mi Tagebuch", na revista Ronsel, onde publicou prosas e poemas en castelán. Uns anos despois, conseguiu a praza como médico no Hospital Municipal, pero continuou mantendo relación, por correspondencia, co mundo literario de Madrid: Dámaso Alonso ou Vicente Aleixandre compartían cartas con el. Ao mesmo tempo, coidou a súa amizade cos autores galegos, especialmente con Ánxel Fole, asintindo aos faladoiros e colaborando con publicacións como El Progreso, Garcilaso ou Espadaña.

Aínda que moitos dos versos de Pimentel foron traducidos ao galego por amigos como Ramón Piñeiro ou Ánxel Fole, boa parte da súa obra foi escrita en castelán. No seu único libro publicado en vida, Triscos (1950) empregou, no entanto, a nosa lingua. A este seguiulle o poemario póstumo Sombra do aire na herba (1959), considerado a súa obra máis importante e, a seguir, a obra en castelán Barco sin luces (1960). Xa en 1981, o volume Poesía enteira recollería os seus traballos inéditos. É aí onde se encontra o poema galego "Cunetas", espello do horror e a crueldade da guerra, un momento da historia moi presente na obra do noso homenaxeado.

Olivia Rodríguez sobre Luís Pimentel.

Obra


En galego

- Triscos. Pontevedra: Colección Benito Soto, 1950.
- Sombra do aire na herba. Vigo: Galaxia, 1959.

En castelán

- Barco sin luces. Lugo: Celta, 1960

Compilacións e obras sobre o autor

- PIMENTEL, L.
Poesía enteira. Vigo: Xerais, 1981.
- FONTE, R. (ed.)
Poesía galega. Vigo: Xerais, 1989.
- ALONSO MONTERO, X.
Luís Pimentel, biografía da súa poesía. Pontevedra: Edicións do Cumio, 1990.
- DEP. FILOLOXÍA GALEGA, USC (ed.)
Homenaxe a Luís Pimentel: Día das Letras Galegas 1990. Santiago de Compostela: Universidade, Servizo de Publicacións, 1990.
- MURADO, M.A.
Luís Pimentel (1895-1958): Día das Letras Galegas 1990. Santiago de Compostela: Consellería da Presidencia, 1990.
- PIÑEIRO, R.
Luís Pimentel: 1895-1958, unha fotobiografía. Vigo: Xerais, 1990.
- HERRERO FIGUEROA, A. (ed.)
Obra completa. Vigo: Galaxia, 2009.