Antón Santamarina

O 'Antón' de D. Antonio Fraguas

Antón Santamarina

20/02/2019

Hai varios Antonios no santoral romano, Tagliavini (Un nome al giorno) cita dez. Pero só dous deles adquiriron fama na cristiandade, Antonio abade, que viviu na Tebaida entre os séculos III e IV, cuxa festa se celebraba o 17 de xaneiro; e o de Padua (ou Lisboa), que viviu nos séc. XII e XIII e que foi canonizado en 1232, un ano despois da súa morte, a quen se lle fai a festa o 13 de xuño. O primeiro estivo enterrado en Exipto e as súas reliquias foron trasladadas a Europa no séc. XI, á abadía de Saint Antoine (cerca de Grenoble), despois da ocupación de Exipto polos árabes; por iso o nome se fixo popular en Francia; hai mesmo bastantes topónimos Saint-Antoine. O segundo, que antes de 1220 se chamaba Fernando Martim de Bulhões e Taveira Azevedo, pois nacera en Lisboa, estivo pouco tempo en Italia e menos aínda en Padua, onde apenas fixo outra cousa que retirarse para morrer; pero fíxose moi popular o seu culto e é principalmente a el a quen se debe a moda do nome Antonio na onomástica en España e Portugal.

Aínda que o nome Antonius circulaba en Roma (era nome dunha gens) o certo é que na onomástica alto-medieval volveuse raro e probablemente caeu nun desuso total; un bo indicio diso é que, na toponimia galega (e creo que hispánica), entre os abundantísimos nomina possesoris, non hai ningún resto dunha villa (ou pagus) Antonii. Na documentación medieval galega recuperouse o nome e comezan a aparecer de novo Antonios e Antonias, pero con moi pouca frecuencia; o primeiro de que temos noticia é do ano 818, nun documento de Samos (v. CODOLGA e TMILG); as seguintes documentacións (unha vez en cada caso) son dos anos 861 e 910 en Lugo, 920 e 944 en Sobrado, 986 en Celanova. Despois desta data debeu de volver caer en desuso porque non volvemos atopar novamente Antonios na documentación latina e galega ata case trescentos anos máis tarde: 1254 en Ourense, 1312 en Santiago e 1344 en Tui.

Desde un punto de vista lingüístico o nome é un cultismo; como é ben sabido o grupo latino -NI- (+vogal), se a palabra fose patrimonial, tería dado -ñ- ou sexa *Antoño (como SOMNIUM >soño). Unha variante Antoño haina realmente en galego e castelán, pero son formas "vulgares" (posteriores ao séc. XV) sacadas do cultismo Antonio, igual que matrimoño, que tamén se oe moito.

Daquela forma antiga, Antonio, son continuadoras as formas actuais Antonio e Antón; esta última formada por apócope da terminación, coa mesma apócope que atopamos frecuentemente nos casos nos que o nome de pía precedía o nome de familia; e así, igual que Bernal (=Bernaldo) Pérez ou Fernán (=Fernando) Peres temos un Antón Pérez ou un Antón González e mesmo, Antón, sen apelido; as dúas formas (Antonio/Antón) rexístraas Anselmo López Carreira nos Padróns de Ourense do século XV: Fontes estatísticas para a historia medieval de Galicia (Consello da Cultura Galega, 1995). En documentos en galego (v. TMILG) o primeiro Antón rexístrase nun documento de Oseira de 1332: Roy de Sello et Arrellas et Fernando Antonommees de Roy Perez. O dobrete haino en galego, portugués e castelán. Sobre Antón acabou creándose un feminino Antona. Hai hipocorísticos que agora non veñen ó caso, como Toño ou Tucho; pero son casos diferentes de Antón, que, como queda visto non é hipocorístico.

Como nome de santo a variante Antón é moi rara aínda que non descoñecida, tanto en galego como en castelán; no refraneiro das dúas linguas dise Por san Antón xa a galiña pón, Por San Antón la buena gallina pon. Pero a forma tridentina de chamar ós santos foi Antonio, fose o Santo Antonio do inverno como o Santo Antonio do verán; no cantigueiro popular é Antonio o nome que reciben os dous: San Antonio ghard'o ghando / ghárdam'a miña beserra / qu'está na corte berrando (polo de xaneiro); Pois logo meu Manoliño / si o permite San Antonio / casarémonos axiña / pa gozar do matrimonio (polo de xuño). Por iso era natural que o nome que se lle impuña a un neno baixo o padroado dun dos dous santos fose Antonio, aínda que despois no ambiente familiar e local se lle chamase coa forma apocopada Antón ó longo de toda a súa vida. Isto era moi frecuente na Galicia rural. E como, polo menos nos séc. XIX e XX, rural e galego formaban case unha ecuación acabou xerándose a idea de que Antón era a forma rural e galega, mentres que Antonio era a forma urbana e castelá. Podíase ser don Antonio e tío Antón pero a inversión dos títulos non era posible.

Esta é a razón que explica que despois do Rexurdimento algúns Antonios decidisen asinar sistematicamente os seus escritos con Antón. Son os casos de Antón Vilar Ponte, Antón Alonso Ríos, Antón Zapata García, Antón Patiño entre outros. Mentres outros mantiveron o nome do rexistro sen "galeguizar"; son os casos de Antonio Couceiro Freijomil, Antonio Iglesias Vilarelle, Manuel Antonio Pérez Sánchez, entre outros. E outros vacilaron á hora de asinar textos, como foi o caso de Antonio Losada Diéguez / Antón Lousada Dieges ou Antonio Mª de la Iglesia / Antón da Igrexa. Non é raro, por outra parte, atopar Antonios aos que outras persoas nomean Antón aínda que os portadores do nome non fixesen nunca uso desta denominación; son os casos de Antonio/Antón Rey Soto ou Antonio/Antón Noriega Varela. Este último cando viu que a editorial Nós publicara o seu libro Como falan os brañegos co seu nome "galeguizado" protestou de maneira irada; así o podemos comprobar na dedicatoria que fai da obra a Couceiro Freijomil, conservada na biblioteca deste erudito gardada no Instituto Padre Sarmiento.

E vimos ó caso de Fraguas. Polo que puidemos comprobar asinou sistematicamente os seus traballos co nome Antonio¸ tanto os anteriores á Guerra Civil (hainos en Nós nos anos 1930) como os posteriores. Evidentemente, cando algún traballo seu aparece citado en obras doutros, mantense o Antonio, como require o rigor académico. Fóra deste contexto, cando amigos se refiren a el por outras razóns que non son académicas, poden chamarlle sempre Antón (polo menos nos papeis que puidemos inspeccionar), como é o caso de Cabanillas, Lois Tobío, Fr. F. del Riego, Ben Cho Shey ou Carballo Calero; ou vacilar entre Antón/Antonio, como é o caso de Otero Pedraio, Cuevillas ou Filgueira; ou unicamente Antonio.

Todo isto vén a propósito de se o ano literario no que estamos debemos chamarlle Ano Antón Fraguas ou Ano Antonio Fraguas. Non nos consta que o dedicatario deste acontecemento tivese ningún prexuízo sociolingüístico sobre o nome Antón nin nos consta tampouco que renegase nunca del; pero o caso é que mantivo unha adhesión persoal permanente ó nome Antonio. Xa non lle podemos preguntar a razón, se é que tiña algunha, pero os feitos son eses. Así é que, pola nosa banda, tendo en conta que non se trata de ningunha forma castelanizada, cremos que a Academia debe de respectar o nome co que acostumaba asinar.

Antón Santamarina
Membro de número da Academia


Axenda de actos Ver todos
Venres 15 de novembro de 2019 / 19:00 h
Toponimízate - Beariz
Luns 18 de novembro de 2019 / 16:30 h
Toponimízate - Ordes
Martes 26 de novembro de 2019 / 19:00 h
A Coruña - Inauguración do Simposio Antonio Fraguas
Mércores 27 de novembro de 2019 / 16:30 h
Santiago de Compostela - Simposio Antonio Fraguas
Xoves 28 de novembro de 2019 / 16:30 h
Santiago de Compostela - Simposio Antonio Fraguas

Novas da Academia

Subscríbete