Fina Casalderrey

Sementando albas

Fina Casalderrey

20/03/2020

Tócanos vivir un tempo de vida interior. Ímolo dicir así, con optimismo: vida interior para mirarmos dentro, para estarmos coa xente nosa, para sabermos máis uns dos outros; para determos ese tempo que "turra de nós e que nos leva", como diría o Carlos Casares poeta. Tamén é unha ocasión propicia para abrirmos as fiestras da imaxinación e voarmos por riba dos tellados para conectármonos co mundo sen saírmos da casa, abonda con —botando man das novas tecnoloxías—, aproveitarmos para termar da lingua, ese tesouro que nos identifica como país. Andan varias iniciativas pola Rede, promovidas por docentes, amigos e amigas do idioma, que podemos consultar e coas que podemos interactuar. Unha das últimas (se cadra han de vir máis) é esa de Aulas Galegas, que quere ser un fermoso pórtico para vivir en galego na casa e, quizais, para gritalo con xúbilo esperanzador dende a ventá, o balcón, a eira... no tempo dos aplausos. Unha corentena axeitada para achegármonos á lingua, para coñecela, para practicala e para amala.

Con esa idea na Real Academia Galega creamos no seu día o Portal das Palabras, que tanta aceptación ten entre o profesorado, as familias, os amigos da lingua galega, feito que consegue que nos sintamos indemnizados pola vida. O Portal das Palabras, que naceu como unha iniciativa para divulgar o idioma, ofrece xa centos de xogos, textos divulgativos e mesmo vídeos para gozarmos co léxico. Primavera das Letras é outra das iniciativas da RAG para crear un vínculo co profesorado e o alumnado de todos os centros de primaria de Galicia, que estes días podemos consultar xuntos, en familia. A lingua é o facho que o alumea todo, unha luz que nos axuda a describir e descubrir o universo, a entendelo e a compartilo. A lingua é un espazo para o amor, o lecer, a comunicación e o coñecemento. Tanto O Portal das Palabras coma Primavera das Letras, naceron con ese espírito e durante todos estes anos non fixeron máis que medrar, o que dá unha idea da vitalidade do idioma e da demanda da nosa xente arredor del.

Na Rede tamén atopamos o proxecto Novo Cinema Galego, que propón 16 filmes para soportar este confinamento. Outrosí, o Festival Internacional de Narración Oral ofrece a súa canle de Youtube. Artur Pastoriza agasállanos nas redes con clases de baile galego... Kalandraka únese con Contos contados... Non estamos sós.

Estes días de obrigado retiro interior poden ser días para compartir, para descubrir, para comunicármonos, para estarmos un chisco máis preto uns dos outros, máis xuntos. A distancia física non xustifica o estarmos afastados. As novas tecnoloxías permiten estreitar as nosas relacións, abrir as fiestras e compartir soños e inquedanzas. E a lingua é un vencello que nos une e que nos acubilla, un camiño para as descubertas que podemos compartir tamén nestes días. Penso sobre todo na xente miúda, na relación que podemos ter os adultos (pais, nais, avós, avoas, ensinantes...) coa rapazada... Deámoslle a volta á situación e vexámoslle o lado positivo. Estamos xuntos! Talvez máis xuntos...

Benvidas todas as iniciativas que, coma estas, sementan albas e demostran que a nosa lingua é quen de seguir en pé despois dos cataclismos, mesmo dos que se chaman coronavirus. Grazas infinitas a todas, a todos. Moitos ánimos, a cerdeira do meu veciño floreceu como cada primavera.

Unha aperta longa coma un río dende esta Tribuna da RAG.

Fina Casalderrey
Membro de número da Academia


Axenda de actos Ver todos
Xoves 29 de outubro de 2020 / 19:00 h
Simposio Ricardo Carballo
Carvalho Calero - Ideas e achegas ao idioma
Sábado 31 de outubro de 2020 / 12:00 h
Pleno extraordinario do Día das Letras Galegas
Sábado 7 de novembro de 2020 / 9:45 h
V Xornada de Onomástica Galega: Os nomes comerciais - Museo de Pontevedra

Novas da Academia

Subscríbete