Na illa de San Simón, cantada polo poeta Mendinho na Idade Media, encóntrase unha estatua dedicada aos tres poetas da ría de Vigo: Martín Codax, Mendinho e Johan de Cangas.
Autor: Hugo P. / Licenza CC 2.5.

1 de 2
As composicións de Martín Codax están recollidos no Pergamiño Vindel, o que nos posibilita acceder ás músicas, presumiblemente orixinais, que acompañan as cantigas.

2 de 2

Trobadores da ría de Vigo

Biografía


Johan de Cangas, Meendinho e Martin Codax representan a extraordinaria eclosión de creatividade que, na nosa lingua, estourou en Galicia no período medieval.

Os nosos homenaxeados trobaron en galego nun período da nosa historia no que a lingua, considerada habitualmente como galego-portugués, agromaba como expresión da alta literatura. Na lírica medieval encontramos, asemade, préstamos de procedencia galo-románica debido ás primeiras peregrinaxes a Compostela.

A lírica trobadoresca é a primeira manifestación literaria da lingua galega. No século XII espállase desde Provenza, o seu territorio orixinal, por case toda Europa. No entanto, a lírica medieval galego-portuguesa posúe características propias e unha grande produtividade e orixinalidade. A cantiga galego-portuguesa máis antiga da que se ten noticia é "Ora faz ost'o senhor de Navarra", un escarnio político escrito por Johan Soarez de Pávia e datado entre 1196 e 1198. A nosa lírica medieval esténdese ata mediados do século XIV, sendo habitual establecer o ano 1350, data do testamento do Conde D. Pedro. Tras esta época de esplendor prodúcese unha etapa de decadencia coñecida como a "Escola galego-castelá", antesala dos Séculos Escuros da literatura galega.

As cantigas da lírica galego-portuguesa constitúen un conxunto de 1679 cantigas profanas e 427 cantigas relixiosas. Son textos manuscritos, musicados e coleccionados nos chamados Cancioneiros. Coñécense tres grandes Cancioneiros -Cancioneiro d'Ajuda, o Cancioneiro da Biblioteca Nacional de Lisboa e o Cancioneiro da Vaticana- aínda que contamos tamén con seis documentos breves que achegan información, como por exemplo a Tavola Colocciana, unha listaxe de autores de cantigas e, sobre todo, o Pergamiño Vindel.

Moi pouco sabemos dos nosos trobadores Johán de Cangas, Meendinho e Martin Codax e son tamén escasas as obras que poden atribuírselles. Comparten, no entanto, algúns aspectos. Trátase sempre de cantigas de amigo, un tipo de composición breve na que a voz poética é unha muller namorada que se dirixe ao seu amigo, habitualmente ausente nese momento. Ademais, os autores comparten orixe. Probablemente os tres proceden do entorno da ría de Vigo: Johan de Cangas da zona do Morrazo, Meendiño de Redondela ou Vigo e Martin Codax de Vigo, polas numerosas referencias á cidade nas súas composicións.

Johan de Cangas foi un trobador do século XIV do que conservamos tres cantigas de amigo sobre o Santuario de San Mamede. O elemento máis importante das súas composicións é o mar.

Meendinho foi un trobador que viviu entre o século XIII e XIV do que conservamos unha única cantiga de amigo, considerada entre as máis importantes da lírica galego-portuguesa: "Sediam'eu na ermida de San Simón".

Martín Codax viviu entre a segunda metade do século XIII e comezos do século XIV. Del conservamos seis composicións que están recollidas nos Cancioneiros e tamén no Pergamiño Vindel, gardado na Pierpont Morgan Library de Nova York. As cantigas atribuídas a Martin Codax son as seguintes: "Ondas do mar de vigo", "Mandad'ey comigo", "Mia yrmana fremosa treydes comigo", "Ay Deus se sab'ora meu amado", "Quantas sabedes amar amigo", "En o sagrad'en Vigo" e "Ay ondas que eu vin veer". No pergamiño consérvase, ademais, a notación musical das cantigas, o cal supón unha excepción dentro da nosa lírica medieval.

Ramón Lorenzo sobre os trobadores da Ría de Vigo.

Obra


Ademais de aparecer recollida nos cancioneiros medievais referidos, a obra dos nosos trobadores foi editada en numerosas ocasións acompañada de valiosos estudos críticos que aproximan a cosmovisión da época á actualidade.

Recollemos, a seguir, unha parte significativa da bibliografía sobre Meendiño, Joham de Cangas e Martín Codax:

- ALONSO MONTERO, X.
Homenaxe ós tres poetas medievais da ría de Vigo: Martín Codax, Mendiño, Johán de Cangas. A Coruña: Real Academia Galega, 1998.
- GONZÁLEZ PÉREZ, Clodio.
Meendiño, Martín Codax, Xoán de Cangas. Noia: Toxosoutos, 1997.
- QUEIXAS ZAS, M.
Os trobadores do Reino de Galiza: Martín Códax, Mendiño, Xoán de Cangas. Vigo: A Nosa Terra, 1997.
- COUCEIRO, X.L. & FONTOIRA, L.
Martín Codax, Mendiño, Johán de Cangas: Día das Letras Galegas, 1998. Santiago de Compostela: Universidade de Santiago de Compostela, 1998.
- FLITTER, D. & ODBER DE BAUBETA, P.
Ondas do mar de Vigo: actas do Simposio Internacional sobre a Lírica Medieval Galego-Portuguesa, Birmingham, 1998. Birmingham: Seminario de Estudios Galegos, The University of Birmingham, 1998.
- FERNÁNDEZ FREIXANES, V.
Johán de Cangas, Martín Codax, Meendinho, 1200-1350: lírica medieval. Vigo: Xerais, 1998.
- MONTEAGUDO ROMERO, H.
O son das ondas: Mendiño, Martín Codax, Johán de Cangas: xograres da beiramar. Vigo: Galaxia, 1998.
- ALONSO MONTERO, X. & MONTEAGUDO ROMERO, H. & POZO GARZA, L.
Tres poetas medievais da ría de Vigo: Martín Codax, Mendiño e Johán de Cangas. Vigo: Galaxia, 1998.