Académicos e académicas

Ramón Pérez Costales

Ramón Pérez Costales

Oviedo, 1832 - A Coruña, 1911
Data de ingreso
04/09/1905
A proposta de
Comisión xestora

Médico, político e filántropo comprometido coa xustiza social e a causa republicana, Ramón Pérez Costales foi ministro durante a I República española e formou parte das iniciativas que deron lugar á creación da Real Academia Galega. Fundou na Coruña un colexio de educación infantil e un instituto de vacinación, e foi un dos promotores da Cociña Económica e do Colexio de Médicos e Farmacéuticos da mesma cidade, que presidiu en primeiro lugar. Amigo persoal de José Ruíz Blasco, foi o primeiro mecenas na carreira do seu fillo Pablo Picasso.

Natural de Oviedo, trasladouse á Coruña co resto da familia cando destinaron a esta cidade o seu pai, funcionario de Facenda. En 1854 remata en Santiago de Compostela os estudos de Medicina, que comezara na súa localidade natal, e casa coa coruñesa Petra Tilve. Logo de traballar durante dous anos en Santa Olalla (Toledo), regresa en 1858 á Coruña, onde empeza a exercer a medicina. Traduce o opúsculo de Depaul Tratado teórico y práctico de auscultación obstétrica (1858) e, en 1861, acada praza por oposición como médico castrense na mesma cidade.

Froito da súa experiencia como doutor castrense, publica unha memoria sobre hospitais militares e un regulamento sobre exencións do servizo militar por causas fisiolóxicas que causaron malestar nos círculos militares. A raíz deste conflito, abandona o exército para se dedicar ao exercicio da medicina privada na cidade da Coruña e a participar activamente en política na defensa dos seus ideais democráticos. Durante esta xeira ten un fillo natural, fóra do matrimonio, Modesto Castilla Casal.

Orador eximio e comprometido desde moi cedo coa causa republicana, co fracaso da sublevación do Cuartel de San Gil en 1866, vese obrigado a exiliarse en Portugal, onde fica dous anos e prosegue a súa actividade política escribindo pezas de contido revolucionario. Logo do triunfo da revolución Gloriosa de 1868, o derrocamento de Isabel II e o inicio do Sexenio Democrático, Costales regresa do exilio, enrólase nas fileiras do Partido Republicano Federal e traballa na súa expansión territorial. O fracaso nas eleccións de 1869 lévao a fundar o xornal La Lucha Electoral e á publicación ese mesmo ano de La verdad de las aldeas, libro que tivo unha gran difusión na súa época no que denuncia a precaria situación do campesiñado galego, a súa explotación pola banca e o estado monárquico, e defende un programa republicano de liberdades políticas e económicas. Ese mesmo ano é un dos asinantes do Pacto Federal Galaico-Asturiano que propuña a creación dun estado asturgalaico no seo dunha república federal española.

En 1872 é elixido deputado a Cortes pola Coruña e, ao ano seguinte, coa proclamación da I República en xuño, é nomeado ministro de Fomento do goberno de Pi y Margall e presidente do Executivo da República, cargo que exerce durante menos de un mes. Despois da caída da República, Pérez Costales regresa á Coruña e pula o resto da súa vida política pola reconstrución e reunificiación do partido dun Partido Republicano Federal,envolto en fortes desavinzas internas entre os seus tres líderes, Pi y Margall, Nicolás Salmerón e Ruíz Zorrilla, que o levaron á irrelevancia política. En 1893 participa nas protestas cidadás contra o traslado da capitanía militar da Coruña e é un dos promotores da Xunta de Defensa Militar, o que lle custa unha breve pena de cárcere. En 1889 foi un dos iniciadores do Casino Federal e foi escollido concelleiro da cámara municipal coruñesa.

Dotado dun fondo sentido humanitario e filantrópico que lle outorgaron sona como médico dos pobres, en 1876 fundou un escola para nenos e un instituto de vacinación contra a varíola e a difteria. Dez anos máis tarde, en 1886, participou na creación da Cociña Económica da Coruña, aínda activa, e en 1894 na do Colexio Oficial de Médicos, do que foi o seu primeiro presidente. Tamén presidiu a Academia de Medicina e Cirurxía da Coruña. Emilia Pardo Bazán retratouno na súa novela La piedra angular, so a identidade ficticia do doutor Moragas, médico e filántropo.

Como literato, participou asiduamente na prensa da época con poesías e artigos polémicos de contido político. Publicou dous libros de poemas El señor Juan (1883) e Perucho (1887), con limiar de Emilia Pardo Bazán. Realizou tamén un apropósito para o entroido coruñés sobre a creación da Cociña Económica.

Amigo da familia Ruíz Picaso desde que o pai, José Ruíz Blasco, se instalou na Coruña para traballar, entre 1891 e 1895, na escola de Belas Artes, Costales foi o primeiro mecenas na carreira artística do seu fillo, Pablo Picasso, e o promotor da súa primeira exposición artística. O médico coruñés posuía varias obras do Picasso neno, quen realizou, así mesmo, un Retrato de Ramón Pérez Costales. El foi tamén quen subscribiu o informe médico que facilitou a marcha da familia Ruíz Picasso a Barcelona grazas a unha permuta de José Ruíz co pintor coruñés Román Navarro. Pérez Costales acompañou a familia ata Málaga, onde permaneceu unha tempada, antes de regresar de xeito definitivo á Coruña tras unha breve parada en Madrid.

Logo da disolución de Folk-lore gallego, entidade fundada en 1884, presidida por Emilia Pardo Bazán e da que o propio Pérez Costales fora o seu vicepresidente, Pérz Costales foi un dos iniciadores, canda outros intelectuais, en 1895 dunha Comisión xestora que tiña como fin a creación dunha Academia Gallega, obxectivo que non chegaron a acadar . Secasí, como recoñecemento ao seu labor precursor en defensa da lingua galega, foi nomeado entre os primeiros membros honorarios da Real Academia Galega.