Dieste formou parte na súa xuventude das vangardas literarias.

1 de 4
Firmemente comprometido coa República, Dieste tivo que vivir durante máis de vinte anos no exilio.

2 de 4
Dieste foi un dos principais renovadores do teatro galego.

3 de 4
Fragmento dunha carta de Rafael Dieste a Neira Vilas e Anisia Miranda.

4 de 4

Rafael Dieste

Biografía


Nado en Rianxo o 29 de xaneiro de 1899 e finado en Santiago de Compostela o 15 de outubro de 1981, Rafael Dieste foi un destacado dramaturgo e narrador das nosas letras pertencente á chamada Xeración de 1925.

Criado no seo dunha familia acomodada de xurisconsultos que favoreceu o seu interese polas artes, viaxou, desde moi novo, a México, onde moraba un irmán seu. Na súa mocidade en Rianxo estableceu unha fonda amizade co poeta vangardista Manuel Antonio, interesándose os dous na realidade social galega e no seu nacente nacionalismo. Un tempo despois, na década dos 20, xurdiron diferenzas ideolóxicas entre os escritores, xa que o posicionamento monolingüe en galego de Manuel Antonio non era compartido por un Dieste que escribiu boa parte da súa obra en castelán.

Cumprido o servizo militar en Marrocos, entre 1921 e 1923, rematou a carreira de xornalismo e conseguiu traballo en distintos xornais liberais de Vigo, como Galicia, El Pueblo Gallego ou Faro de Vigo. Luís Amado Carballo, Valentín Paz Andrade, Posada Curros, Euxenio Montes, Roberto Blanco Torres e Carlos Maside son algúns dos nomes que confluíron entón na cidade olívica: mozos con intereses comúns nas artes plásticas e nas posibilidades dun xornalismo veraz e comprometido. Nesta altura, Dieste publicou, no suplemento dominical de El Pueblo Gallego, algúns contos que, sumados os publicados en Galicia, recolleu nunha edición de autor co título Dos arquivos do trasno, en 1926. Esta obra viuse substancialmente aumentada posteriormente, con novas narracións e mais a celebrada peza teatral "O drama do cabalo de xadrez", publicada orixinalmente en El Pueblo Gallego (Vigo, 19.04.1927).

No ano 1927, ingresou no Seminario de Estudos Galegos, pero a dedicación a Galicia entrou en contradición coa súa ambición persoal, que pretendía recoñecemento máis alá da fronteira galega. A comezos da década de 30 viaxou a Madrid e, levado pola súa marcada vocación pedagóxica, entrou en contacto coas Misiones Pedagógicas, presididas por Bartolomé Cossío. Fixo parte delas, xunto con Sánchez Barbudo, Lorenzo Varela e María Zambrano, creando e dirixindo o Teatro Guiñol, co que percorreu distintos lugares da xeografía peninsular. No entanto, a súa formación non cesou e, así, cunha bolsa da Junta para Ampliación de Estudios, viaxou a Bruxelas, Gante, Bruxas, París ou Lyon á fin de facer investigación teatral.

Cando a Guerra Civil estaba a piques de estoupar, Rafael e a súa dona Carmen Muñoz, membro activo das Misiones Pedagógicas, pertencían á Alianza de Intelectuales Antifascistas, mentres o propio Dieste era director do Teatro Español de Madrid e mais do grupo de teatro Nueva Escena, de cuxa revista, El Mono Azul, era un dos responsables. Coa chegada da guerra, seguiu a retirada republicana primeiro a Valencia e, a fins de 1937, a Barcelona. En 1939 ingresou no Exército do Leste e participou na saída da publicación El Combatiente del Este, aínda que tivo que exiliarse trala caída de Cataluña. Tras pasar por Francia, Rotterdam e Uruguai, Dieste e Carmen Muñoz establécense en Bos Aires, onde, grazas á axuda de Maruja Mallo, comeza a traballar na editorial Atlántida. Nesta época, o castelán foi a súa principal lingua de creación. Escribe poemas, narracións, teatro e ensaios de temática variada, mentres participa dos faladoiros do Café Tortoni con outros intelectuais exiliados. Durante 1950 e 1952, Dieste foi lector de Lingua e Literatura españolas na Universidade de Cambridge e, durante o curso de 1953, foino no Instituto Tecnolóxico de Estudos Superiores de Monterrei (México). Nos anos seguintes, entre 1955 e 1960, viviu a súa última estancia en Bos Aires e na Atlántida, onde apareceu a versión definitiva de A fiestra valdeira (1958).

O 21 de agosto de 1961, Dieste e Carmen chegan ao porto de Vigo e o noso biografado reintégrase activamente na vida cultural da cidade. Un ano despois, saíu en Galaxia unha reedición de Dos arquivos do trasno, ampliando o número de contos. A mediados da década, Dieste instalouse na cidade da Coruña, onde o 18 de abril de 1970 tivo lugar o seu ingreso na Real Academia Galega. Nun concorrido acto celebrado no Círculo de Artesanos, Dieste pronunciou o seu discurso A vontade de estilo na fala popular, que tamén supuxo a exposición da súa propia poética, isto é, a concepción lingüístico-estilística da súa creación. Nos anos sucesivos, non só colaborou en diversas publicacións, senón que numerosas conferencias, homenaxes e mesas redondas contaron coas súas intervencións, recollidas no libro póstumo Encontros e vieiros (1990). A cultura acompañouno sempre sen abandonar o activismo político: en 1977 asinou o "Manifesto dos 29" reclamando o autogoberno para Galicia e, en 1980, participou da redacción de "Realidade Galega", o manifesto dun grupo de opinión apartidario que promovía a conciencia crítica.

Fóra dalgúns poemas, a obra en galego de Dieste é fundamentalmente narrativa e teatral. Contos e teatro significan a modernización da literatura galega, conseguindo un estilo propio que se afasta do realismo ruralista e do culturalismo imperante na Xeración Nós. Poucos meses antes da súa morte, apareceu o volume Antre a terra e o ceo, que recolle artigos publicados en El Pueblo Gallego na década de 1920. En 1981 foi nomeado Membro de Honra da Asociación de Escritores en Lingua Galega e, en 1995, dedicóuselle o Día das Letras Galegas.

Salvador García Bodaño sobre Rafael Dieste.

Obra


Ensaio

- A vontade de estilo na fala popular. Discurso lido o día 18 de abril de 1970 na súa recepción pública, por Don Rafael Dieste e resposta de Don Domingo García-Sabell. Sada: Ediciós do Castro, 1971.
- Antre a terra e o ceo. Prosas de mocedade 1925-1927. Sada: Ediciós do Castro, 1981.
- Encontros e vieiros. Sada: Ediciós do Castro, 1990.
- Textos e crítica de arte. Vigo: A Nosa Terrra, 1995.

Narrativa

- Dos arquivos do trasno. Contos do monte e do mar. Vigo: [s.n.], 1926.

Teatro

- A fiestra valdeira. Comedia de remate ledo e tres lances, o derradeiro cun respiro. Santiago de Compostela: Tip. 'El Eco', 1927.

Sobre o autor

- AXEITOS AGRELO, X.L. (coord.)
Rafael Dieste: actas do Congreso celebrado na Coruña os días 25, 26 e 27 de maio de 1995. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia, 1996.
- AXEITOS AGRELO, X.L.
Rafael Dieste: bibliografía e cronoloxía. Santiago de Compostela: Universidade, 1995.
- AXEITOS AGRELO, X.L.
Rafael Dieste: ollar o mundo con sede adiviñadora. A Coruña: Espiral Maior, 1995.
- CASAS VALES, A.
Rafael Dieste e a súa obra literaria en galego. Vigo: Galaxia, 1994.
- FERNÁNDEZ FREIXANES, V. (et alii)
Rafael Dieste: heterodoxia e paixón creadora. Vigo: Xerais, 1995.
- FREIXEIRO MATO, X.R.
Rafael Dieste: vida, personalidade e obra. Santiago de Compostela: Laiovento, 1995.
- GARCÍA-BODAÑO, S. (ed.)
Rafael Dieste: vida e obra en lingua galega. A Coruña: Real Academia Galega, 1995.
- GARCÍA-SABELL, D. (et alii)
Rafael Dieste, un creador total. Vigo: Galaxia, 1995.
- REI NÚÑEZ, L.
Rafael Dieste: narrador, poeta, dramaturgo, pensador e sabio, home libre e comprometido coa verdade. Vigo: Ir Indo, 1995.
- XUNTA DE GALICIA (ed.)
Xornadas sobre Rafael Dieste. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia, 2000.
- CASAS VALES, Arturo
Os irmáns Dieste e o grupo de P.A.N. Santiago de Compostela: Boletín Galego de Literatura, 1991.