Padrón, 23 de novembro de 1860 – Pontevedra, 7 de outubro de 1944
Político e xurista, apoiou durante a súa etapa como presidente da Deputación Provincial da Coruña o traballo dos intelectuais galeguistas da época, como Manuel Murguía, Andrés Martínez Salazar e Uxío Carré Aldao. Foi membro fundador da Real Academia Galega.
Nado en Padrón, cursou o bacharelato no convento do Carme, propiedade dos Dominicos. A seguir, cursou Dereito na Universidade de Santiago de Compostela, onde fixo amizade con persoas que habían ter, andado o tempo, unha fonda pegada na vida intelectual e política galega, como Salvador Cabeza de León, o marqués de Figueroa ou Vázquez de Mella. Alumno brillante, logo de se doutorar en Leis pola Universidade compostelá, acadou praza como avogado do Estado por oposición 1883 e converteuse nun dos xuristas de referencia na Galicia do seu tempo.
Entre os seus traballos máis relevantes nesta materia figura o artigo “El libro de Herbella”. Publicado no Boletín da Real Academia Galega, nesta achega analiza a obra Derecho práctico y estilos de la Real Audiencia de Galicia, ilustrado con las citas de los autores más clásicos que los comprueban (1768), do xurista ilustrado lucense Bernardo Herbella de Puga, e describe as principais casuísticas e algúns costumes procesuais do tribunal real, como o chamado “decreto galego” de orixe consuetudinaria.
Como político, presidiu, entre 1903 e 1909 desde as fileiras do Partido Conservador, a Deputación da Coruña, que se distinguiu durante o seu mandato polo seu apoio constante á cultura galega. Así, Manuel Murguía foi nomeado arquiveiro desta institución e as súas publicacións e traballos recibiron o apoio do ente provincial, canda o doutros intelectuais galeguistas, como Martínez Salazar e Carré Aldao. O centenario da Guerra da Independencia recibiu unha especial atención, coa publicación de varios álbums conmemorativos. Foi tamén gobernador civil da Coruña e amigo dos membros da chamada Cova Céltiga e dos principais intelectuais rexionalistas da época.
Con motivo da súa morte, o académico Xosé Filgueira Valverde publicou unha nota necrolóxica no Boletín da Real Academia Galega.